InicioOpiniónDiario de corentena: o confinamento comeza a pasar factura

Diario de corentena: o confinamento comeza a pasar factura

Eu, despois de deixar a casa máis limpa do que era necesario, procedín coa desinfección de redes sociais. Fumiguei a todos os epidemiólogos de peseta e puxen en corentena a todos os xestores de crises sanitarias de segunda rexional. Non quedou outra.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Dúas semanas despois, está claro que a cousa foi a peor. Xa hai un cabreo xeralizado. Nótase en pequenos detalles. Nos rostros dos veciños, en determinadas contestacións, nas miradas ansiosas…o confinamento comeza a pasar factura. É agora cando estamos a interiorizar que non se trataba dunha especie de vacacións. Cando nos decatamos de que non estabamos preparados para vivir unha situación así.

A primavera chegou e, como todos os organismos vivos, o ser humano recupera a enerxía e quere gozar da natureza. Todos tiñamos algún traballo pendente ou algún plan de lecer que se viu truncado e que non sabemos cando poderemos retomar. Inevitablemente, iso causa ansiedade e frustración.

Baños de bosque / Consorciode Turismo RS

A liberación que debera supoñer ir facer a compra xa non o é tanto

O que comezou sendo curioso e ata interesante -en canto que rompeu a monotonía- estase a volver agobiante e incómodo. Non hai serie, película, libro ou receita de cociña que poida mitigar a ansiedade. Non se poden limpar as casas dúas veces ao día. Ata o cú. Digo, ata o cú cansa da bici estática.

A liberación que debera supoñer ir facer a compra xa non o é tanto. A xente anda con présa. Coa présa que provoca o medo. Os casos confirmados en Chantada e a posibilidade de que haxa outros novos crearon un clima de temor. Lóxico ata certo punto. O amigo de toda a vida agora vai apurado para a casa, o veciño que sempre falaba agora só saúda, nas tendas e farmacias imos directos polo que queremos e evitamos pasar alí máis tempo do necesario.

Lorena, a da froitería, dime que ademais de guantes e mascarillas deberan darlles tapóns para os oídos para non ter que escoitar cada novo rumor, cada nova verdade absoluta sobre o virus e cada novo chisme que circula pola vila. Porque coa palabrería non hai virus que poida.

Tormenta sobre cabeza / El camino hacia la verdad

Malia que as consultas permanecen pechadas, a Sociedade Española de Psiquiatría advirte un repunte da ansiedade e o insomnio nas urxencias que se están a atender por teléfono. E agárdase que os trastornos psiquiátricos vaian a máis a medida que avancen os días de confinamento. Tamén se poden disparar as atencións nas unidades de psiquiatría unha vez superada a crise. Máis que comprensible.

Este estado de alteración colectiva xa deixou un pequeno altercado nas portas dun supermercado de Chantada e outro no interior do mesmo local. Provocados por persoas que –seguramente guíadas pola boa fe- se atribuiron máis funcións das que legalmente lles corresponden na loita contra o virus. Tampouco creo que as liortas vaian a máis. Ou iso espero.

Eu, despois de deixar a casa máis limpa do que era necesario, procedín coa desinfección de redes sociais. Fumiguei a todos os epidemiólogos de pesesta e puxen en corentena a todos os xestores de crises sanitarias de segunda rexional. Non quedou outra.

O mesmo sucede con China

Ah. Un par de observacións internacionais. Que nun produto elaborado con aceite de palma, graxa animal procesada e azúcares industriais poña “sin azúcares añadidos” non significa que sexa bó nin recomendable. O mesmo sucede con China. Non digo máis.

En segundo lugar, Israel. O estado máis seguro e máis tecnolóxicamente avanzado do mundo prevé -no peor dos escenarios- que un millón de israelíes contraian o virus e que poida haber ata 10.000 falecidos…nun país de menos de 9 millóns de habitantes. Así que resulta sorprendente que o Mossad ou o Tzahal non atenderan as advertencias de “la amiga Juani, el cuñado José Luis y el grupo de whatsapp del gimnasio” que agora sinalan todo o que se fixo mal e din que había que facerlles caso a eles. Tempo haberá de analizar, aquí e en Israel ou en Uppsala, o que se fixo mal e deixar que sexan os expertos os que fagan a análise.

E quero rematar tendo unha lembranza para o Persoal Sanitario de Xestión. Os que nos dan cita, collen o teléfono e redactan os historiais clínicos. Eles tamén están batallando e expostos ao virus nos hospitais. E grazas á súa recollida e procesado de datos temos a información fiable e eficaz sobre o coronavirus e o seu impacto. O meu aplauso de mañá é para eles. Unha aperta.

Hospital Comarcal de Monforte / XdL

ÚLTIMAS

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...