HomeMovementos sociaisO CEIP de Quiroga contra o acoso escolar

O CEIP de Quiroga contra o acoso escolar

A ANPA deste centro escolar quirogués vén de presentar un traballo audiovisual sobre o bullying. Nel, ademais da implicación e o protagonismo da rapazada, destaca a participación de xente como María Castro, Rozalén, ou Xosé A. Touriñán.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A ANPA do CEIP de Quiroga vén de presentar unha interesante iniciativa que tiveron para visibilizar e combater o ‘bullying. Trátase dun vídeo –Stop Bullying– no que as cativas e os cativos, a través de diferentes postas en escena colectivas, amosan o seu rexeitamento ao acoso escolar pero tamén actitudes proactivas para combatelo.

O traballo audiovisual —VÍDEO— compleméntase con mensaxes de xente famosa que participaron desinteresadamente no proxecto. Coñecidas e coñecidos da contorna pero tamén a nivel de Galicia e nacional. Participan, por exemplo, a escritora de Quiroga Celia Díaz, a actriz María Vázquez, os humoristas Xosé A. Touriñán, Sergio Pazos e Alberte Montes ou a música Rozalén.

Falamos con Mayte Pérez, representante de ANPA e unha das artífices do proxecto.

Como xurdiu a idea?

De xeito natural xa que é un problema que a todas as familias nos preocupa. O primeiro que fixemos foi falar coa dirección do centro educativo para consensuar as actividades co alumnado e tamén a importancia de que todos os traballos contiveran mensaxes positivas.

A idea era gravar un vídeo. Cóntanos.

Si. Para poder realizalo contactamos con Xavi Gantes. Captou totalmente as nosas intencións e colaborou plenamente na realización delas, ocupándose el principalmente da parte técnica.

Do guión tamén se encargou el?

Entre Xavi Gantes e eu démoslle forma á estrutura sobre unha idea miña. O fío condutor da ‘mochila cargada de pedras’, por exemplo, foi cousa miña.

No vídeo tamén destacan as mensaxes de xente coñecida. Como o fixestes posible?

Movémonos moito, pedimos axuda e nós mesmas movémonos para chegar a xente relevante a través dos seus representantes pensando que o seu testemuño sería importante. Empregamos todos os medios que puidemos, teléfono, redes sociais, etc. Respecto da xente que nos botou unha man, foi marabilloso! Estamos moi agradecidas. Cada unha e cada un deles achegou diferentes puntos de vista e sorprendeunos a colaboración desinteresada dende o minuto un.

No vídeo sae xente da contorna pero tamén a nivel de Galicia e nacional.

De Quiroga temos, por exemplo, a Celia Díaz, Alberte Montes, Rosa Arza, Sergio Delpont… e de fóra, Andrés Montes, Rozalén, Touriñán, Sergio Pazos, Alajandro Albaiceta, Carlos Cañas, David Vilares, Mikel Bustamante, Estefanía Padullés e Mike Daum.

Algún ou algunha que se vos escapara?

Pois mira, non tivemos a Tosar ‘polos pelos’. O seu representante díxonos que estaba rodando fóra de España. Se estivese aquí houbese participado. E tampouco puido ser Luz Casal, pero xa quedamos con ela para que forme parte doutro proxecto no que pensamos para o 2022.

A rapazada de dez, verdade?

Si, o mellor de todo foi a implicación deles, traballaron con moita empatía e asertividade o tema do acoso escolar (bullying) cos seus Mestres e mestras, que era o fin do proxecto. A eles e ás súas familias vai dedicado o noso traballo.

Algunha anécdota?

Por exemplo, que Sergio Pazos contounos na súa intervención que a súa nai foi profesora no Colexio de Quiroga, ou que estivemos a punto de contar tamén con Iñaki Zubizarreta un ex-xogador de baloncesto que superou o acoso escolar e agora conta a súa experiencia en charlas. Ademais, tamén protagoniza un cómic sobre a súa historia, “subnormal”. Xa nos dixo tamén, que para o ano que vén viña seguro.

Algo máis que engadir, Maite?

Queremos dar as grazas a todas/os as/os implicadas/os pois deixan unha pequena pero gran pegada nun labor tan importante como é fomentar o fin dun problema tan tremendo como é o bullying. Ogallá o noso traballo axude a concienciar, educar e erradicar o acoso escolar e que ningún neno e nena teñan que sufrilo e poidan vir á escola felices e a gozar da experiencia duns anos máxicos que as/os marcarán para sempre.

ÚLTIMAS

José Tomé Roca revalida a Secretaría Xeral do PSdeG de Lugo

Tomé Roca logrou 801 votos fronte aos 585 obtidos por Iván Castro, Deputado Provincial...

Case mil persoas participaron este domingo na XV Carreira Popular Concello de Monforte

O número de inscritos na XV edición da Carreira Popular de Monforte de Lemos,...

O Quixós volve de Portugal como subcampión galego en ‘Promesas Slalom’

Un novo éxito para o Club de piragüismo Quixós de Monforte, nesta ocasión no...