HomeMovementos sociais'Cantiga de amiga', un documental sobre o lesbianismo na Galicia Medieval

‘Cantiga de amiga’, un documental sobre o lesbianismo na Galicia Medieval

A proxección, que está organizada polo Colectivo Veciñanza Fronte o Odio e o colectivo LGTBI+ Amor Forte, terá lugar o venres 6 de novembro ás 20:30 horas no Centro Cívico de Monforte de Lemos.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A actividade, que se celebrará ás 20:30 horas no Centro Cívico de Monforte de Lemos, busca achegar á cidadanía unha perspectiva pouco coñecida da nosa historia, recuperando a memoria da diversidade afectiva e sexual na Galiza medieval.

O documental, unha produción de Nós TV, con guión e documentación de Carlos Callón, trata sobre o lesbianismo no reino medieval galego. A peza audiovisual convida a cuestionar a idea de que a diversidade sexual é unha realidade recente, poñendo o foco nun pasado que tradicionalmente foi contado desde unha perspectiva que deixou fóra moitas experiencias e identidades.

Desde as entidades organizadoras, Colectivo Veciñanza Fronte o Odio e o colectivo LGTBI+ Amor Forte, consideran fundamental recuperar a memoria histórica das persoas LGTBI+ e reivindicar que a diversidade tamén forma parte da identidade cultural e histórica do noso país.

CULTURA E MEMORIA FRONTE O ODIO

O Colectivo Veciñanza Fronte o Odio continúa así coa súa programación de actividades destinadas a promover o respecto, a convivencia e a defensa dos dereitos humanos. Tras a recente palestra sobre os discursos de odio celebrada en Monforte, o colectivo aposta nesta ocasión pola cultura e a divulgación histórica como ferramentas para combater os prexuízos e a intolerancia.

“Moitas veces preténdese presentar a diversidade afectiva e sexual como algo novo ou alleo á nosa sociedade, cando a realidade é que sempre existiu. O que aconteceu é que durante séculos foi silenciada e invisibilizada. Coñecer a nosa historia tamén é unha maneira de combater os discursos de odio”, sinalan desde a organización.

“Fronte a quen pretende utilizar o medo, os prexuízos e a intolerancia para dividir a sociedade, nós apostamos polo coñecemento, pola cultura e polo respecto á diversidade. Unha sociedade que coñece a súa historia é tamén unha sociedade mellor preparada para defender os dereitos e as liberdades de todas as persoas”, engaden.

O Colectivo Veciñanza Fronte o Odio e Amor Forte convidan, pois, á veciñanza de Monforte e da comarca de Lemos a participar nesta proxección, que terá lugar o venres 6 de novembro, ás 20:30 horas, no Centro Cívico de Monforte de Lemos.

ÚLTIMAS

Carballedo, Taboada e Pantón próximas paradas do Ciclo de Teatro Afeccionado da Vicepresidecia

O sábado, 31 de outubro, ás 18:00 horas o Salón de actos da Casa...

A Asociación Sociocultural Boca do Monte, na parroquia de Montefurado, celebra a súa ‘X Xornada Castañeira’ este 31 de outubro

A Asociación Sociocultural Boca do Monte, entidade afincada na aldea dos Anguieiros, na parroquia...

Declaración de Impacto Ambiental desfavorable para os parques eólicos Agratina e Agromaces na comarca de Chantada

Estes dous parques formaban parte do expediente conxunto PEOL-913 AC (no que tamén se...

San Clodio suspende as Festas Patronais que se celebrarían do 29 ao 31 deste mes

En sinal de dó e respecto polas vítimas, as bandeiras dos edificios municipais ondean...