En Monforte, a concentración polo 25N tivo lugar na praza do Concello a partir das 12:00 horas, e acto seguido tivo lugar a lectura do manifesto. A Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López foi a encargada de dar lectura ao mesmo acompañada polo Alcalde, José Tomé, e diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación Municipal.
Despois da lectura tivo lugar a representación da Peza de Microteatro titulada“O que pasa na lareira queda na lareira” a cargo da artista Merche Pérez, e máis tarde alumnado de primaria de diferentes colexios leron palabras simbólicas. Como remate ao acto entregouse material de sensibilización entre o público asistente.
Na concetración tamén había profesores e profesoras, dos diferentes centros educativos da cidade, persoal do Concello e veciñanza en xeral.
QUIROGA: MANIFESTO E PARTICIPACIÓN DO ALUMNADO
Con motivo do 25N o Concello de Quiroga, a través do Centro de Información á Muller de Quiroga, convocaba unha concentración diante da casa consistorial á unha do mediodía. Participaba o alumnado dos dous centros educativos –IES e CEIP de Quiroga– que acudía con pancartas de condena á violencia machista. E xunto a eles, tamén estaba persoal do concello, Alcalde e membros do Equipo de Goberno.
A Concelleira de Educación, Infancia e Igualdade, Maite Pérez Grao, baixo o balcón da casa consistorial que lucía unha pancarta alusiva a esta conmemoración, encargouse de ler un manifesto en repulsa das distintas formas de violencia exercida contra as mulleres. Destacou “a urxencia de alzar a voz por todas as mulleres que sofren violencia machista porque isto tamén é un acto de solidariedade e xustiza”, e fixo unha reflexión, “malia levar anos de loita, cando unha muller conta que sofre algún tipo de vexación táchase de esaxerada, culpabilízase e desacredítase, provocando que miles de mulleres non se atrevan a denunciar certas aptitudes, atopando que o silencio é o principal aliado e cómplice da violencia machista”.
Na intervención da concelleira apareceu tamén unha referencia á violencia que chega a través das novas tecnoloxías, a “crecente problemática da violencia dixital”. E lembrou para non baixar a garda que “a este espazo trasladáronse todas as dinámicas do espazo físico, incluídas aquelas que fan dano, a violencia e os delitos”.
Especial protagonismo tiveron as alumnas e alumnos do CEIP e do IES de Quiroga nesta data reivindicativa. Fixeron unha marcha dende os respectivos colexios ata a Casa do Concello con pancartas e carteis con frases e lemas contra a violencia de xénero e por un mundo en igualdade. E non só iso, sumaron tamén as súas voces a este acto, intervindo algunhas alumnas e alumnos coa lectura de reflexións, condenas e desexos… entre outras mensaxes puido escoitarse: “que os homes non maten ás mulleres”, “que todos poidamos vivir en paz” e “porque mulleres e homes somos iguais”.


CHANTADA: “QUERÉMONOS VIVAS, DI NON Á VIOLENCIA”
Pamela Fernández, concelleira de Igualdade, Luz López, psicóloga do CIM, Manuel L. Varela, alcalde, outros membros da corporación, veciños e veciñas do Concello de Chantada estiveron esta mañá diante da Casa do Concello de Chantada como acto central do 25N dando lectura ao manifesto.
O manifesto comezaba con estas palabras: “Conmemoramos o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres sendo conscientes da urxencia en conseguir que a violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo, deixe de ser estrutural na nosa sociedade”.

E nel destacábase, entre outras cousas, que dende o concello reafirman “o compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres, sendo un obxectivo irrenunciable e prioritario”.
E na condena da violencia machista lembrouse que esta é para “todas as súas manifestacións”, lembrando ademais “as situacións extremas de violencia que padecen as mulleres en zonas de conflito armado, sendo obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade”.
Como remate, subliñouse que “non pode haber silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas, cambie de bando e recaia sobre os agresores”, e pechouse o acto cun “Querémonos vivas, di non á violencia“.