Pasado o susto, que foi un pau en toda regra, a todos aqueles que vivimos do turismo toca recompoñerse e reformular pasos a seguir e estratexias. Non hai tanto estabamos todos falando de que este ía ser o ano do Xeoparque, das montañas, do turismo na Ribeira Sacra, das grandes festas e prometíamonos un futuro feliz; pois a aterraxe na nova realidade creo que non puido ser máis duro. O que quede de ano será un tratar de non acabar de afogar e salvar o pouco que se poida da tempada; queda o outono que pode polo menos paliar algo a desfeita e queda recuperar a confianza dos clientes e perder o medo a todo este follón. Na parte que me toca partía dun mes de xaneiro coa tempada totalmente planificada, con meses de ocupación total e agora toca manter o tipo como se poida para poder comezar o vindeiro ano a levantar cabeza con dúbidas se iso será posible.
…podemos arrincar de novo e poñer en marcha un sector turístico que ten que cambiar e reinventarse, obrigado pola “nova anormalidade”
Pero como pasa na natureza cando hai algunha catástrofe que extingue un montón de especies, ese oco creado pola masacre crea un nicho para que veñan novos seres vivos a ocupalos. Veu o meteorito e acabou cos dinosaurios pero deseguida ese espazo foi ocupado polos que se salvaron e aí estaban os mamíferos que somos nos. Neste caso case nos pasou como co meteorito, veu algo imprevisto cambiar a orde establecida e de paso vai crear una serie de novos espazos para ocupar. É aí onde temos que fixarnos, temos un gran espazo libre para propoñer cousas novas onde medrar, podemos arrincar de novo e poñer en marcha un sector turístico que ten que cambiar e reinventarse, obrigado pola “nova anormalidade”.
Particularmente creo que o pequeno turismo rural das nosas montañas vai saír beneficiado, a xente xa non vai querer ir a lugares masificados, farán desprazamentos buscando amplos espazos e natureza e aí nós somos os campións dentro de Galicia. Contamos cun Xeoparque, contamos con anos de experiencia en turismo rural, bos sitios para comer, paisaxe, infinitas posibilidades de actividades de turismo activo, bo viño e boa xente; creo que pode ser aposta gañadora se todos traballamos na mesma dirección.
“Iso de ir cada un por libre queda moi bonito pero non serve para nada, hai que abandonar a desconfianza crónica que temos a todo aquilo que nos propoñan os de fóra e arriscar para gañar”
Temos exemplos no turismo rural asturiano, en Pirineos, Cantabria… onde teñen unha capacidade e unha experiencia en vender o seu produto que está a anos luz do que estamos a facer nós na nosa terra. Toca aprender deles, buscar novos nichos de clientes porque xa non serve estar sentados na porta da casa agardando que pase alguén por diante. É momento de moverse, de asociarse e buscar a colaboración das diferentes administracións. Iso de ir cada un por libre queda moi bonito pero non serve para nada, hai que abandonar a desconfianza crónica que temos a todo aquilo que nos propoñan os de fóra e arriscar para gañar. O turismo rural vai ser o futuro para o sur da provincia de Lugo, é hora de espertar, levantar a vista e poñérmonos obxectivos de futuro.
“Este é o momento da aparición de empresas de turismo activo na nosa zona”
No ámbito do turismo activo está a piques de saír una nova lei de ámbito autonómico para adaptarse á nova lexislación nacional. Vaise buscar a calidade das actividades con novos requisitos de titulacións e formación cunha especialización do sector que nos poñerá á altura do que se fai xa en moitas autonomías e no resto dos países de UE. Rematou o tempo onde calquera sen formación técnica organizaba actividades, onde fallaban as normas de seguridade ou os materiais non eran os axeitados; tamén se vai pór coto ó intrusismo profesional onde xente sen a formación ou sen estar dado de alta no sector (ás veces de xeito totalmente pirata) e con prezos moi por debaixo do razoable (porque se vai sen seguro, sen ratio de técnicos e sobre todo porque como teñen outro traballo con este sacan un sobresoldo) que fan imposible a supervivencia das empresas dedicadas ó turismo activo na nosa Galicia.
Este é o momento da aparición de empresas de turismo activo na nosa zona, xente nova que se anime a facer a formación técnica e dar o paso de crear o seu negocio e complementar e colaborar cos establecementos de turismo rural. As rutas, os barrancos, as covas, BTT, acuáticas, parapente, escalada e outras que me quedan van facer que o turismo dos novos tempos se fixe na nosa terra e lle dea o pulo definitivo para que as nosas montañas non morran de abandono.