HomeMovementos sociaisMonforte vive a democracia cunha consulta popular que vota Monarquía ou República

Monforte vive a democracia cunha consulta popular que vota Monarquía ou República

O sábado, 13 de abril, desenvólvese na rúa Cardenal de Monforte, unha iniciativa popular de carácter consultivo para elexir entre República e Monarquía. Por tal motivo instalarase un posto informativo en horario de 9.00 a 14.00. Falamos cun dos organizadores, Adrián Casanova Chiclana, biólogo e activista, integrante de diferentes asociacións culturais, como Náufragos do Paradiso.

Publicado o

- Advertisement -

Quen tivo a idea e quen organiza esta consulta?

No mes de decembro do 2018 realizáronse actividades similares no Estado, tanto en barrios como en universidades, desde aquela un grupo de persoas en Monforte preguntámonos, por que non en Monforte? Pregunta que se cadra deberiamos facernos máis veces, en xeral.

Contactamos con algunhas das organizadoras destes actos e puxémonos mans á obra. Somos persoas de diferentes procedencias e inquedanzas, republicanas como punto de encontro, como explicamos no manifesto que repartiremos en dípticos durante a consulta.

Credes que esta consulta é necesaria e ten sentido no contexto socio-político actual? Por que?

Unha “argumentación”, un tanto mécanica, moi empregada con certos temas políticos sería aquilo de: hai cousas máis importantes que isto!!  Por este tipo de argumentacións cobra máis sentido xerar debates alternativos, como o proposto aquí.

Pero hai cousas máis importantes que isto!!

Pero non son incompatibles. É incompatible esta actividade con organizar unha recollida solidaria en decembro? A nosa experiencia di que non. É incompatible esta actividade con traballar en diferentes asociacións cuxa actividade é de interese laboral, cultural,… para a cidadanía da comarca? A nosa experiencia di que non. É incompatible esta actividade cunha recollida de residuos no río Cabe no verán? A nosa experiencia di que non E así ad infinitum.

E por suposto, hai moitas cousas importantes que deben ser tratadas. Por exemplo, o desemprego existente de Monforte, o despoboamento, o envellecemento demográfico, as casas que nos fustrigan con escombros,…

A iniciativa, entendemos que ten un carácter formal e serio, en que medida implica a quen participe? 

A consulta non é vinculante, non se manexan datos censais nin persoais de ningún tipo; por isto non ten as garantías que terían unhas eleccións oficiais. Debería entenderse como unha sondaxe de opinión e unha actividade simbólica para catalizar o debate en xeral e o do modelo de Estado en particular.

Monarquía vs República / lacerca.com

Notades, desde que se anunciou, que moita xente pensa que esta acción é ‘unha carallada’?

Moita xente recibiu este evento con curiosidade. Houbo persoas que están de acordo coa actividade, incluso achegadas nosas que son monárquicas. Se ben, tamén houbo claras mostras de desconformidade. Aquí vén a conto a frase “Estou en desacordo co que di, pero defenderei ata a morte o seu dereito a dicilo”. Evelyn Beatrice Hall (1868-1956), coa que abrimos o manifesto deste sábado.

Tedes os promotores da consulta algunha preferencia sobre a forma de goberno de España?

Sobre o modelo de Estado somos persoas republicanas. Agora ben, dentro desta unidade presentamos unha heteroxeneidade de ideas en diferentes campos coma o económico, territorial, cultural, etcétera. A República como modelo de Estado, non é patrimonio de ningunha ideoloxía. Outra cousa é o Goberno elixido, para isto existen as Eleccións; para o tipo de República, novamente, urnas.

Queremos resaltar que convidamos a todo o mundo a participar, independentemente das súas ideas ou ideoloxías. Animamos a todos os partidos políticos da Comarca, así como sindicatos, asociacións e fundacións a que fomenten a participación. Na papeleta deseñada, a trazo groso, caben as diferentes posturas posibles.

A consulta está autorizada polo Concello, pedistes tamén permiso á Delegación do Goberno en Galicia?

A burocracia, salvo que as Autoridades pertinentes digan o contrario, está toda en orde. Isto ven sendo, que agardamos rematar no cárcere o día 14 de abril.

