HomeOpiniónImaxes inéditas da antiga “Eléctrica de Pantón”

Imaxes inéditas da antiga “Eléctrica de Pantón”

O colectivo Segredos de Pantón achégannos á historia desta fábrica da luz e dános a coñecer unhas imaxes en 3D que recrean esta construción.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón

Comezo da empresa

- Advertisement -

A empresa nace da man de José Moure Losada, empresario da vila do Castro de Ferreira, cando na segunda década do século pasado puxo os primeiros pasos para a apertura da fábrica da luz. A base da Eléctrica de Pantón estaba no Río Couto ou Rego de Fondós no Concello de Carballedo. Antes de montala neste paraxe pensouse facer o propio no Quello, nun lugar próxima á fervenza de Augacaída, pero foi imposible.

A antiga ‘Eléctrica de Pantón’. Foto: Flora Enríquez

No boletín oficial da Deputación de Lugo do día 30 de maio de 1921 decláranse de utilidade pública os terreos de propiedade particular na contorna da central.

O proxecto foi obra de Ramón Lafortet Cividanes, que contaba xa con experiencia nestas obras tendo custado a súa instalación 50.000 pesetas.

Eléctrica de Pantón abastecería electricidade aos concellos do Saviñao, Sober e Pantón. Nestes municipios os núcleos de poboación que tiveron luz eléctrica foron entre outros, Marce, O Castro de Ferreira, Escairón, Morgade, Sober e Canabal.

O 18 de xaneiro de 1934 transfírese a titularidade da empresa a Fructuoso Enríquez Moure co fin de mellorala e ampliala. Finalmente, en xaneiro de 1952 transfírese a fábrica da luz do Rego de Frondós a FENOSA, que era a concesionaria do aproveitamento hidroeléctrico do río Miño dende 1948; e as liñas de transporte de enerxía e redes de distribución á Sociedade Xeral Galega de Electricidade (S.X.G.E.).

Traballadores

A maioría dos empregados eran da propia familia ao ser esta unha empresa de carácter familiar, pero tamén había veciños de aldeas da contorna da estación.

Aínda que ao comezo a maioría eran traballadores da aldea de Sacardebois, no Concello de Parada de Sil, ao estar alí unha fabrica da luz xa existente e traer eles experiencia na devandita empresa ourensá.

Os traballadores do Castro de Ferreira aos inicios da vida da eléctrica acudían ata o lugar do Castelo nunha moto Royal Enfield, preto de Marce e dende alí cruzaban en barca. Xa nos anos 1940 tiñan unha furgoneta Fiat que pertencera ao exército.

Imaxes de flora enríquez en 3D que recrean a Eléctrica de Pantón

Fin da “Eléctrica de Pantón”

A subida das augas do Miño polo encoro dos Peares anegou a fábrica da luz e os terreos limítrofes a finais do outubro de 1952. Aínda así, seguiu a subministrar electricidade aos seus abonados ata a primavera de 1954, empregando enerxía procedente do Salto das Conchas, na Baixa Limia, a través dunha caseta da Sociedade Xeral Galega de Electricidade (S.X.G.E.) que posuían en Canabal.

Coa subida do nivel da auga produciuse a retirada de toda a maquinaria da fábrica e outras pertenzas da mesma por medio de barcas. A maquinaria toda vendeuse en 1953 a José Pérez Mel e Damián López Ferreiría, que tiñan unha concesión no río Beloi no lugar do “Salto da Onza”, na parroquia do Pereiro no Concello de Alfoz.

Foto actual da Fábrica da Luz / SdP

Bibliografía:

-Arquivos da familia Enríquez Moure.

-Artigo de Flora Enríquez Rodríguez, “A Eléctrica de Pantón no Saviñao”.

-Lendas e tradicións da Ribeira Sacra Vilar de Ortexe Os Estraloxos.

ÚLTIMAS

O músico Sergio Alba presenta “Dous rombos… pasa para a cama!”

O vindeiro 17 de abril, o intérprete con alma de cómico Sergio Alba, presenta...

Prohibidas as queimas forestais e agrícolas de particulares

Quedan fóra da prohibición as queimas prescritas que executa o Servizo de Prevención e...

Ata o 25 de abril pódense solicitar as axudas para a colleita en verde

Estas axudas están dotadas cun orzamento de 600.000€ do Fondo Europeo Agrícola de Garantía...

O Multiusos de Monforte acolle este 10 de abril a representación de “Mulleres que viven soas”

Representarase a obra, Mulleres que viven soas, da compañía Berrobambán, obra escrita por Paula...