HomeMedio ambiente e PatrimonioADEGA recorrerá aos xulgados se non se cumpren os prazos para a...

ADEGA recorrerá aos xulgados se non se cumpren os prazos para a declaración BIC da Cova de Eirós

Na actualidade, a integridade e estabilidade da Cova (Concello de Triacastela) atópase en risco, ao estar situada en terreos da canteira de Cementos Cosmos e sometida á presión da actividade mineiro-extractiva, polo que consideran que a declaración de BIC debe ser inminente.

Publicado o

- Advertisement -

O 10 de abril de 2017, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia iniciou o expediente de declaración da Cova Eirós como Ben de Interese Cultural (BIC). A resolución establecía un prazo de 2 anos para a súa resolución definitiva, prazo que se cumple o vindeiro 10 de abril.

A estas alturas, ADEGA di descoñecer se o departamento de Cultura acolleu as achegas ao expediente presentadas pola asociación ecoloxista o pasado 2 de xuño de 2017. ADEGA reclamaba o estudo e protección doutras covas do mesmo conxunto arqueolóxico, aumentar a 200 metros a área de protección integral do xacemento e a restauración do teito vexetal orixinal da cova.

Cova de Eirós / agorahistoria.com

A Asociación quere que se determinen medidas de cautela que eviten o deterioro da cova e que favorezan a recuperación e protección dos seus valores ambientais, arqueolóxicos,  paleontolóxicos, patrimoniais e artísticos. Lembran, ademais, que a “normativa vixente obriga á administración pública a conferirlle a Cova Eirós de forma automática o rango de BIC por conter no seu interior gravados e pinturas rupestres”.

ADEGA teme que a Xunta faga primar os intereses da canteira e deixe caducar o prazo de resolución de BIC, o que condenaría ó xacemento a permanecer durante outros dous anos sen a protección como ben de interese cultural, xa que a lei impide que antes de dous anos se incoe un novo procedemento BIC, unha vez teña caducado o primeiro.

Montserrat Lombardía, presidenta de ADEGA e Adela Figueroa, vicepresidenta de ADEGA en Lugo / ADEGA

Anuncian desde ADEGA, que no caso de que a Xunta deixe expirar o prazo para a declaración definitiva, adoptarán as medidas legais que sexan necesarias para facer efectiva a protección da Cova Eirós como BIC e non descarta, recorrer aos xulgados do penal para dirimir presuntas responsabilidades na deixazón de funcións públicas ou contra o patrimonio cultural.

A Cova de Eirós

A cova atópase en Cancelo, Concello de Triacastela, Provincia de Lugo. A entrada á cavidade está ubicada na ladeira NNW do Monte Penedo de Serra de Ouribio, a 780 metros de altitude.

Segundo se recolle en paleoantropologiahoy.blogspot.com, a cavidade ten unha lonxitude de 104 m. cunha entrada de 2 m. de altura e 3,5 m. de ancho. Despois dos primeiros 7 metros comeza unha gateira de 15 metros de lonxitude, para posteriormente entrar á Sala Principal ou do Mamut, de 15 metros de lonxitude. A cova continúa por un pasillo que conduce á Primera Galería, Sala dos Sacos e Segunda Galería.

Topografía da Cova Eirós e cuadrículas das excavacións de 1991. Grandal, 1993 / paleoantropologiahoy.blogspot.com

Segundo ADEGA, no interior e na contorna da Cova gárdanse as pegadas da humanidade primixenia, con restos de lumes de máis de 180.000 anos e pinturas rupestres datadas en máis de 9.000 anos, sendo a primeira cova de Galiza na que se atoparon manifestacións rupestres. Por ela pasaron os humanos do Neandertal e os primeiros Cromagnon da Península Ibérica, sendo utilizada case sen interrupción ata os anos 50 do século pasado, e gardando incluso restos pictóricos da Idade Media (s. XII).

ADEGA vén de saber da existencia doutras 10 covas que se atopan nos terreos propiedade da canteira Cementos Cosmos e na área delimitada do BIC, das que 7 estarían dentro do perímetro de protección integral. ADEGA xa solicitou á Consellaría de Cultura que procurase o inventario e catalogación destas novas cavidades, así como a súa protección dentro do BIC.

ÚLTIMAS

O PP de Monforte urxe a mellora inmediata da conexión da N-120 co Polígono do Reboredo

A voceira popular, Katy Varela, denuncia que o firme se atopa nun estado “totalmente...

CSIF esíxelle ao Concello de Taboada maior financiamento para o SAF

Este escrito enmárcase nunha iniciativa que o sindicato está a desenvolver en todos os...

Irmandamento entre a Feira do Viño de Amandi e a Festa da Filloa de Muimenta

O Concello de Sober aproveita a conta atrás da Feira do Viño de Amandi...

Os Bolechas ensinan sobre compostaxe doméstica na publicación “Os composteiros de Monforte”

“Os composteiros de Monforte” está protagonizado polos coñecidos Bolechas, encargados de ensinar á rapazada...