HomeOpiniónConcuñados, certos persoeiros das redes sociais

Concuñados, certos persoeiros das redes sociais

Un bo exemplo témolo estes días en relación a Catalunya, a exhumación de Franco ou as eleccións xerais. A nova premisa é a de que prácticamente todo o mundo é franquista. Partidos políticos, institucións públicas, empresas privadas, colectivos sociais... todos están infestados de franquistas e só esta reducida elite de intelectuais está libre de franquismo.

Publicado o

POR
Andrés Pavón, Presidente da Irmandade Cultural País do Faro
- Advertisement -

Apuntarse a todas as causas presuntamente esquerdistas, vegano-animalistas, nacionalistas, cívicas ou indíxenas que haxa. Insultar sen rubor nin medida a quen se atreva a simplemente matizar algunha das afirmacións que fai o sabio. Poñer o foco da sospeita sobre todo e todos os que non amosan unha adhesión inquebrantable ás infalibles ideas do “autor”. Difundir frases e ideas alleas como se fosen propias. Mandar “ler e informarse” a calquera que discrepe -dando así por suposto que só o sabio é quen de ler, entender o que le e acumular lecturas-. Rexeitar calquera idea, proxecto ou realidade que suscite o consenso ou a aprobación das maiorías (iso é unha vulgaridade de persoas que non saben nada e que son facilmente manipulables). Citar de cando en vez a autores minoritarios para presumir de coñecementos e sospeitar de calquera outro que coñeza a ese autor “porque pode que o coñeza pero non o sabe interpretar.”

“Así actúan, a grandes trazos, certos persoeiros que cada vez abondan máis nas redes sociais”

Así actúan, a grandes trazos, certos persoeiros que cada vez abondan máis nas redes sociais. Como as ladillas ou as velutinas, inzan e inzan e seguen créndose únicos, especiais e unxidos. Curiosamente, foi esta nova caste de humanistas a que espallou -en ningún caso creou- os conceptos de “cuñado” e “cuñadismo”. Digo curiosamente porque ao final tamén eles acabaron convertidos en especímenes sociais e tampouco a eles hai quen os ature nunha xuntanza familiar ou de amigos. Seguro que coñecen a algún. Son os que sempre sacan a colación asuntos conflitivos e de actualidade para poder asumir a posición contraria á que ten a maioría e tentar colar así unha superioridade moral e cognitiva que só existe no seu autoproclamado privilexiado cráneo.

Redes Sociais / siacardio.com

Un bo exemplo témolo estes días en relación a Catalunya, a exhumación de Franco ou as eleccións xerais. A nova premisa é a de que practicamente todo o mundo é franquista. Partidos políticos, institucións públicas, empresas privadas, colectivos sociais… todos están infestados de franquistas e só esta reducida elite de intelectuais está libre de franquismo. E iso cando actúan sos. Porque, como se xunten catro ou cinco, pouco tardan en acusarse uns aos outros de ser seguidores do Caudillo. Da igual que teñan o álbum familiar cheo de fotos de Falange ou que debatan con familiares de represaliados -ou cos propios represaliados-, eles parten e reparten os carnés de franquismo e pobre do que lles leve a contraria.

Noam Chomsky, Eduardo Galeano, Norman Finkelstein ou Susan Sontag son algúns dos autores citados de forma recorrente por esta raza superior de xenios das redes sociais. De cando en vez tamén meten a Pepe Mújica ou a Salvador Allende aínda que cada vez menos porque, como políticos elixidos polo pobo, tiveron un respaldo que xa os converte en sospeitosos: non se pode estar de acordo co que di a maioría, sexa esta cal sexa, porque se perde exclusividade. Certo é que, afondando un pouco, semella que que se limitan a utilizar citas que sacaron de facebook ou twitter. Pero non por iso perde vigor o seu discurso: rexeitan o superficial e quedan co esencial.

“afondando un pouco, semella que que se limitan a utilizar citas que sacaron de facebook ou twitter”

Non se pode tampouco deixar de admirar a súa claridade, linguaxe directa e asertividade. A primeira reacción ante calquera crítica ou cuestionamento das verdades como puños que nos ofrecen de balde é: “Ti es parvo”. Este argumento -lóxico en quen ten que baixar da súa peana para responder a simples mortais- pode vir seguido de “Aprende a ler!, parvo” ou de “Non perdo o tempo con ignorantes”. Xa sei que eses argumentos semellan escasos pero bastante favor nos fan descartando a quen non é merecedor das súas verbas iluminatorias que, como os Evanxeos, non son para reflexionar senón para asumir como verdades incuestionables. Como aquel personaxe de “Amanece, que no es poco”: a súa novela podíase escarallar porque a lía a persoa incorrecta.

Deberiamos bicar o chan que pisan porque nas súas opinións e sentencias sobre o mundo rural está a chave do noso futuro. Prohibir a caza en todos os supostos, subordinar a gandería ao benestar da fauna salvaxe, cultivar só con criterios ecolóxicos, eliminar estradas que afean a paisaxe e por tanto danan os seus ollos. Tal é a súa clarividencia -e a nosa ignorancia- que sentados ante o ordenador e sen necesidade de pisar unha leira predican as solucións que han de vir liberarnos das nosas cadeas (e, de paso, telo todo a gusto deles para cando nos honren coa súa presenza). O campo é de todos e o home e a muller non son quen para alteralo.

Estes visionarios, por suposto, teñen as receitas necesarias, infalibles e urxentes que hai que aplicar para poñer fin a todos e cada un dos males que aqueixan á nosa Ribeira Sacra. Igual que as teñen para calquera espazo rural, aínda que nunca o visitaran. E, se logo esas medidas non resultan eficaces, a culpa será nosa por non saber aplicalas. Máis que cuñados, xa son concuñados…

ÚLTIMAS

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...