Hai catro anos Feijóo falaba da “lexislatura do rural” e catro anos despois, ás portas dunhas novas eleccións autonómicas, seguimos atopando falta de servizos ou servizos deficientes en moitos núcleos rurais.
Un servizo básico, como é o da recollida do lixo, fixo mobilizar a veciñas e veciños do lugar de Uceira Branca, na parroquia de Castro de Rei de Lemos en Paradela, para reivindicar unha ubicación máis accesible do colector de lixo.
Segundo refiren nun manifesto que nos fixeron chegar para que a súa queixa teña máis visibilidade, e que encabezan citando normativa xurídica relacionada coas súas reivindicacións, sinalan que: “despois de moitos anos de servizo, o concello decidiu cambialo de sitio, situándoo na entrada do lugar. Este cambio de localización está xerando moitos problemas para as persoas de máis idade, que son a maioría, e que teñen grandes impedimentos de mobilidade para realizar un traxecto tan longo para tirar o lixo”.
No mesmo comunicado solicitan do concello de Paradela: “volver a situar o contedor onde estivo toda a vida, facilitando así que a xente maior poida depositar o lixo sen realizar grandes esforzos que menoscaben a súa saúde, ou que simplemente poidan levalo, posto que algúns teñen que valerse doutros veciños”.
MANIFESTO POLO RESPECTO Á DIGNIDADE DAS PERSOAS MAIORES NO LUGAR DE UCEIRA BRANCA, NO CONCELLO DE PARADELA
“No medio do noso lugar hai un só contedor de residuos sólidos, e despois de moitos anos de servizo, o concello decidiu cambialo de sitio, situándoo na entrada do lugar. Este cambio de localización está xerando moitos problemas para as persoas de máis idade, que son a maioría, e que teñen grandes impedimentos de mobilidade para realizar un traxecto tan longo para tirar o lixo. Algunhas destes afectados teñen minusvalías e problemas de saúde, algúns andan con muletas, e outras deben descansar cada 20 metros porque lles faltan os folgos, tendo que pedir auxilio a outros veciños. A actuación e xestión municipal é contraria ao disposto na normativa de accesibilidade, á de servizos sociais de Galicia e dende logo non concorda coa actuación que deben ter os poderes públicos segundo o disposto na Carta magna sobre o benestar das persoas da terceira idade.
Sabemos que non é fácil vivir no rural, e que non contamos cos mesmos servizos que nas zonas urbanas, nin se ofrecen estes coa mesma calidade, pero non queremos que se nos dificulte aínda máis dende as administracións públicas as xa precarias condicións ás que nos afrontamos cos nosos proxectos vitais no medio rural.
Esta situación inxusta que estamos a padecer, ten fácil solución, e consiste en volver a situar o contedor onde estivo toda a vida, facilitando así que a xente maior poida depositar o lixo sen realizar grandes esforzos que menoscaben a súa saúde, ou que simplemente poidan levalo, posto que algúns teñen que valerse doutros veciños. Fai falla vontade e boa fe por parte do concello para rematar con este trato inhumano e inxusto cas persoas maiores do lugar, por iso solicitamos na medida das posibilidades, apoio, axuda e mediación, para garantir o bo funcionamento do servizo en consonancia cas demandas veciñais de accesibilidade”.
Veciñas e veciños asinantes:
D. Casto Pérez López, Dna. Amelia López Díaz, Dna. Andrea Pérez López, Dna. Noelia Pérez López, D. Alfredo Casto Pérez López, Dna. Mª Luisa López Pardo, D. Emiliano López Somoza, D. Ramón López Ríos, Dna. Consuelo Ríos Dubra e Dna Sofía López Álvarez.