HomeMovementos sociaisCampaña de sinaturas para conseguir a canle temática ‘Xabarín Club’

Campaña de sinaturas para conseguir a canle temática ‘Xabarín Club’

A iniciativa parte da MESA pola normalización lingüística e busca aumentar os contidos en galego na RTVG para a cativada e a mocidade. A Mesa Lemos convida a que veciñas e veciños do sur de Lugo asinen e colaboren na campaña.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A coñecida asociación, referente galego na defensa da nosa lingua, pretende conseguir que a corporación RTVG aumente a oferta de contidos destinada aos máis cativos e á mocidade a través da creación dunha canle temática -Xabarín Club- con programación as 24 horas en galego.

Para conseguilo A MESA impulsa unha Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular, un mecanismo contemplado na lexislación que permite rexistrar unha proposta para ser asumida por algún dos grupos parlamentarios e debatida despois no Parlamento sempre que se reúnan un mínimo de 2.500 sinaturas.

A asociación recolle nun mapa que ten na súa web a localización dos puntos de recollida de sinaturas co obxectivo de facilitar o labor das persoas que queiran apoiar a petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”. Ademais do anterior tamén se pedirá que sexa unha programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos.

A proposición tamén insta ao Goberno da Xunta a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.

A Mesa Lemos anima a veciñas e veciños do sur de Lugo a asinar e tamén a que establecementos e xente a título individual se ofreza a recoller sinaturas. Para colaborar, os interesados e interesadas teñen que contactar a través do correo electrónico xabarintv@amesa.gal

En Monforte de Lemos recollen xa sinaturas nos establecementos seguintes: Imprenta Fénix e Tenda das Viandas. En Sarria pódese asinar no Estanco Gallego; en Chantada na Cafetería A Pisada dos teus zapatos e Chiquitines, tenda de bebé e en Taboada na Librería Arco Iris.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...