HomeMovementos sociaisA aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas...

A aldea do Cotillón, un exemplo da tendencia por decorar as aldeas do rural no Nadal

Coñecemos como quedou adobiado este núcleo rural do Concello de Pantón e sabemos do traballo que está a facer a asociación Segredos de Pantón e outras como a Asociación de Veciños "San Brais dan Román de Acedre".

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As decoracións de Nadal a nivel particular e a nivel público semella que van a máis. E así como hai cidades que chaman moito a atención polo investimento en luminarias, tamén empeza a medrar unha tendencia do traballo colaborativo en comunidade para decorar o rural nestas festas. En Pantón hai uns anos que o fan, e aldeas como O Cotillón presumen xa de elementos decorativos complementados con luces que estarán ata pasar Reis.

Todo este traballo foi posible grazas á Asociación de Veciños “San Brais dan Román de Acedre” e á asociación cultural “Segredos de Pantón“. Falamos con Lucas Vázquez, presidente desta última entidade.

Como xurdiu a idea de decorar de Nadal o rural de Pantón?

Todo vén de que no Nadal cando falamos de ir ver decoracións ou mencionamos decoracións chulas e fermosas sempre pensamos en núcleos urbanos (Monforte de Lemos, Ourense ou Vigo). Mais nós pensamos que sería unha interesante iniciativa poder vermos as nosas aldeas cheas de fermosas decoracións e dándolles unha visión diferente. O Nadal é algo de todos e todas, non só das vilas ou cidades, ademais no rural é onde perviven os nosos costumes de Nadal.

Árbore con luces no Cotillón 2024. Foto: SdP.

Que colectivos empezastes e seguides impulsando esta iniciativa?

Todo comezou hai catro invernos na parroquia de Castillón coas veciñas da aldea de Galegos. E daquela temos que agradecer a Iria e Dani pola súa axuda para poder falar coas veciñas e organizar tódalas decoracións. A día de hoxe sabemos que en Galegos seguen a decorar a súa aldea tódolos anos polo Nadal e agrádanos que así siga.

Como organizades os traballos e con que recursos humanos e económicos contades?

Todos os anos para facermos as decoracións o primeiro é facermos unha reunión con todas as veciñas e ver como preparar todo.  Así moitas veces organizamos algún taller entre a veciñanza para facer as decoracións.

O Portal de Belén con figuras sobre madeira. Foto: SdP.

Dentro da nosa asociación moi poucas persoas involúcranse para facer as decoracións, pero é certo que tendo a Javi de Toldaos, promotor do festival “O Son da Aldea” e presidente da asociación de veciños da súa parroquia, a cousa tira para adiante. Tamén do noso colectivo destacar a Irene que coas súas mans consegue sempre debuxar todo o que lle propoño e non acostumo poñerllo nada sinxelo,  a verdade é que con estes máquinas non temos ningún problema (risas). Ademais, teño que agradecer moito a miña nai que sempre consigo que me axude, que teño moita sorte con ela a verdade. Logo, os medios económicos pois os nosos propios cartos, e estamos pendentes de que o concello nos devolva os cartos dunha subvención asignada no 2023.

Decoración na aldea do Cotillón. Foto: SdP.
Detalles decorativos na aldea do Cotillón, en Pantón. Foto: SdP.

Como está recibindo a veciñanza estas accións?

Ao comezo os veciños non o ven nada claro (risas), máis aos poucos despois de facer as decoracións e vendo como vai quedando a aldea están encantados. Para nós iso é o máis importante, velos ledos e orgullosos de como quedou a súa aldea.

Ao concello propuxésteslle colaboración nalgún momento?

A verdade é que non nos interesa, pensamos que moitas veces non é preciso que veña un estamento gubernamental para facer cousas no noso entorno. Tralas primeiras edicións vimos que o noso concello non tiña moito interese, pero son cousas que pasan. Sempre defenderemos que as veciñas ben podemos autoorganizarnos e facermos as cousas coma ben queremos… e facémolo así.

Ademais do Cotillón, que aldeas de Pantón estarán decoradas neste Nadal?

Polo que nós saibamos este ano en Galegos, Tuiriz e en Mañente seguirán a decorar os seus lugares. Ao final o importante é ir facendo as cousas paseniñamente e logo obtendo grandes resultados.

Ver a túa aldea decorada paga moito máis a pena que ir a Vigo, iso está moi visto, todo luces sen gusto pero aquí son decoracións feitas a man e con moito agarimo. O Nadal no rural e non nas vilas!

Estrela de Nadal feita con perchas de plástico no Cotillón. Foto: SdP.

ÚLTIMAS

“O tamaño do Gran Fachón non se desvela ata o propio día”, Sara Inés, Alcaldesa de Castro Caldelas

Como cada ano, e para non faltar á tradición, o 19 de xaneiro celebrarase...

Información ambiental para a veciñanza no Concello da Pobra do Brollón

O equipo de Axentes Ambientais, dependente da Consellería de Medio Rural, ofrece atención á...

Charla sobre a antiga bailía templaria de Canaval

A conferencia, a cargo de Almudena Bouzón Custodio, doutora en Historia Medieval pola USC, abordará...

IGV denuncia que “o campo galego véndese aos lobbies en Bruxelas”

IGV lamenta nun comunicado que moitos partidos estatais practican un duplo rexistro "para enganar...