Os concellos de Quiroga e Ribas de Sil, polo seu clima, son os que concentran a meirande parte dos cultivos incautados. Pero é fácil constatar que calquera zona de ribeira é axeitada para a plantación da cannabis sativa en case calquera das súas variedades.
O habitual é que se trate de persoas aficionadas a fumar marihuana que prefiren autoabastecerse no canto de acudir ós habituais “camellos”. Ou, polo menos, non trascendeu que a benemérita desartellase por aquí bandas dedicadas ó trapicheo nin cultivos de tamaño medio ou grande.
É decir, segue habendo porreros e seguen buscándose a vida. Non parece que eso vaia cambiar.
Pero se cadra chegou o momento de ter unha visión máis ampla do fenómeno. De enfocalo de xeito positivo. Vexamos o exemplo de Estados Unidos (que non todo vai ser malo no país de Trump).
Nove estados americanos legalizaron a finais de 2016 o cultivo de marihuana con usos recreativos e outros catro están en vías de dar o paso cara a legalización. E non foi só nas zonas máis progresistas do país, como é a costa Nordeste (Maine, Massachussets e Vermont) ou as liberais California e Nevada senón tamén no conservador Colorado. Incluso lugares como Whasington, Oregon e Alaska, onde o clima non favorece o cultivo en exterior.
Un estudo dos analistas económicos de Business Insider sinala que para o ano 2020 as empresas que comercializan marihuana con fins recreativos darán emprego a 340.000 persoas nos EEUU e que a facturación anual do sector será de 47.000 millóns de dólares. Por exemplo, a empresa Canopy Growth xa alcanzou unha cotización de 11.000 millóns de dólares en bolsa. Case nada!
Obviamente, o haxix e a marihuana poden producir efectos nocivos ou moi nocivos sobre a saúde. Pero non máis que a augardente ou os ansiolíticos. Todo é cuestión de moderar o consumo.
Se unha sociedade tan conservadora como a americana é quen de aprobar leis que regulan a produción e consumo recreativo da marihuana, é lóxico pensar que en Europa acabará aplicándose a mesma ou similar lexislación máis alá dos famosos coffee-shop de Amsterdam e os seus prezos desorbitados.
Así que estaría ben que por unha vez nos adiantaramos ó futuro e foramos pensando nas posibilidades de negocio que ofrecería a marihuana na Ribeira Sacra. Temos o clima, temos a terra e temos necesidade de crear emprego e riqueza.
Parece lóxico pensar que haberá que superar barreiras psicolóxicas porque ó fin e ó cabo estamos a falar dalgo que sempre se considerou “droga”. Blanda, si, pero droga. E temos no imaxinario colectivo as andanzas de Laureano Oubiña, as fotos das incautacións ou os conflictos que o tráfico causa no campo de Gibraltar. Pero, como diría o asesor de Bill Clinton, “¡Es la economía, estúpido!”.
Formación, profesionalización e promoción poden ser as claves para implantar aquí un cultivo que xa se ve que produce un alto beneficio económico e que atraería xente nova disposta a vivir e traballar nestes concellos. E todo eso sen reducir nin frear o crecemento das producións vitivinícola e froiteira posto que hai terreo de sobra agardando para poñerse a producir. Sempre cito o exemplo da silveira desértica que se observa dende a Torre da Homenaxe de Monforte e do abandono das canles do regadío como algo a correxir.
Non se trata de empezar mañá. Pero tampouco de quedar durmido. Sexan os concellos, sexa Medio Rural, sexa o Ministerio, alguén terá que empezar a estudar as posibilidades legais do cultivo de marihuana e as técnicas axeitadas para facelo con criterios de calidade. E pensar na eternamente aprazada ordenación do territorio para que as leiras de xestas se poñan a dar cartos.
Porque, se non o facemos nós, vano facer outros. E xa sabemos os custes económicos e sociais que ten chegar tarde ós negocios. Non quero pensar que dentro de dez anos haxa na Ribeira Sacra unha ou dúas pequenas empresas producindo marihuana da máis alta calidade pero que non sexan quen de comercializala porque outros máis listos entraron antes no mercado aínda que sexa cun produto de peor calidade.
Di o refrán que a ocasión píntana calva. Neste caso píntana coas rastas xamaicanas. A ver se por unha vez no a deixamos escapar. Fumando espero.