Mobilización en Sarria pola seguridade do CEIP Frei Luis de Granada

Este venres 24 de xaneiro tivo lugar unha manifestación convocada polas nais e pais do CEIP Frei Luis de Granada de Sarria para reclamar á Xunta de Galicia unha solución aos problemas de seguridade que afectan ao centro, apuntalado o pasado luns.

Manifestación en Sarria con repreesentantes do BNG presentes na protesta. Fonte: Prensa BNG

Na manifestación, que percorreu as rúas da vila a partir das 8:30 da tarde, participaron centos de persoas, dende pais e nais do alumnado ata mestres, veciñas e veciños de Sarria e algúns representantes políticos.

O percorrido da mesma tivo como punto de partida o propio centro educativo para rematar na Praza da Vila, lugar onde se deu lectura a un manifesto esixindo á Consellería de Educación que tome as medidas oportunas para garantir que a vila de Sarria teña un centro público de educación primaria seguro. Moitos dos participantes na protesta levaban chalecos reflectantes, cascos de obra e chifres.

A viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, que estivo presente xunto cos concelleiros de Sarria Efrén Castro e Mónica Castro, sinalou que “viñemos a a apoiar ás familias e a defender un ensino público e de calidade. O que necesita a vila de Sarria é un centro novo, do século XXI, que garanta a seguridade do alumnado e do profesorado”.

“A mobilización social é a que consegue facer presión suficiente para que a Xunta do Partido Popular e do señor Feijóo teña que moverse”, apuntou Rodil, quen encadrou a xestión do goberno galego en Sarria “como un intento máis de desmantelar os servizos públicos”.

O CONCELLO MOVE FICHA

O Concello de Sarria, visto o estado do edificio -no informe emitido pola entidade Inveco Investigación y Control Lugo, S.L.- e vistos os acontecementos que se están a producir estes días, vén de facer público un comunicado no que dá conta dunha resolución acordando 4 puntos: que se proceda a levar a cabo un Plan de actuación implementando as medidas de seguridade necesarias para evitar as deficiencias do edificio; que se solicite da Deputación Provincial de Lugo a colaboración dos seus técnicos de cara a emitir informe técnico en relación ao estado do mesmo; que se inste á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para que valore medidas cautelares que poidan ser a paralización da actividade escolar ou a recolocación do alumnado, e como punto final que se notifique esta resolución ao Organismo titular do Centro, que disporá de dez días para presentar alegacións e documentación que estime pertinentes.

Segundo refiren do propio concello, a intención deste decreto é facer un seguimento das reparacións e medidas correctoras que se tomen no edificio que aloxa ao centro escolar e transmitir aos pais e consello escolar a marcha dos mesmos. E en calquera caso, quérese evitar o acontecido xa no 2011 cando, detectados defectos construtivos no edificio, estes non se corrixiron.

O vindeiro 30 de xaneiro haberá pleno ordinario, co cal será o momento oportuno para que o alcalde dea conta do acordo adoptado e os grupos políticos se manifesten ao respecto.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here