HomeOpiniónCasa abandonada, dá gastos máis que nada

Casa abandonada, dá gastos máis que nada

O 22 de maio entrou en vigor a Lei 1/2019, do 22 de abril, de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación urbanas de Galicia. A partir de agora moitos/as propietarios/as terán que tomar unha decisión coas súas casas abandonadas, ou ben atender as obrigas de rehabilitación ou ben baixar o prezo se a queren vender; e todo a risco incluso de perdela en favor da Administración que poderá recorrer á expropiación forzosa en casos concretos.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

Esta nova lei ten como razón de ser o sostemento social, económico e ambiental pois pretende a rehabilitación e a reutilización dos espazos residenciais degradados e abandonados, e unha repartición equilibrada da poboación sobre o territorio.

Na exposición de motivos da nova lei autonómica vénse a dicir que cómpre recuperar os pobos e barrios, enchelos de xente e aproveitar todo o patrimonio que xa temos construído. Cabe destacar que entre os seus principios e criterios inclúense a “perspectiva de xénero”, o desenvolvemento urbano compacto, a sustentabilidade e a eficiencia enerxética, e ademais ao longo do seu articulado prevé medidas concretas en relación coas persoas e colectivos en situación de exclusión social. Desde este punto de vista poderíase dicir que ten unha tinguidura humanista. Sen dúbida, e partindo da súa bondade teórica, se chega a levarse á práctica, marcará un antes e un despois na paisaxe urbana galega e supoñerá un redeseño das cidades do futuro. É ambiciosa.

A norma prevé a planificación das actuacións axustándose a criterios tales como o fomento da calidade de vida da cidadanía e a habitabilidade das vivendas, a protección do patrimonio cultural, a dinamización económica, a promoción da diversidade, a igualdade e a cohesión social, a accesibilidade, a mestura de usos, o desenvolvemento das infraestruturas dirixidas ás novas tecnoloxías, a redución do consumo enerxético; o aproveitamento dos recursos hídricos, a perspectiva de xénero, a integración das persoas e de colectivos en risco de exclusión social e o uso sustentable do patrimonio edificado, incentivando a rehabilitación fronte á obra nova.

As repercusións para o cidadán son enormes:

A primeira e máis importante é a obrigación que terán os propietarios de terreos, construcións, instalacións e edificios de mantelos nas debidas condicións de seguridade, salubridade, eficiencia enerxética, ornato público e decoro, realizando neles os traballos e as obras precisas para conservalos ou melloralos. O incumprimento destes deberes habilita ao concello ou, no seu caso, á administración autonómica, para a execución subsidiaria das obras e labores pertinentes, así como para a aplicación do réxime de venda ou substitución forzosas ou expropiación, sen prexuízo doutras medidas.

A segunda é que se prevé un instrumento crave que é o Informe de Avaliación dos Edificios, no que se identificará o edificio e o seu estado de conservación e o das súas instalacións, a avaliación das condicións básicas de accesibilidade universal; a certificación da eficiencia enerxética, -nos BIC incluirase a avaliación do estado de conservación dos elementos merecedores de protección cultural-  e a avaliación de calquera outras condicións básicas da edificación. A Lei fai unha remisión a un futuro Regulamento que será quen determine o contido concreto e pormenorizado do Informe de Avaliación dos Edificios.

Este Informe, coñecido xa vulgarmente como “a ITV dos edificios”, terá unha vixencia de 10 anos, será obrigatorio para todos os propietarios únicos de edificios e para as comunidades de propietarios cando, no caso dos edificios de uso residencial de vivendas colectivas teñan unha antigüidade superior a 50 anos, salvo que o concello estableza unha antigüidade inferior, e no resto de edificacións determinarao a Administración Local. O incumprimento deste deber constitúe unha infracción urbanística, coas consecuencias que determine a Lei do Solo de Galicia.

En terceiro lugar, a Administración poderá delimitar ámbitos de actuación sobre o medio urbano, para o que se seguirá un procedemento administrativo e notificarase o acordo aos afectados, quen se verá obrigados (a salvo os recursos legais) a participar. Iso si, terase en conta, di a lei, a situación socioeconómica dos ocupantes e propietarios para que se consideren solucións alternativas cando pola súa situación económica, idade, ou outras circunstancias non poidan afrontar directamente os gastos da actuación.

En cuarto lugar, as actuacións de rexeneración e renovación urbanas poderán exceder do límite do deber legal de conservación, para o que se realizarán convenios coas persoas titulares afectadas e, na súa falta, se non hai avinza ou non comparecen, poderase aplicar o réxime de venda ou substitución forzosas ou expropiación forzosa.

Casa rural abandonada en estado ruinoso. Foto: XMF

É dicir, dun modo ou outro, cando a administración decida que nunha determinada zona hai que facer actuacións de rehabilitación, rexeneración ou renovación, o cidadán verase arrastrado a levalas a cabo, a soportar o seu custo, ou incluso a sufrir unha expropiación ou venda forzosas da súa benquerida propiedade.

Por outra banda, os concellos tamén poderán declarar núcleos rurais en estado de abandono e crearán un rexistro. Esta declaración terá como finalidade facilitar as actuacións integrais de rehabilitación, polo cal o concello deberá indagar a identidade das persoas propietarias dos inmobles a efectos de contar coa súa conformidade para ofertalos para a venda. A declaración non obstará ao necesario cumprimento dos seus deberes legais por parte dos propietarios. E ademais créase un novo imposto autonómico para gravar estes inmobles e do que unicamente estarán exentas as persoas físicas que se atopen en situación de exclusión social.

A lei continúa coas actuacións nas zonas ARI, nos camiños de Santiago, etc.

Se teño que resumilo, direivos que ao final aparecerán os donos de moitas casas que se están caendo, e polas que piden unha millonada, e terán que tomar unha decisión, ou ben atender as súas obrigas ou ben baixar o prezo, a risco incluso de perdela. Iso si, ti, cidadán de cidade, vai metendo na hucha todos os meses porque, aínda que haberá axudas públicas, vai tocar “dar o do de peito” e estou a pensar no casco de Ferrol, en Monforte, en…

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...