InicioOpiniónOPINIÓN: O permiso parental do pai no 2020

OPINIÓN: O permiso parental do pai no 2020

Anotacións de interese para coñecer como será o novo permiso de paternidade que entra en vigor este 1 de xaneiro e como se equiparará co da nai para o 2021.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

Desde abril de 2019 e ata o de agora, o nacemento dun fillo suspendía o contrato de traballo do pai durante oito semanas, das cales as dúas primeiras semanas terían que gozarse inmediatamente tras o parto e de maneira ininterrompida. Ademais, a nai biolóxica podía cederlle un período de ata catro semanas do seu propio período de suspensión non obrigatorio -dez semanas-.

A partir de xaneiro de 2020 este período aumenta ata as doce semanas

Dende o día 1 de xaneiro, o proxenitor distinto da nai biolóxica contará cunha suspensión de doce semanas, das cales catro semanas hai que gozalas inmediatamente ao momento posterior ao parto, de maneira ininterrompida e a xornada completa; e as oito semanas restantes poderán gozarse a vontade do traballador en períodos semanais de forma acumulada ou interrompida (unha semana si e outra non, por exemplo) e mesmo a xornada parcial previo acordo coa empresa. Existe un límite temporal para exercer o dereito, o cumprimento dos doce meses de idade do fillo, e cada período de goce do mesmo hai que comunicarllo á empregadora cunha antelación mínima de quince días, polo que, na práctica esixe do traballador unha mínima planificación.

Este dereito do pai non se pode transferir á nai, quen xa goza do seu propio dereito e que resulta independente do que asiste ao outro proxenitor. Agora ben, a nai biolóxica si que poderá cederlle ata dúas semanas do seu período de suspensión non obrigatorio.

“A pretensión é igualar os permisos dos dous no 2021”

O Real Decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, adiántase ao prevido na Directiva (UE) 2019/1158 do Parlamento europeo e do Consello do 20 de xuño de 2019 relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e os coidadores, que entrou en vigor en data un de agosto de dous mil dezanove. A lei estatal regula ata un permiso de dezaseis semanas para ambos proxenitores e prevé a súa implantación de maneira paulatina, comezando en 2019 cun permiso de oito semanas, que aumenta ata as doce semanas a partir de 2020 e que alcanza as dezaseis semanas no ano 2021. A pretensión é igualar os permisos dos dous no 2021, ano no que a nai biolóxica xa non poderá transferir ningún período ao outro proxenitor. A Directiva, pola súa banda, esixe que se garanta un permiso mínimo de catro meses que debe gozarse antes de que o fillo alcance os oito anos de idade. Como se pode observar, o prazo para poder facer uso deste dereito é moi superior á normativa doméstica que está nos doce meses; por outra banda, é máis flexible en canto á transferencia, xa que só obriga a que os dous primeiros meses tras o parto non se transfiran ao outro proxenitor, polo que deixa a vía aberta a que os lexisladores estatais regulen qué períodos poderán “compartirse”. En España, como xa se dixo, para 2021 prevese que non haxa ningún período de transferencia ao igualar a duración do permiso para ambos os proxenitores.

Aínda que a Directiva prevé que se poida condicionar o dereito do permiso parental a ter unha determinada antigüidade na empresa, o certo é que, ata o momento, na normativa estatal española non existe este límite.

Mentres non estean equiparados ambos permisos, contémplase: que en caso de falecemento da nai biolóxica o outro proxenitor terá dereito á totalidade das dezaseis semanas de suspensión previstas para aquela; no caso de que un proxenitor non tivese dereito a suspender a súa actividade profesional con dereito a prestacións, o outro proxenitor terá dereito a suspender o seu contrato de traballo pola totalidade das dezaseis semanas; e, no caso de nacemento, o outro proxenitor poderá seguir facendo uso do período de suspensión inicialmente cedido pola nai biolóxica aínda que, no momento previsto para a reincorporación da nai ao traballo, esta se atope en situación de incapacidade temporal.

Este dereito alcanza a calquera proxenitor distinto da nai biolóxica -home e muller, proxenitores de ambos sexos-, dada a literalidade dos preceptos e en aras, evidentemente, dunha efectiva igualdade que xa non debe suscitar discusión neste século.

Así que, só queda que os pais se animen a facer uso deste dereito que é un avance sen precedentes na igualdade de homes e mulleres no ámbito laboral. Feliz Ano Novo e feliz permiso parental para este 2020. Un brinde.

ÚLTIMAS

Fin de semana de Fam Trip na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra celebra do 24 ao 26 de maio...

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...