O virus e a confrontación

Se pasa con absolutamente todo, era inevitable que pasara co coronavirus. Xa temos as dúas Españas tamén no asunto da pandemia. Calquera enfoque, análise ou proposta sobre calquera aspecto que atingue ó coronavirus acaba por crear dous bandos radicalmente enfrontados. E, habendo vidas e sentementos polo medio, os enfrontamentos poden acabar mal.

Traballadores da residencia do Incio / remitida

         A principal división atopámola entre os negacionistas/descoidados e os profetas/eremitas. Os primeiros poñen a máscara cando lles acorda ou son obrigados, non manteñen ningún tipo de distancia de seguridade, andan polos bares en amor e compañía e están seguros de que o virus nunca lles vai tocar nin de preto. Os segundos viven enclaustrados nos seus domicilios (a súa economía permitélle-lo), agoiran que para decembro estarán clausuradas todas as actividades a nivel planetario, anuncian o fin da sociedade actual e predín que este virus -ou outro similar- vai estar sempre no aire e matando xente… e non parece unha situación que lles incomode.

            Nun segundo plano están as versións menos radicais destas dúas posturas antagónicas. Por un lado os que levan o nariz por fóra da mascarilla, que lavan as mans se lle-lo ven facer aos demais, piden desculpas as numerosas veces que saltan os protocolos e gardan distancias con persoas coas que xa as gardaban antes. A contraparte son os que lavan as mans de xeito compulsivo, cambian de beirarrúa para non se cruzar con ninguén, levan varias máscaras superpostas e abren as orellas coma pratos ante calquera rumor de contaxio.

            E ao fío dos rumores veñen as desavinzas polas políticas informativas. Hai quen esixe saber un por un os casos por concello, por distrito, por parroquia e ata por domicilio. Hai quen se conforma coa información oficial. Pero hai unha cousa clara: cumprindo coas normativas e coas indicacións sanitarias, estaremos a salvo de contaxios. De pouco serve saber onde hai ou onde non hai un gromo -palabra digna de análise- se non mantemos as precaucións que tanto se nos lembran a diario. Relaxarse porque non hai casos preto ou coidarse de máis porque si que os hai é unha estupidez. Se despois de milleiros de mortos aínda pensamos que a nosa saúde depende de saber cantos veciños teñen o virus ou non… mal imos acabar.

Os negacionistas

            Caso aparte son os negacionistas. Eses xa están fóra de toda catalogación. Pódese entender que haxa dúbidas sobre a orixe do virus, sobre o tratamento máis eficaz, sobre a data en que chegue a vacina ou ata sobre os efectos a longo prazo da COVID-19. Pero que se negue a existencia do virus, que se negue que as mortes son causadas por el, que se diga que todo é un mecanismo de control social deseñado por unhas elites que pretenden implantar unha nova orde mundial… coido que nunca viramos tamaña aberración dende os tristemente famosos Protocolos dos Sabios de Sión.

residencia O Incio / páxinasgalegas.es

            Nestes días tivemos un susto importante coa acumulación de casos positivos en Monforte de Lemos e O Incio. É a proba de que o coronavirus pode chegar a calquera curruncho, como xa viramos ao comezo do verán noutros concellos da Ribeira Sacra. Hai quen di que son casos importados de Madrid, Catalunya ou Euzkadi. E quen achaca os rebrotes ás comidas familiares, ao ocio nocturno e ao botellón. Seguramente sexa unha mestura de todos eses factores. O que está claro é que en calquera das circunstancias anteditas houbo persoas que non respectaron as normas de seguridade. Por ignorancia ou por ousadía, pero non as respectaron.

Que queda agora?

            O dano para os sectores turístico e hostaleiro xa está causado. A suspensión de actividades festivas e os peches e restricións a bares, pubs, restaurantes e discotecas foron un mazazo económico do que xa veremos como se sae. Agora dirán que se levantou demasiado pronto o confinamento… os mesmos profetas que sempre falan cando xa pasou todo. “Menos mal que o balón non entrou. Porque, se chega entrar, é gol.” Visionarios do pasado…

A Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da Unesco | Fonte: Remitida.

            Que queda agora? Pois o mesmo que quedaba a 14 de marzo. Respectar as normas sanitarias e acatar as ordes e recomendacións das autoridades responsables de combater o coronavirus. Sen medo pero sen temeridade; sen renunciar a nada pero sabendo que agora nada é igual. De nós depende.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here