Entrevista ao seu fundador, Ramón González Fontaíña, e a Eduardo Sánchez Pazo, encargado e responsable de xestionar o blog da liga que suma máis de 60.000 visitas, algunhas do outro lado do océano atlántico como Arxentina.
Cóntennos un pouco cal é a historia deste xogo en Pantón?
É un xogo moi arraigado no noso municipio, en tódalas aldeas había pedras ou lastróns para os birlos. Entre aldeas podiamos ter diferenzas pero normalmente xógase con 9 birlos, e na Torre de Vilamirón xogan con 6 birlos, pero as mesmas normas sempre. Antigamente a persoa que facía os birlos e as bolas era o seu dono polo que para xogar había que pagar. Era coma un encargado de campo que ía buscar os birlos e ocupábase de todo respecto ao xogo. Nas partidas de antes facíanse apostas con cartos. Uns dos xogadores históricos do noso concello pola forma de xogar eran o Pedro de Castillón e Arturo de Ferreiroá.
“Nas partidas de antes facíanse apostas con cartos”
Tamén é importante saber que o noso concello é único en canto a normas de xogo. Así nos últimos lugares en xogar de forma tradicional foi en San Fiz de Cangas e no Castro de Ferreira. Que nós coñezamos, só en Ribadeo xogan parecido a nós e en Asturias teñen unha modalidade parecida, denominada, “Birlos vaqueiros”.
Respecto aos detalles máis técnicos deste deporte?
A bola é de madeira de mazaira, ao estar mollada aguanta moi ben os golpes, e os birlos son de bidueiro. A bola grande pesa 2,5 quilos e a pequena 2. Antes xogábase nun lastrón e por enriba do Calvario, pero ao asfaltar o camiño quedou asfaltado tamén. Agora xógase no campo de birlos “Suso Prado”. O sorteo facémolo na penúltima fin de semana de febreiro xunto a unha comida e a liga faise de marzo a xullo, os domingos cada 15 días.
Como naceu a actual Liga de Birlos de San Fiz de Cangas e San Xulián de Serode?
Foi por iniciativa de Suso Prado, que polas festas de San Fiz de Cangas, organizou un torneo, ao facer el mesmo uns birlos e bolas para poder xogar. Logo disto, vimos que había moita xente interesada e involucrada e decidimos facer unha liga. E así levamos co noso torneo dende o 2007, este ano sería a XIV Liga pero tivemos que suspendela.
Sabemos que teñen un blog onde informan de todas as novas sobre a liga, que podedes dicir sobre el?
O blog comezou á par que a liga, aló polo 2007. Nel poñemos toda a información sobre a competición, os grupos dos sorteos, as clasificacións, os resultados de cada xornada, as imaxes e vídeos das competicións e das nosas comidas. É un medio moi cómodo para saber da liga, así ten moitas visitas, actualmente preto de 60.000. Xente de todo o mundo o mira, incluso temos noticias que dende Arxentina.
“A final da liga, celébrase o día do Cristo, cando celebramos o ‘Memorial Suso Prado’”
Que torneos teñen a día de hoxe?
Temos unha liga regular, campión da embirla e unha supercopa, cos 16 mellores da liga. A final desta celébrase o día do Cristo, cando celebramos o “Memorial Suso Prado”. Mesmo tivemos campionato xuvenil, un con maiores de 65 anos e organizamos un feminino.
Tivestes algún contacto con outros clubes de birlos ou mesmo coa Federación Galega de Birlos ?
A verdade, é que si. Xa fomos xogar á Pontenova, no norte de Lugo, alí xogamos coas súas normas e eles á súa vez viñeron competir aquí coas nosas directrices. Tamén iamos ir a Vigo xogar, pero finalmente por diversas circunstancias non puidemos acudir.
Tivemos contactos coa Federación Galega onde no propuxeron federarnos e xogar no seu campionato. Non aceptamos pola gran unión que temos aquí e polo feito que cando xogaramos fóra teriamos que adoptar as normas da Federación. Aínda que logo ao xogar na casa, sería coas nosas normas. Pero tamén, só podiamos competir 12, e naquel entón eramos 30. Era unha desvantaxe para o resto.
“O único apoio que tivemos foi por parte da área de deportes da Deputación de Lugo para facer o valado de madeira, ao redor do campo”
Tedes ou tivestes algún apoio por parte das institucións?
A maioría das cousas que precisamos facer argallámolas nós mesmos. Así cada participante paga 30 euros para as comidas e os custos. O único apoio que tivemos foi por parte da área de deportes da Deputación de Lugo para facer o valado de madeira, ao redor do campo. Logo temos a empresa viguesa, Distribucións Irago, que nos dá para as camisetas e os sorteos.