HomeMovementos sociaisCelebración do 'Día dos Medios en Galego' en Ourense

Celebración do ‘Día dos Medios en Galego’ en Ourense

Está organizada pola Asociación de Medios en Galego (AMEGA) e constará de dúas xornadas (6 e 7 de febreiro) nas que haberá unha mesa redonda de debate e un roteiro por Ourense honrando a Valentín Lamas Carvajal, impulsor de "O Tío Marcos d’a Portela", primeira publicación integramente en galego.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA), vén organizando dende o 2018 un encontro para conmemorar o “Día dos Medios en Galego”, efeméride que celebra a presenza da lingua galega nos medios de comunicación e rende homenaxe á figura de Valentín Lamas Carvajal, impulsor de O Tío Marcos d’a Portela. Esta publicación considérase a pioneira no emprego do galego marcando un fito fundamental na normalización da nosa lingua na prensa escrita e na creación dun espazo de opinión e identidade propia no ano 1876.

Esta xornada consolídase dende ese 2018 como un espazo anual de encontro, reflexión e celebración colectiva arredor do papel dos medios de comunicación en galego, da súa traxectoria histórica e do seu valor estratéxico no presente e no futuro do país.

MESA COLOQUIO SOBRE A IA, REDES SOCIAIS E DESINFORMACIÓN

O venres día 6, o Liceo de Ourense acollerá ás 18:00 horas unha mesa coloquio centrada en “Intelixencia artificial, redes sociais, alfabetización dixital e desinformación” .

O acto será inaugurado por Noa Rouco, concelleira de Artes e Festexos do Concello de Ourense, e por Fernando de Paz, presidente de AMEGA. Ademais, contará con profesionais e representantes de entidades de referencia do ámbito galego, catalán e vasco.

No debate participarán profesionais e expertos de referencia no ámbito estatal:

  • Joxe Rojas, director de TIC e Comunicación de Tokikom, a rede que integra 69 medios locais en euskera. 
  • Quico Domingo Serra, socio-director de Sorensen AI e representante de AMIC, entidade que agrupa 600 medios cataláns. 
  • Ferran Pedrix, director de Sistemas e I+D+I en Diari Segre Comarcal e vicepresidente da Asociación Catalá da Prensa Comarcal. 
  • Paulo Gamallo, catedrático da USC e investigador do proxecto Nós, iniciativa clave para o desenvolvemento de recursos de intelixencia artificial en galego. 
  • Iván Iglesias, director de OUKE!, produtora audiovisual especializada en contidos para redes sociais. 
  • Rebeca Munín, directora da revista Pincha e vicepresidenta de AMEGA. 

A clausura correrá a cargo de D. Rosendo Luís Fernández, deputado provincial da Deputación de Ourense, e de Valentín García, secretario xeral da Lingua, e a continuación ofreceranse petiscos no propio Liceo.

FOLIADA NA PRAZA DE SAN MARTIÑO

A celebración continuará ás 21:00 horas cunha gran foliada na Praza de San Martiño, que reunirá a destacadas agrupacións da música tradicional ourensá. Esta actividade está coorganizada co Concello de Ourense.

Participarán nesta foliada: A Galleira, asociación cultural comprometida coa lingua, a cultura e a música tradicional, que reivindica tamén o legado do barallete ourensán; Cantos da Cunha, agrupación nacida no barrio da Cuña arredor da música popular e do espírito taberneiro; Feitizo de Pau, referente da música tradicional en San Cristovo de Cea, centrado na recuperación de muiñeiras, xotas e cantos de taberna; Escola Provincial de Danza-Castro Floxo, grupo histórico dedicado á investigación e difusión do folclore galego desde 1977; e Coral de Ruada, fundada en 1918, unha das formacións corais máis emblemáticas de Galicia, con ampla traxectoria internacional.

ROTEIRO POLO OURENSE DE VALENTÍN LAMAS CARVAJAL

O sábado día 7 celebrarase un roteiro polo Ourense de Valentín Lamas Carvajal tendo lugar a saída será ás 11:00 horas desde o Cemiterio de San Francisco e cun percorrido por diferentes espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa figura.

A actividade, organizada polo Consello da Cultura Galega, rematará cun cocido no Liceo de Ourense, amenizado pola Coral de Ruada.

COMPROMISO COA LINGUA

O Día dos Medios en Galego reafirma o compromiso do sector coa lingua propia e coa comunicación de proximidade, reivindicando o legado histórico iniciado por ‘O Tío Marcos d’a Portela’ e proxectándoo cara aos retos actuais do ecosistema mediático.

Desde AMEGA convídase á cidadanía, ás institucións e aos profesionais do sector a participar nestes actos conmemorativos e a sumarse á celebración de 150 anos de xornalismo en galego.

ÚLTIMAS

“Salvamos o Malecón” solicita a revisión de oficio da autorización de Patrimonio no proxecto da nova ponte en Monforte

A plataforma presentaba a mediados desta semana ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural...

A Deputación mellora estradas provinciais en Chantada cun investimento de 1M€

A mandataria provincial comprobou o estado da LU-P-1801 que une a localidade cos Peares,...

Éxito de público no Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino de Monforte que rematou con entrega de premios o día 27

A Concelleira de Cultura do Concello de Monforte, Marina Doutón, entregou o día 27...