HomeMovementos sociaisO equipo de Goberno de Monforte anima a sumarse á campaña do...

O equipo de Goberno de Monforte anima a sumarse á campaña do 25N

A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, deron a coñecer este xoves o amplo programa que organiza o concello, a través do Centro de Información á Muller (CIM).

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Dende o Concello de Monforte impulsan un completo e variado programa de actividades co gallo do “Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero“. A campaña de sensibilización local que leva por títuloMonforte, En negro contra as Violencias, ten por obxecto, en palabras da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López: “facer un chamamento á unión e implicación da xente da cidade para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”.

Na presentación da campaña lembrou que “a violencia machista é a primeira causa de morte prematura entre as mulleres, o machismo mata e ten que ser unha cuestión política de primeira orde. Desde o ano 2003, data que marca o inicio da recompilación de datos oficiais, foron asasinadas por violencia de xénero en España 1.283 mulleres. No que levamos de 2024, ata principios de novembro foron asasinadas 39 mulleres”, e insistiu na necesidade de implicación unánime da sociedade monfortina no rexeitamento de todas as violencias contra as mulleres.

As diferentes actividades programadas estenderanse do 7 ao 29 de novembro, serán puntualmente anunciadas e un vinilo no bus urbano lembrará a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero.

ACTOS CENTRAIS DO 25N

Como todos os anos, o luns 25 de novembro acollerá os actos centrais do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero en Monforte.

Ás 12:00 h, terá lugar o acto conmemorativo do propio día coa Lectura do Manifesto na Praza do Concello a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade.

Posteriormente desenvolverase a peza de Microteatro tituladaO que pasa na lareira queda na lareiraa cargo da artista Merche  Pérez.

A este acto acudirá alumnado de Educación Primaria para facelo partícipe na conmemoración desta data, e tamén se repartirá entre o público asistente material de sensibilización serigrafiado co lema da Campaña “Monforte  en Negro contra as violencias”.

RESTO DE ACTIVIDADES PROGRAMADAS

O pasado xoves 7 de novembro pola mañá o Salón de Actos do Edificio Multiusos foi o escenario escollido para desenvolver un Obradoiro dirixido a alumnos e alumnas de 4º da ESO, que consistiu na representación da obra “DeseXo” da compañía Talia Teatro e un coloquio posterior no que a sexóloga Bárbara Penas xerou un espazo de reflexión sobre a importancia dunha educación integral que inclúa a saúde sexual e emocional dando resposta as dubidas e inquedanzas do alumnado.

Esa mesma obra de teatro foi representada despois, pola noite, dentro da programación teatral organizada polo Equipo de Goberno para o último trimestre do ano. Obra escrita e dirixida por Diego Rey e cun elenco artístico de Marta Ríos e Dani Trillo. 

Os días 21, 22, 27, 28 e 29 de novembro celebrarase o Obradoiro de Prevención das Ciberviolencias de Xénero, dirixido ao alumnado de 6º de Educación Primaria, en sesións de 90 minutos, e coordinado pola educadora social Paula Santos. O obxectivo do mesmo é fomentar que o alumnado reflexione sobre o impacto que as redes sociais teñen sobre as súas vidas, mediante a comprensión das consecuencias que conleva compartir contido online, promovendo un uso consciente, responsable e seguro. Participarán alumnos e alumnas do colexio de A Gándara, o Torre de Lemos, os Escolapios, o Ferroviario, o CEIP Monforte e o CEE Infanta Elena.

O 21 e 26 de novembro, impartirase o Curso de Defensa Persoal Feminina, que repite no programa dende hai uns anos e que serve para dotar ás mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e para a prevención de situacións de violencia de xénero. Imparte o mesmo Juan José Martínez, a través do Método Mais para aprender a empregar o corpo e a mente contra as ameazas do día a día. A actividade é gratuíta e con número de prazas limitado, polo que as mulleres interesadas deberán inscribirse previamente no CIM (Tel. 982 41 63 50).

O domingo 24 de Novembro ás 18:00h. o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá un Contacontos teatralizado “Dúas nenas moi moi valentes dirixido ao publico familiar, cunha duración de 45 minutos e entrada gratuíta ata completar o aforo. A posta en escena corre a cargo da compañía Trémola Teatro, integrada por profesionais das artes escénicas, e a peza versará sobre a historia de dúas nenas que, nunha festa de pixamas, descobren un libro secreto cheo de historias fascinantes con mulleres como protagonistas.

ÚLTIMAS

O Saviñao organiza un acto solidario cos damnificados pola DANA

Desde o Concello do Saviñao fan un chamamento á solidariedade de toda a veciñanza...

Descarrilan tres vagóns dun tren de mercadorías na estación de Monforte

Un tren de mercadorías sufriu o descarrilamento de tres vagóns o pasado xoves na...

A Deputación vende a última parcela do Polígono dos Acivros en Chantada

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou esta semana ante notario,...

105.000€ para un local social e 7 vías municipais en Taboada

O acordo inclúe case 75.000€ para realizar o acondicionamento e a mellora de 7...