Os dous concellos veñen de recibir unha subvención de Turismo de Galicia por importe de 60.000 euros para actuacións destinadas á mellora da sinalización turística, a recuperación e tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos, da riqueza histórica, cultural e patrimonial que posúen ambos os municipios.
Unha das actuacións máis relevantes é a que vai permitir iniciar os traballos de posta en valor do Camiño Eufrasiano. Os traballos que se espera finalizar en outono adxudicáronselle a Servitec Medioambiente.
Durante séculos, os peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela utilizaron diversas rutas, moitas delas non oficiais, aproveitando os antigos camiños romanos e as vías de comunicación existentes na época. Nos últimos anos, gañou forza a proposta de establecer esta nova ruta xacobea que atravesa Samos e O Incio, xa que este camiño era usado polos peregrinos que entraban en Galicia por Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro), e entroncaban co camiño francés en Samos.
Levarase a cabo a sinalización con paneis de metal conforme ó Manual de sinalización turística de Galicia e o embelecemento de vías, así como o acondicionamento da “área recreativa As Fontes” para o uso dos camiñantes e visitantes.
Instalarase unha mesa informativa metálica no Santuario de Santo Eufrasio en substitución da deteriorada, con toda a información da igrexa e do sepulcro deste santo. Instalarase ademais unha mesa informativa metálica no cruce coa pista que vai á Necrópole Serra do Édramo con toda a información do camiño e tamén información sobre os xacementos arqueolóxicos da zona, necrópole Serra do Édramo, BIC Necrópole de Santa Mariña e Castro de Formigueiros.
Outras actuacións
Na área recreativa “As Fontes”, que está no Camiño Eufrasiano proxéctase o acondicionado de toda a zona para uso dos visitantes. Por un lado a retirada de forma manual de toda a vexetación invasora da zona, tanto no acceso como na zona de lecer, onde están situados catro mesas de pedra cos seus dous respectivos bancos.
Preténdese ademais actuar no patrimonio arqueolóxico, unha das maiores riquezas da zona, como son a Necrópole de Santa Mariña, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2006, e a Necrópole Serra do Édramo, tamén denominada Campo de Valentín.
Na Necrópole de Santa Mariña a actuación recolle a retirada da mesa deteriorada e a substitución por unha mesa con información mais detallada e completa.
No caso da Necrópole Serra do Édramo, vaise substituír a sinalización, recuperación e tratamento paisaxístico da contorna de unha das mámoas existentes, así como a creación dunha infografía 3D que estará centrada na recreación de unha mámoa na Serra do Édramo, a través de escenas coidadosamente producidas e unha ambientación realista.
A actuación no Castro de Formigueiros inclúe a retirada e substitución da sinalización existente que está moi deteriorada, instalacións dunha mesa informativa metálica e recuperación e tratamento paisaxístico da contorna do castro. Nesta zona tamén se proxecta a mellora na zona do castro co desbroce parcial de accesos e da zona do castro, mediante a retirada de forma manual da vexetación arbustivaque invade o xacemento.
Por último, tamén se vai intervir na Ruta do Carballal coa sinalización e embelecemento de vías. Calcúlase unha superficie de actuación de 1.283 m2.