O colectivo Segredos de Pantón, colaboradores deste xornal, naceu o 6 de outubro de 2016 e foi no 2019 cando se formalizou xa como asociación cultural. O seu presidente é o activista cultural Lucas Vázquez, que xunto con outras e outros colaboradores fan posible que actualmente sexa unha das entidades culturais máis activas da contorna.
Segundo explica Lucas Vázquez: “dende a nosa asociación xa levamos varios anos coa idea, e mesmo traballando no feito de elaborar unha páxina web, así en 2018 e 2019 contactamos con diferentes empresas da comarca para ver presupostos e deseños”. O caso é que non deron concretado e tampouco atopaban o momento para darlle pulo a ese proxecto, ata que rematando 2020 se puxeron ‘mans á obra’ e elaboraron eles mesmos unha web nunha plataforma da internet que facilita o proceso.
E para que querían a páxina web? “O paso definitivo foi por que vimos que xa tiñamos moitos traballos realizados sobre o noso concello colgados nas redes sociais, en medios de comunicación ou noutras plataformas como pode ser Galipedia… pero non tiñamos un lugar exclusivo para nós onde de forma sinxela unha persoa puidera consultar todo o material que xeramos estes anos”, comenta Vázquez.
Deste xeito, o portal web pretende facer de arquivo dos traballos, actividades e accións que teñen feito dende o ano 2016, pero tamén empregalo como espazo de promoción da propia asociación xa que neste 2021 queren facer campaña de captación de socias e socios. Segundo refire o seu presidente: “desta forma pensamos que este ano, que facemos 5 anos, é unha boa forma de comezalo e tentar aproximarnos á xente indo un pouco máis aló”.
A PÁXINA WEB
A Asociación Cultural Segredos de Pantón, que ata o momento empregaba os seus perfís de redes sociais para comunicar as súas actividades e traballos, estrea oficialmente o seu portal web.
Está realizada co soporte dunha plataforma das moitas que operan na internet, sinxela e intuitiva para que poida acceder a todos os contidos calquera tipo de usuario/a. Nela destacan sete carpetas ou apartados principais: Que é Segredos de Pantón?, Investigacións, Concurso Fotográfico de Nadal, Roteiros, Entrevistas, Tradicións e Bibliografía.
En ‘Que é Segredos de Pantón?’ preséntanse a traxectoria da asociación e os seus obxectivos ou fins; en ‘Investigacións’ pódense atopar pequenos traballos sobre temas de interese de carácter histórico e patrimonial; no apartado do ‘Concurso fotográfico de Nadal’ cóntase o que deron de si os sucesivos concursos; en ‘Roteiros’ fan balance e recomendan as andainas culturais realizadas; no lugar dedicado a ‘Entrevistas’ arquivan as entrevistas feitas dende o 2018 a proxectos emprendedores da zona, persoas, temas de actualidade… a maioría delas publicadas tamén en Xornal de Lemos; en ‘Tradicións’ fanlle un oco ás tradicións e festexos de Pantón; e xa para rematar, en ‘Bibliografía’, ofrecen unha serie de recursos divulgativos e científicos con fontes de información sobre cultura, historia e tradicións sobre a contorna.