Os medios de comunicación recollen estes días informacións aparentemente contraditorias. Ou, mellor dito, as informacións revelan unhas intencións que parecen ir contra a realidade. En Monforte vense de suprimir o pagamento por usar o bus urbano. Os beneficios eran, segundo o consistorio, de 7.000 euros anuais polo que resultaba máis útil facelo gratuito para aumentar o número de usuarios.
Por unha vez na vida impúxose a lóxica social e non a lóxica de mercado. E é que con esa gratuidade do bus pódese reducir o uso de vehículos particulares e, por tanto, reducir os niveis de contaminación. Non é que vaia vir Greta Thunberg a darlle un premio aos monfortinos (ou monforteses, ou monfortianos, ou a saber xa que co de “chantadés” abriuse a barra libre) pola súa loita contra o cambio climático. Pero polo menos evitamos que a sueca xa universal veña botar a bronca por un “quítame de alá eses octanos”.
Coincidindo no tempo coa inciativa no transporte público, parece que se retoma a vontade de peonalizar a ponte medieval. A deterioración da estructura, as normativas medioambientais e a necesidade de favorecer o tránsito de peóns avalan unha medida que semella espertar total consenso entre grupos políticos, veciños e comerciantes. Unanimidade que, por outra banda, é do máis habitual noutros lugares cando se trata de reducir a presenza de coches e coidar o patrimonio.
Ademais, o concello de Chantada mercou recentemente dous inmobles na zona vella da vila para habilitar novas dependencias ante a falta de espazo nos locais actualmente dispoñibles. Máis dotacións, xa que logo, para ofrecer un mellor servizo público e unha mellor atención cidadá.
Temos así tres medidas que indican unha clara vontade urbana. Tres accións que van no mesmo sentido que a maioría das cidades españolas e mesmo europeas: contribuir ao coidado do medio ambiente reducindo o tráfico rodado, coidar o patrimonio histórico polo seu valor e como fonte de recursos turísticos e ampliar os edificios dotacionais para que os inmobles do centro non caian en mans de especualdores ou sexan pasto do abandono, ao tempo que se mellora a xestión e administración municipal.
Soar, soa do máis civilizado e ata nos achega a Bruselas. Pero, máis aló do acertado das medidas, cabe preguntarse se non serán demasiado urbanas para a nosa realidade. Necesita más oficinas un concello que perde habitantes a un ritmo frenético? Hai suficientes usuarios na periferia de Monforte para que compense seguir usando buses urbanos? Vaise peonalizar a ponte antes de ter unha alternativa para dar servizo a veciños e minguantes comercios da zona vella?.
Paga a pena deseñar unhas vilas do futuro para uns concellos do pasado? Monforte abandonou hai tempo o obxectivo de chegar a 20.000 habitantes e Chantada xa nin aspira a recuperar os 10.000 que tivo non hai tanto. Só os inmigrantes de todo o mundo (e unha empresa pouco partidaria da progresividade salarial) manteñen o nivel demográfico en límites que rondan a traxedia pero sen chegar aínda a consumala. Rara é a semana que non pecha un bar, un comercio ou unha explotación gandeira pola falta de clientes e, sobre todo, de relevo xeracional. Non hai xente. E non falamos só de Chantada ou Monforte senón de todos os concellos da Ribeira Sacra, tanto luguesa como ourensana.
Tampouco hai que perder a fe. Pode que as medidas que agora se adoptan e outras que virán na mesma liña sustentable poidan servir de impulso para esta comarca. Quen sabe? Un urbanismo ordenado permitiu despuntar a Allariz. E os novos edificios municipais de Chantada poden ter usos museísticos, formativos ou doutra índole que atraian visitantes e emprendedores.
O tempo dirá se estas accións teñen futuro ou non. Un bon primeiro paso sería evitar entes do estilo “Irmandade de Urbaneiros e Urbanizadores” ou similar. Máis que nada porque logo non aparecerían as facturas.