A granxa Vos Casares, actualmente reformada como espazo de produción de pensamento e situada na aldea San Cristovo de Mouricios, en Chantada, acolleu durante dúas xornadas, 25 e 26 de abril, interesantes e variadas charlas e mesas de debate que versaron sobre a substitución xeracional, a soberanía alimentaria, a comunicación no rural ou o papel do sector primario nunha situación global de incerteza.
Así mesmo, expuxéronse algunhas iniciativas que impulsan a transformación rural, como é o caso das empresas Ecocelta ou A Castrexa, e tamén exemplos de mulleres que están a visibilizar o seu día a día no rural a través das redes sociais, como Ana Domínguez @nuskachousa) ou Sandra Martínez @nosa_granxa).
O prestixioso xornalista Manuel Campo Vidal, quen conduciu o acto deste sábado, puxo en balance as desigualdades territoriais que vive o rural, pero trasladando unha mensaxe de optimismo e de esperanza polos avances lacadados no desenvolvemento rural. Lucía Casal, gandeira, e Beatriz Varela, labrega, dúas mulleres novas con explotacións agrícolas no rural foron as primeiras relatoras en participar nun coloquio sobre a substitución xeracional, achegando a súa propia visión sobre como é vivir no rural e como crean comunidade a través das redes sociais.
Pola súa banda, o economista David Soto e o arquitecto Manuel Borobio, abordaron a cuestión da tematización do rural, e barallaron os posibles camiños aos que o desenvolvemento rural pode dirixirse. Posteriormente, o director de Onetec, Roberto do Navío, e o xerente de Gradiant, Fernando Jimenéz, falaron con Laura Fernández, consultora experta en innovación financeira, sobre a estrutura económica rural. Jiménez subliñou a falta de “profesionalización na xestión das empresas”, polo que animou a “falar entre todos, porque é esencial polo tamaño das organizacións” para aprender en comunidade.
Jose Juan Ruiz, presidente do Real Instituto Elcano, un dos relatores máis esperados da xornada, deu a súa visión sobre o rol do sector primario no mapa xeoestratéxico mundial, entrevistado por Manuel Mostaza, Director de Asuntos Públicos de Atrevia. Ruiz quixo destacar dous das problemáticas que afectan o mundo na actualidade: o cambio climático e a desigualdade. Para o economista “as comunidades como Galicia teñen moito que achegar a estes dous temas, pero hai que facelo con conciencia, non con romanticismo”.
Finalizando as xornadas, xa pola tade, Ricardo Fernández (CIFP Carlos Oroza) moderou a mesa na que participaron Sergio Quiroga (Ecocelta), Nuria Alonso (Bigcrafters) e Paula Patiño (A Castrexa) quen ofreceu unha mirada integral á soberanía alimentaria. Sergio Quiroga de Ecocelta subliñou a relevancia do coidado do rural, sinalando que a soberanía alimentaria existirá “sempre que nos podamos alimentar. Se os chans terminan contaminados, teremos que comprar alimentos fóra”.
Antes de rematar, as creadoras de contido Ana Domínguez e Sandra Martínez amosaron como comunicar con proximidade e autenticidade a través das redes sociais, dando visibilidade a como se vive no rural. “Ao principio pensei Que sentido ten subir vídeos?, agora paréceme unha boa ferramenta, porque así podo ensinar o que sei sobre a terra”, explicou Ana Domínguez. Pola súa banda, Sandra Martínez destacou que tamén é importante “saber escoitar a sabedoría popular que nace no rural”. Deste coñecemento, a moza está a crear unha granxa-escola dixital para trasladar esta información á sociedade. Xornada técnica interna e grupos de traballo.

XORNADA TÉCNICA INTERNA E GRUPOS DE TRABALLO
O pasado venres 25 de abril a xornada tivo un carácter técnico avaliándose a nivel interno tanto as necesidades que demanda o sector primario como o estado actual do rural. Tamén se expuxeron preguntas que trasladaron aos grupos de traballo que se formaron durante a tarde. Estas mesas de traballo impulsaron a presentación de centos de ideas para para desenvolver un rural máis próspero a medio prazo, propostas que se concretarán nun documento de traballo ao que a Fundación Galicia Sustentable dará forma proximamente.