“Ergueremos a esperanza
sobre esta terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sen lúa.”
Celso E. Ferreiro
“O meu paso pola política é temporal, como debe selo o de todo cidadán”, dixo Luís Villares na súa despedida. Toda unha declaración de principios para un final que condensa toda a súa traxectoria no seu paso pola política institucional.
Concordo coa súa afirmación e engado: toda persoa debera participar, nalgún momento da súa vida, no exercicio da política institucional, como forma de pedagoxía da democracia, como modo de asumir a responsabilidade que todas e cada unha temos co mundo que habitamos, coas grandes cuestións e tamén coas pequenas, as máis próximas.
A Luís chamárono para que botara unha man nesa obra de contribuír a construír o mundo e el, guiado polos mesmos principios que o levan acompañando na súa vida, acudiu de forma xenerosa e responsábel, deixando todo o que estaba a facer, para colaborar no proxecto de consecución dun mundo máis xusto, non como un desiderátum, senón como esa obra colectiva á que non hai que pór chatas namentres non estea rematada, como ben dixo Castelao. A xustiza social como obxectivo posíbel non é unha utopía e el púxose a traballar para a súa consecución.
Infelizmente aquelas persoas que o chamaron foron as que enseguida o acusaron de moderado (porque había que asaltar os ceos, porque a Constitución española estaba superada, porque o réxime monárquico do 78 era a orixe de todos os males…); as que ían levar a praza ao pazo resulta que non eran máis que “servidores de pasado en copa nueva”, en verso de Silvio Rodríguez, como alguén puxo hai pouco nunha rede social. Eran defensoras de vellas cotas de poder, utilizando os vellos métodos daqueles vellos partidos que algún día criticaran e do que agora só queda un eco.
“Infelizmente aquelas persoas que o chamaron foron as que enseguida o acusaron de moderado”
Luís non fora chamado para iso, non estaba disposto a iso, como moita outra xente que foi quedando polo camiño, e, ao final, que paradoxo!, semella que é un obxectivo máis próximo acadar a xustiza social que acabar coas vellas (malas) prácticas políticas. Por iso se vai, porque non ten sentido que enfrontemos á sociedade ofrecéndolle múltiples propostas electorais, inventando diferenzas pequenas para que a xente non vexa que, no que importa, no que ten que ver coa mellora da súa vida, non hai ningunha diferenza –salvo que nos estean enganando- ou, como dixo Luís Villares na súa despedida: “por que nos temos que enfrontar as mareas co Bloque ou con Podemos. E se me apuran, ata co PSOE; por que non podemos facer unha lista de ideas de progreso?” Listas de ideas de progreso, iso é o que precisamos e non máis partidos políticos facendo variacións sobre a mesma melodía.
Por iso, aquí non remata nada, o mundo segue a xirar, igual que onte, cun cidadán recuperado para a súa profesión, porque este, ao contrario do que moita da xente que se dedica á política institucional, ten unha profesión á que volver, que seguirá exercendo con rigor. Resulta exemplar que un cidadán deixe a política e volva á súa actividade e non debera, debería ser o normal, pero como o habitual é o contrario, aínda sorprende.
“Resulta exemplar que un cidadán deixe a política e volva á súa actividade”
Isto non é unha elexía, só unha pequena reflexión a partir dun feito que nos atinxe a todas, militemos no partido en que militemos porque, máis alá das ideas, das posicións tácticas e dos enredos da corte en que viven as cúpulas, as elites, a xente non deberiamos deixar que nos enganen, que nos enfronten a nós para que defendamos os seus intereses particulares, as súas cadeiras, as súas subsecretarías. Temos que esixir un debate de ideas, de proxectos e afastarnos da lóxica política que trata ao electorado como seareiros dos equipos de fútbol, que nos anubra a razón con argumentos de paixón, que substitúe proxectos por lemas de campaña para máis gloria dos seus egos e, en demasiados casos, dos seus petos.
Haberá quen pense que non valeu a pena. Pero si que valeu, porque durante un tempo –aínda que fora curto- pensamos que era posíbel, que podiamos construír un espazo de ideas e que as podiamos levar adiante, e que con esas ideas podiamos conseguir unha maneira de participar na política diferente, unha sanidade mellor, un mundo máis igual, uns salarios máis dignos, uns mellores coidados para as persoas que os precisan. Porque, como di o verso de J. A. Valente, “haber llevado el fuego un solo instante//razón nos da de la esperanza” e nós, durante un intre, coñecemos a esperanza, e por iso sabemos que algún día seremos quen de erguela de novo e mudar o mundo.
Obrigado Luís, e boa sorte.