A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) está movendo unha campaña en Change.org para reclamar o dereito a decidir sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
Un completo manifesto lembra que a Ribeira Sacra é un territorio rural cunha poboación envellecida, con servizos básicos xa ao límite e problemas de vivenda, sanidade e infraestruturas. A federación alerta de que o selo UNESCO pode agravar estas dificultades se non se planifica con garantías e por iso consideran de vital importancia que se escoite ao pobo, á xente que vive no territorio.
Tras a exposición de potenciais problemas que poden vir pola ‘turistificación’ derivada da declaración de Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, esixen tres compromisos previos:
1. Un referendo veciñal para decidir entre todos e todas.
2. Información accesíbel e transparente, con proxectos concretos en cada concello e da Xunta de Galicia.
3. Un plan real para dimensionar a sanidade, a vivenda, as infraestruturas, o medio ambiente e os servizos básicos á poboación residente e turística.
“A Ribeira Sacra é un fogar, non un escaparate. Queremos vivir aquí con dignidade, non ser expulsados polo turismo descontrolado e o abandono institucional”, conclúe o manifesto.