HomeOpiniónDiario de Corentena: Outros traballadores 'esenciais', axentes ambientais e recolledores de lixo

Diario de Corentena: Outros traballadores ‘esenciais’, axentes ambientais e recolledores de lixo

Moitos son os traballadores que nesta corentena son considerados como esenciais. Os máis aplaudidos, ou polo menos con máis repercusión mediática, son os sanitarios, os bombeiros e as forzas e corpos de seguridade, pero hai outros. Falamos cun axente medioambiental e cun recolledor de lixo, ambos da Comarca de Lemos.

Publicado o

- Advertisement -

A semana pasada confirmaba a Consellería de Medio Rural que no distrito forestal de Monforte había un positivo por coronavirus, e que o traballador en cuestión era o xefe do servizo.

Falo cun axente medioambiental para saber do seu traballo nestes momentos e de como se reaccionou ante a noticia antes comentada. Dime que ao sabelo puxeron en corentena aos traballadores que tiveron contacto co xefe de servizo, unhas 9 ou 10 persoas que traballan en oficina, e despois fixéronlles a proba dando esta negativo.

“As oficinas están pechadas pero os traballos no monte seguen”

“As oficinas están pechadas pero os traballos no monte seguen”, refire este axente dando a entender que o seu labor continúa, como o doutros compañeiros que teñen que velar polo territorio. Conta tamén que a consideración de ‘axentes da autoridade’ outórgalles a potestade de presentar denuncias en caso de incumprimentos do estado de alarma, co cal ademais das funcións propias que teñen estanse encargando de vixiar polo rural evitando aglomeracións.

Ademais de asegurar o confinamento, sempre máis flexible no rural, outro labor que teñen encomendado nestes momentos é o de desinfectar zonas comúns exteriores, centros de saúde, residencias… e sempre en concellos de menos de 5.000 habitantes. A partir deste número de habitantes a competencia é da UME.

Entendo que non calquera pode desinfectar así como así e dime este axente ambiental que o pasado día 20 de marzo tiveron que ir tres persoas a Parga para realizar unha formación que lles impartiu a UME. “E estes tres despois ensináronnos aos demais a poñer os equipos de protección correctamente, mesturar ben a lixivia coa auga… é como sulfatar”, engade. Nos traballos de desinfección van en equipos de dúas persoas e xa desinfectaron na maioría de concellos da contorna de Monforte.

Como vos podedes imaxinar, o seu traballo tamén é dos considerados esenciais e máis con estas novas competencias que teñen encomendadas, pero non están no ‘núcleo duro’ dos aplausos das 20:00 h. Pregúntolle se lle gustaría que os tivesen en conta para estes homenaxes, e dime que “xa temos recoñecementos nas redes sociais, pero non públicos como estes… claro que nos gustaría”.

Para rematar a conversa saco o tema da vixilancia do monte e os incendios. Estamos en abril e a finais do mes pasado xa houbo lumes importantes en Galicia. “Seica os pirómanos non respectan o confinamento, ou?” -pregúntolle ao amigo forestal-, e a súa contestación foi a seguinte: “A maioría si, son provocados, neste tempo tamén algún pode deberse a queimas que se lles van das mans aos que fan limpezas de castiñeiros, maleza… e iso que non se poden facer. Nesta época de marzo-abril está o monte moi seco, e temos tamén os lumes accidentais de pre-campaña, que fan menos dano que os de verán porque as temperaturas aínda non son moi altas”.

“…neste tempo tamén algún pode deberse a queimas que se lles van das mans aos que fan limpezas de castiñeiros, maleza… e iso que non se poden facer”

O pasado sábado houbo un lume pequeno no Courel e días atrás, nun grande de Vilamartín de Valdeorras, traballadores do distrito tiveron que ir axudar. Segundo nos consta, as brigadas permanecen operativas pero nas súas casas, saíndo só en caso de emerxencia e coas medidas de seguridade oportunas.

Axentes ambientais desinfectando contedores de lixo. Foto: D.F.M.

Outro gremio que traballa arreo, expoñéndose tamén a certos riscos, é o dos traballadores da limpeza. Falamos cun coñecido de Monforte, recolledor de lixo, que ao igual que os seus compañeiros/as merecen outro aplauso atronador polo labor imprescindible que realizan cada día, e nestes momentos máis se cabe.

Coméntame que o leva ben, que as condicións de traballo son boas pois cumprindo os protocolos trabállase con máis seguridade. “Desinfectamos o camión, levamos mascarillas e luvas, todo en orde”, dime. Ao ir protexido non ten medo, nin sabendo que hai bolsas de lixo e contedores que poden estar contaminados co virus. Está claro que se pensasen niso, algúns non irían traballar, eu o primeiro estando no seu lugar.

Pregúntolle se xeramos máis lixo que de costume e sen dubidalo dime que si, que bastante máis, “estamos máis na casa e nótase que hai máis, seguro”, dime.

“Tedes aplausos da xente tamén”? -pregúntolle-, e dime que ao repartir os cubos nalgúns barrios si, hai xente que nos aplaude bastante.

 

[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’ conxunto que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

L∃EMOS, novo selo de Agrasar Editores que abre a porta a xéneros e voces universais

Desde a súa fundación, Agrasar Editores, foi un piar na preservación e promoción da...

Horario do bus urbano de Monforte os días 5 e 9 de decembro

O Concello de Monforte informa que a empresa de transportes concesionaria do servizo do...

O xulgado arquiva a denuncia por violación grupal nun pub de Sarria

A xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Sarria decretou...

Este 6 de decembro celébranse os XII Cantos de Taberna da Pobra do Brollón

Todos os grupos pasarán ao longo do serán polos seis bares do municipio: Avenida,...