HomeMedio ambiente e PatrimonioA primeira ‘escaperoom de exterior’ en Ribeira Sacra

A primeira ‘escaperoom de exterior’ en Ribeira Sacra

“Búskao en Ribeira Sacra”, programa de xogos de interacción que impulsa o Consorcio de Turismo, funcionará esta Semana Santa e ofrecerá un xogo de escape exterior que se desenvolverá en puntos de interese deste xeodestino.

Publicado o

- Advertisement -

Esta primeira ruta leva por nome  “Irmandiños, a última batalla“. Neste xogo de escape cada grupo, de 2 a 6 participantes, disporá dunha mochila con moitos compartimentos e unha aplicación móbil coas que terán que atopar pistas, abrir múltiples cadeaos e recoller imaxes das localizacións  para resolver un feito real que aconteceu nestas terras hai máis de 500 anos. Combina pistas de busca, outras de realidade aumentada e tamén os sons e as imaxes que serán claves para desvelar o que agocha cada un dos emprazamentos. Pero ante todo, o enxeño, a creatividade e o traballo en equipo serán de gran utilidade.

Así reza a presentación do xogo: “Un grupo de investigadores acaba de descubrir o xeito de retroceder no tempo e contrátavos para intentar cambiar o resultado dunha batalla de hai 5 séculos. Un reto que debedes de realizar antes de que se poña o sol ou verédesvos atrapados nun bucle de espazo temporal do que non poderedes volver xamais”.

O fío condutor que se deduce do propio nome do xogo, explícase a través dun vídeo e dos textos que contén a aplicación.

O tempo de resolución de cada unha das localizacións (non os tempos de desprazamento entre os diferentes puntos do xogo) irase sumando e ao remate do xogo concederá unha posición no ranking de “Búskao en Ribeira Sacra”. A duración mínima estimada para este xogo é de 4 horas.

Abas de viñedo e canon do Sil / XdL

Dende este sábado, día 13 de abril, queda aberto o prazo para solicitar a reserva dunha mochila. Poranse a disposición 7 mochilas (para 7 grupos) durante os días 18, 19 e 20 de abril. O prezo do aluguer para cada grupo é de 30 € por tratarse dunha acción promocional do Consorcio. O seu prezo de mercado situaríase arredor dos 120 €.

Dende o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra explican que esta iniciativa ten moito traballo detrás e que require dunha atención e seguimento permanente. Por iso lembran que se algún dos grupos se atopa con problemas para resolver algunha das pistas prestaráselle asistencia telefónica ou presencial se fose preciso. Ademais, os materias empregados son numerosos e, moitos deles, custosos. É un dos puntos que diferenza esta oferta de outras moitas que podamos atopar polo territorio nacional.

Alexandra Seara, xerente do Consorcio, explica tamén que a experiencia que se recolla nestes días será fundamental para corrixir e mellorar aspectos do xogo e formular novos máis adiante.

“Búskao en Ribeira Sacra” está pensado para un turismo familiar, diferenciando a oferta turística de Ribeira Sacra baixo criterios de innovación e posta en valor dos recursos, materiais e inmateriais, da nosa historia. A iniciativa enmárcase dentro do convenio de colaboración anual entre o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e a Axencia Turismo de Galicia.

ÚLTIMAS

Doc Magoo’s: 25 anos de Rock and Roll

A banda de rocanrol Doc Magoo's percorreu un longo camiño desde os seus inicios...

Este 7 de xullo péchase a zona de xogos do Parque da Compañía

A primeira hora da mañá deste luns, 7 de xullo, procederase á realización de...

A campaña ‘Merca no teu comercio’ chega á Comarca de Quiroga

'Merca no teu comercio' chega aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso...

Extinguido o incendio de Monforte que afectou a Seoane e San Xiao de Tor

A Consellería do Medio Rural deu por extinguido un incendio no municipio de Monforte...