Se miramos cara o Concello de Monforte e buscamos un símil… José Tomé é Rei ou Presidente de Goberno?

Quizais Conde de Lemos [risas]. Coas dúas únicas opcións formuladas (falacia do falso dilema tal vez? [risas]), o máis próximo sería Presidente, xa que o seu cargo é temporal, non vitalicio. Ademais foi outorgado nunhas eleccións nas cales pode participar a cidadanía cada catro anos, non corenta.

Cartel da convocatoria

MANIFESTO

“Estou en desacordo co que di, pero defenderei ata a morte o seu dereito a dicilo.” Evelyn Beatrice Hall (1868-1956).

Con esta frase gustaríanos comezar este manifesto. En 16 palabras exprésase a tolerancia, respecto intelectual e convivencia que son fundamentais e necesarias nunha democracia saudable. Nestes tempos acelerados onde todo o mundo quere opinar, pero menos xente quere escoitar. Consideramos que unha democracia non é depositar unha papeleta cada catro anos para diferentes eleccións. Senón unha participación activa, nas medidas das posibilidades de cada individuo. E implicaría unha aposta sincera por mecanismos de democracia directa (e.g. asembleas por barrios/municipais, referendos, iniciativas lexislativas populares). Vivimos nun presente e futuro con grandes desafíos, para afrontalos precísase a implicación da sociedade, e a implicación só pode vir dunha maior participación nos problemas que nos atinxen, non así na delegación total en representantes elixidos nas respectivas Eleccións.

As persoas redactoras deste manifesto somos republicanas, con procedencias e ideas diferentes nos diferentes campos que poidan ser obxecto de debate. Isto non é un problema, é unha riqueza. Onde temos puntos de encontro, encontrámonos.

Por que somos republicanas?

  • Consideramos que a elección do Xefe de Estado resulta máis democrática. No seu defecto, un referendo vinculante para consultar que modelo de Estado prefire a cidadanía. No ano 2019, menos do 50% da poboación actual puido votar a Constitución de 1978. Isto implicaría a necesidade de debater sobre a mesma, realizar achegas, propoñer modificacións, etcétera. Consideramos, en xeral, que se deberían fomentar todas as ferramentas de democracia directa posibles.
  • Consideramos que a Constitución de 1978, se ben supón o marco lexislativo actual, non é o marco de debate político. Na nosa experiencia como republicanas percibimos certa “censura social” ao manifestar as nosas ideas publicamente, con comentarios do estilo: “faltades ao respecto ao non aceptar a Constitución elixida por todos”.
  • Consideramos que a existencia de “privilexios de sangue” é contraproducente coa propia Constitución de 1978, existindo artigos que, baixo o noso parecer, entrarían en contradición. Por exemplo:

Artigo 14

Los españoles son iguales ante la ley, sin que pueda prevalecer discriminación alguna por razón de nacimiento, raza, sexo, religión, opinión o cualquier otra condición o circunstancia personal o social.

Artigo 56

3. La persona del Rey es inviolable y no está sujeta a responsabilidad. Sus actos estarán siempre refrendados en la forma establecida en el artículo 64, careciendo de validez sin dicho refrendo, salvo lo dispuesto en el artículo 65, 2.

Animamos a participar a todas as persoas, sen distinción de ningún tipo, na consulta de opinión que realizarase o sábado 13 de abril na rúa Cardenal de 09:00 a 14:00. Animamos a todos os partidos políticos, sindicatos, asociacións, etcétera a promover entre as súas integrantes a participación para deixar a súa opinión. E a súa vez propoñer ideas e novos asuntos obxecto de debate.

Contamos contigo! As persoas organizadoras.

ÚLTIMAS

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...

Javier Arias e o piloto Eduardo Iglesias entregan agasallos de Nadal aos nenos e nenas ingresados no HULA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o piloto Eduardo Iglesias...

O PP de Monforte pedirá a derogación da nova normativa que rexe o rexistro de viaxeiros

Os concelleiros do PP de Monforte defenderán no pleno que a corporación inste ao...