Despois do intenso debate de investidura téñense escoitado, por parte dos que parece que só poden gobernar eles, e contra dos que legal e lexitimamente queren formar goberno, infinidade de insultos que non merece a pena reproducir.
De todos eles chama a atención unha expresión que resulta preocupante: “goberno ilexítimo” (Santiago Abascal, de Vox). Di o dicionario que ilexítimo é o que non ten sido feito ou establecido de acordo coa lei ou o dereito.
Este termo non é utilizado por casualidade, ten unha intención ben clara: buscar un argumento para xustificar calquera acción, de calquera natureza, que persiga eliminar o que se considera ilexítimo. Persegue, ao mesmo tempo, manter un estado de ánimo de ansiedade e medo constante, pois este é o estado en que as forzas e ideas dogmáticas se consolidan na sociedade. É o alimento necesario para que o fascismo penetre na democracia e faino utilizando as emocións, a través de solucións simples para problemas complexos.
Esta é a táctica que utilizan os que só respectan as súas ideas, os que só consideran lexítimo o resultado cando lle é favorábel, os que pensan que a única verdade é a deles.
Con estes conceptos (igual que cando se fala de traizón, inmoral, etc) o que se pretende instalar na política española -coa bendición do resto das forzas políticas de dereitas e antiprogresistas- é o maniqueísmo, que non quere dicir máis que: ou con eles e os seus dogmas ou contra eles. É unha aparente loita entre o ben, que sempre representan eles, defendan o que defendan, mesmo cando defenden o fascismo, o golpe de estado ou o peche dun hospital, e o mal, que sempre encarnan os outros, aínda que os outros queiran mellorar a vida da xente.
Para este xogo tramposo válense da idea de España. Os bos (eles segundo eles) son os que aman a España, aínda que iso pase porque os españois malvivan, e os malos (os outros segundo eles) os que a queren destruír, que a queren romper.
Para rematar, dúas cousas que debemos ter en conta: primeiro, que a democracia só se consolida con máis democracia e con diálogo e respecto. Segundo, que tan só é ilexítimo aquel goberno que se crea fóra da Lei e do Dereito (a través dun golpe de estado ou dun proceso antidemocrático).
“a democracia só se consolida con máis democracia e con diálogo e respecto”
O demais son mentiras e falsidades para intentar enganarnos e crear un pensamento político fundamentalista. Os resultados dos diversos fundamentalismos son bastante coñecidos e non son nada beneficiosos para o benestar das persoas.
A estas alturas, despois de que a oposición apelase á intervención do exército, unha forma de chamar á sublevación militar ou golpe de estado, despois de que presionaran ás deputadas e deputados que están a favor do goberno para que se transfugasen, o que se dá en chamar un “tamayazo” (até o punto de que o deputado de ‘Teruel existe’ mesmo tivo que durmir fóra da casa e protexido pola policía, como consecuencia das ameazas), unha vez manifestado de todas as formas posibles que todo vale para que eles se fagan co poder, o que está claro é que o ilexítimo non é o goberno, senón esa oposición dogmática, corrupta e manipuladora.