Estes días tentando por orde aos papeis ciscados pola casa, dei cos apuntamentos tomados vai un par de anos nas xornadas organizadas polo Sindicato Labrego “Os incendios forestais na UE: alternativas de protección”. Foran unha oportunidade única para escoitar o que tiñan que dicir diversos actores que interveñen no día a día dos montes, con poñentes vidos de todo o Estado. Xornadas coma esta descóbrennos, por unha banda, o importante traballo que fan as organizacións agrarias e, pola outra, o importantes que son para o futuro do agro no noso país.
Lembro que chamara a miña atención un gandeiro de cabrún de leite de Andalucía, que explicaba como funcionaba o programa das chamadas Ovejas Bomberas: no sur os gandeiros teñen que pagar sumas enormes polo aproveitamento dos montes públicos; con este programa asinaban un contrato cos técnicos de medioambiente da Junta de Andalucía para o pastoreo nesas superficies, recibindo daquela, por cada hectárea uns 42 euros. Fora en zonas de montaña ou en chairas o resultado sempre era positivo e os beneficios de pagar por pastorear eran evidentes: supoñían unha importante redución no gasto en extinción de incendios da Junta, polo que hai un importante recoñecemento ao papel que desempeña este programa para o aproveitamento dos cortalumes e o mantemento dos montes. Isto xa se facía no pasado ata que desde as administracións comezaron a priorizar os aproveitamentos forestais sobre os gandeiros, e no noso país tamén sabemos algo diso.
Pola parte galega, a meirande parte das intervencións viñan a describir a desfeita económica, ambiental e social que ano tras ano sofren os nosos montes a causa do lume. Moitas veces son as franxas de especies autóctonas -cada vez máis escasas- as que evitan desgrazas maiores, e ninguén da administración se preocupa por amañar o desastre que queda no territorio despois do lume. A política de ordenación do territorio que se leva a cabo no noso país é de sobra coñecida, e as cousas non teñen intención de mellorar visto o destino que van levar os fondos next generation para a reconstrución do mundo postcovid.
Ás veces no medio da desfeita xorden iniciativas que poden marcar o camiño, como a do Concello de Friol, que puxo en marcha un plan de permutas entre veciños que vai permitir ampliar o tamaño das parcelas, e polo tanto, a rendibilidade das explotacións do concello. Esta é unha das opcións que marca a lei para o inicio de concentracións parcelarias, a instancia dos concellos, aínda que en case ningures se emprega esta posibilidade, ben por desinterese ao non sermos conscientes do potencial do sector agrogandeiro no desenvolvemento rural, ou porque os políticos locais non queren meterse en complicacións que poderían poñer en risco a súa continuidade na poltrona.
Con todo, cómpre non equivocar responsabilidades, que neste caso caen inequivocamente na Consellería de Medio Rural, pois nos últimos dez anos non iniciou ningún procedemento de concentración parcelaria nin tampouco quere poñer os medios para rematar as que están actualmente en proceso (como no concello de Agolada) tirando por terra o traballo e os milleiros de euros investidos nelas. Como solución ao xa endémico problema de ordenación que temos no campo galego, propóñennos agora a enésima lei de recuperación de terras agrarias; unha lei que nace despois da chamada lexislatura do rural e que, como moitas outras normativas dos actuais xestores de San Caetano, ten pinta de ser unha campaña de marketing. Iso si, con algunhas medidas para favorecer ao grande capital en detrimento das pequenas producións.
Mellor nos iría se en vez de novas leis houbera vontade e altura de miras para aplicar e desenvolver as vellas.