InicioOpiniónÁrdenos o noso

Árdenos o noso

"Hai que modificar moitos dos comportamentos que ten a sociedade respecto dos incendios forestais e desenvolver iniciativas que vinculen ás xentes co territorio, co ambiente, co patrimonio e cos seus recursos e adquirir unha sensibilidade e compromiso para loitar contra o cambio climático."

Publicado o

POR
Felipe Castro Lópe
- Advertisement -

Como xa sabedes, son moitas as ameazas ás que se enfronta o noso espazo rural e que, a cada paso, o van facendo máis e máis pequeno ata o punto de que, se as cousas non mudan, en pouco tempo esvaerase como a néboa chegado o momento. A esta situación poderiamos asimilarlle ese refrán popular tan recurrente de “a can flaco todo son pulgas”, sendo neste caso tristemente axeitado xa que coinciden, no tempo e no lugar, moitos males endémicos que o maltratan e prexudican. Entre todos estes males hai un que, cada verán e noutros momentos propicios, consegue centrar toda a atención dos medios de comunicación e da sociedade, tinguindo a paisaxe de negro, impregnando o ambiente dun cheiro característico e poñendo en situación de risco as habenzas do noso interese, sendo este mal o dos incendios forestais.

Creo que, en principio, todos entendemos que os incendios forestais son un mal endémico dende fai décadas, téndose convertido nun dos maiores problemas ambientais de Galicia. Estes lumes cáusannos elevados prexuízos ano tras ano, producindo perdas en vidas humanas, en vivendas e outras edificacións, en recursos gandeiros, agrícolas e forestais, na degradación do solo, do ambiente, do patrimonio e da paisaxe, e contribuíndo de maneira moi significativa no cambio climático.

Unha pastora escapa do lume co seu rabaño en Pazos de Borbén, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017

Éme obrigado dicir que, directa ou indirectamente, somos todos responsables desta lacra xa que logo, entre outras moitas cousas, vivimos impasibles ante este problema e os seus efectos, só nos conmocionamos cando o lume ameaza ou afecta directamente aos bens da nosa propiedade e, ademáis, esquecemos os seus efectos dunha maneira sorprendente e case inmediata. Somos tamén cómplices ao ser conscientes en moitas ocasións de quen son os incendiarios, calando e non denunciando os feitos.

Tampouco as políticas contra incendios teñen acertado nas estratexias que, a través dos tempos, se foron articulando. A pesares da evolución lóxica e modernización que sufriron as técnicas e os medios de extinción, non se conseguíu moito máis ca diminuír o tempo de reacción, chegando máis rápidamente aos lumes e, debido a isto e a outros factores, a conquerir unha superficie media por incendio máis cativa, pero sen resolver a altísima sinistralidade e achegando pola contra, nos últimos tempos, os lumes de cuarta xeración ou de “interface” que son aqueles incendios forestais que ameazan ou afectan a zonas habitadas (núcleos rurais, edificacións illadas e áreas periurbanas), lumes de quinta xeración que son aqueles que se convirten en grandes incendios con diferentes focos e que tamén afectan á interface, e finalmente os megaincendios ou lumes de sexta xeración que son aqueles de grandísimas dimensións capaces de cambiar as condicións atmosféricas e de propagarse a velocidades vertixinosas como ven ocorrindo con moita frecuencia nos Estados Unidos ou en Australia. Estas novas tipoloxías de comportamento e afectación viñeron a complicar máis aínda a situación e que son produto do cambio climático, do abandono dos eidos, do caos urbanístico, da forestación con especies pirófitas e da alta actividade criminal que provoca a maioría dos incendios forestais.

Incendio en Quiroga / ATBRIF

A problemática tamén se ve agravada polo feito de que o dispositivo contra incendios non se profesionalice como require, que non se desenvolva unha prevención axeitada a estas novas situacións para que contrarreste os factores perniciosos que lle afectan, e que non exista unha boa e eficaz coordinación dos diferentes entes implicados.

Por todo isto a situación do territorio, xunto coas novas tipoloxías dos incendios, obríganos a modificar moitos dos comportamentos que ten a sociedade, maiormente a través da divulgación desta problemática, dos seus males e das súas solucións, de establecer todas aquelas limitacións necesarias en prol dunha mellor relación da xente co seu contorno, de investigar de maneira efectiva as causas e as motivacións que as producen, de desenvolver iniciativas que vinculen ás xentes co territorio, co ambiente, co patrimonio e cos seus recursos e de adquirir unha sensibilidade e compromiso para loitar contra o cambio climático.

Tamén a acción política deberá adaptarse a estas novas circunstancias, articulando unha nova ordenación do territorio e urbanística, unha estrutura rural  deseñada con lóxica e sentido común e unha xestión forestal máis acorde coa necesidade de protexer o territorio, os recursos e especialmente as zonas habitadas. Tamén deseñando novas estratexias de prevención eficaces e sostibles e planificando, de maneira coordinada co resto de actores responsables, o dispositivo de loita contra os incendios forestais e os protocolos de actuación.

Agora que a época de risco rematou, chega o momento de reflexionar sobre este gran problema co que convivimos, de analizar friamente cales son e cales deben ser os nosos comportamentos para que axuden na súa solución. Debemos ter a capacidade de ser autocríticos pero, sobre todo, de mirar cara adiante e de procurar un rural mellor, máis próspero e con futuro xa que, recoñezámolo ou non, árdenos o noso.

Incendio / XdL

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...