Son tempos de confinamento e tempos nos que nos enganchamos, máis se cabe, ás redes sociais, á televisión e á radio. Neste contexto, os usuarios/as e tamén os medios de comunicación buscan ser os primeiros en chegar á noticia e incluso compiten por ter a ‘máis viral’ para alcanzar récord de ‘gústames’ e ‘compartidas’.
Dáse a casualidade de que en Monforte levamos dous vídeos xa no que vai de confinamento que chegaron a ser virais. Un deles correu polas redes sociais e foi difundido por diferentes medios a semana pasada, refírome ao do paisano que levaba de ramal dúas cabras por unha rúa da cidade, e este 25 de marzo pasou o propio co vídeo de Rafa Aguiar bailando o ‘Chuchuwa’.
Sen entrar en valoracións conceptuais, de se estes vídeos reflicten algo ‘noticiable’ e de interese público, creo que a difusión deles busca o protagonismo e a satisfacción do alcance mediático. A difusión de acontecementos curiosos, exóticos ou frikis vai dar réditos de visibilidade e audiencia, tamén aos medios de comunicación, e por iso se aproveitan para crear pezas xornalísticas.
Como cidadán entendo as intencións, aínda que non as comparta, e menos cando esas chamadas noticias non describen fielmente a realidade. No caso do vídeo do paisano, que moitos interpretaron como escusa ou pillería para saltarse o confinamento, seica non foi tal, que o señor facía ese percorrido cos animais case a diario, como rutina de atención e coidado cara eles. E no caso do vídeo comentado de Rafa Aguiar bailando o Chuchuwa, un xornal escrito de Monforte redacta como noticia “un monfortino que se dedica a poner música con equipo portátil y cantar, con una peculiar puesta en escena, por las calles de la ciudad”.
Co paisano das cabras non puiden contactar pero con Rafa Aguiar si, coñecido en Monforte por traballar en Radio Principal Cadena Ser. Cóntame que empezou a cubrir información -identificado como prensa- das homenaxes aos sanitarios que a xente fai dende os balcóns e que empezaron a pedirlle que fora gravar. E días atrás pensou en levar un equipo pequeno de música para poñer o tema de moda “resistiré” en versión cumbia e que soase para todo o mundo sen ter necesidade de que os veciños e veciñas puxesen cada un o seu a sonar nas casas. A idea funcionou e repite visitas por diferentes barrios monfortinos. En relación a este vídeo no que sae bailando, e que xa corre polas redes, cóntame que foi na rúa Inés de Castro e que “estando alí, recollendo os aplausos da xente un neno pediume dende un balcón que puxese o “Chuchuwá”, e por facelo feliz púxenlle ese tema, tema que acompañei co baile que se ve no vídeo”. E insiste en que nada máis, foi ese día puntual no que xurdiu o baile e que non anda por aí cunha discoteca móbil como pensarán algúns.
Velaquí a realidade dos feitos e non o que se escribe ‘a medias’ ou con redaccións interesadas para buscar viralidade e audiencia. Xulguen vostedes mesmos/as.
Deixando estas estratexias dos medios de comunicación aparte, aproveito para comentarvos algunhas falcatruadas que seica emprega a xente para escapar do gravoso confinamento.
Seica se está vendo a xente que aproveita para pasear cunha barra de pan debaixo do brazo, e non importa a hora do día co cal canta moito que se veña da panadería. Tamén contan farmacias que a xente é pouco de reciclar medicinas e xusto agora, mirade que casualidade, está indo xente con medicinas caducadas, e para facer máis paseos non as levan todas xuntas, van aos poucos. Estas mesmas farmacias din tamén que déronse casos de xente que mete medicamentos nunha bolsa e sae a pasear, se os paran, “veño da farmacia”. Pero ollo, xa advirten que levemos o tique por se nos piden acreditar esa compra. E as múltiples visitas ao estanco ou aos supermercados tamén son un recurso destes días, hai caixeiras/os que xa coñecen a eses ou esas que van 3 ou 4 veces ao día mercar, “podendo levar todo dunha vez”, din. A escusa de pasear o can non é tal escusa, porque está permitido, o que chama a atención é que, segundo me chegou dalgún policía municipal, haxa xente que pasee o can ata 2 ou 3 quilómetros máis alá da casa. E xa non comento o caso do tipo de Coruña que alugaba os cans, que puxo un anuncio e que xa o pillaron como reincidente.
Comento estas falcatruadas coa Policía Local de Monforte e dinme que algunhas hai pero que aconsellan, agora máis que nunca, que moito ollo con incumprir o confinamento. Din que teñen orde da Policía Nacional de ser “tajantes e moi estritos”. Agora van pasar na maioría de casos de informar a denunciar, “se as explicacións das persoas non nos convencen denunciamos”. Comentan tamén que hai xente que chama para desafogarse e contan situacións de incumprimento pero non denuncian, “a denuncia facémola nós cando se dean as circunstancias para facela e despois cando lles chegue a sanción aos infractores xa alegarán o que queiran”.
Conclusión, pillería sempre houbo e haberá. O malo é cando se pode prexudicar a terceiros/as e o non confinamento poida poñernos en perigo a todos e todas nun momento tan difícil como este.
A peza forma parte dun ‘Diario de corentena‘ conxunto que se escribe dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos.