HomeOpiniónOPINIÓN: Que vai ser de nós?

OPINIÓN: Que vai ser de nós?

"Hai uns días que volvín de terras cántabras [...] A verdade é que volvín cheo de envexa de como está todo por alí [...] Tamén vin claramente que apostan polo turismo e a venda dos produtos da terra, temos moito que aprender e cambiar moitas mentalidades para poder facer do sur de Lugo un territorio con futuro".

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Hai uns días que volvín de terras cántabras onde estiven por temas de estudo para tentar mellorar na profesión e vivir do que a min me gusta que é estar no monte guiando xente. Xa son dos que pensa que o turismo de calidade é a derradeira oportunidade que nos queda para saír do pozo escuro no que se está a converter a nosa zona.

A verdade é que volvín cheo de envexa de como está todo por alí. Facíaseme raro ver aldeas con un urbanismo decente sen ladrillos e uralitas campando por todos lados, cando un sae fóra de Galicia decátase do mal que tratamos os galegos a nosa terra. Tamén vin claramente que apostan polo turismo e a venda dos produtos da terra, temos moito que aprender e cambiar moitas mentalidades para poder facer do sur de Lugo un territorio con futuro.

“Facíaseme raro ver aldeas con un urbanismo decente sen ladrillos e uralitas campando por todos lados, cando un sae fóra de Galicia decátase do mal que tratamos os galegos a nosa terra”

Estamos estragando o pouco que nos queda, no Val de Lemos se vos fixades cada vez hai máis eucaliptos que en cinco ou seis anos serán grandes e deixaranse ver, chegará o lume e morrerá xente e non haberá responsables. Inzarán as nosas montañas de eólicos para que se fagan ricos en Noruega, Holanda ou Madrid e os das aldeas recibirán catro cas para taparlles a boca e pensarán que gañan algo. Morrerán os vellos e os novos marcharán e non pasará nada porque non nos interesa cambiar. Vívese moi ben lamentándose e botándolle a culpa a outra xente pero non se fai nada por mellorar. Somos unha xente vencida que prefire perder antes que ver prosperar ó veciño, non nos gusta ver como lle vai ben a quen vive cerca nosa. Nin comen nin deixar comer.

“Inzarán as nosas montañas de eólicos para que se fagan ricos en Noruega, Holanda ou Madrid e os das aldeas recibirán catro cas para taparlles a boca e pensarán que gañan algo”

Algo que nos caracteriza, e que non podedes negarme, é a negatividade que nos acompaña. Cando un quere montar un negocio todo Deus di que iso vai ser una ruína, se che vai mal xa están co de “xa cho dixen”,  se che vai ben logo din que andas metido en negocios escuros.  A envexa é un mal endémico, hai xente que rabexa cando ve que melloras.

Aquí todos somos expertos en falar mal do veciño e canto peor lle vaia máis felices somos, e claro, así nos vai a todos. Outra moda que se está a impoñer é o egoísmo, pensar só nun e o resto que lle dean, algo que estamos a ver nestes tempos de pandemias onde nos importa un carallo o ben común ata que nos pilla o bicho e logo agachamos a orella. Tamén somos expertos en tirar balóns fora, nunca temos a culpa de nada e todo o malo que nos pasa é culpa do goberno, dos do pobo do lado, da UE ou da casa da conexa, nós somos vítimas dun complot universal.

Somos campións en maltrato á natureza, todo nos dá igual coa escusa de que “co meu fago o que me sae do carallo”, importa máis o euro no peto que o que lle deixemos de herdanza ós fillos e netos nun futuro. Deixarémoslle unha Galicia eucaliptizada, chea de molinillos, minas e asfalto; os novos  terán que marchar porque ninguén quererá vivir nun sitio así. Iremos de vacacións a outras montañas, compraremos leite de Francia ou Holanda, becerro de Arxentina, tomates de Marrocos, coches de China mentres aquí seguiremos de festa no verán e amargados no inverno. Faremos ricos a outros e Galicia quedará arrasada mentres os que mandan e nos puxeron nesta situación vivirán como Deus sentados nos consellos de administración das empresas.

“Somos campións en maltrato á natureza, todo nos dá igual coa escusa de que “co meu fago o que me sae do carallo”, importa máis o euro no peto que o que lle deixemos de herdanza ós fillos e netos nun futuro”

Somos de agochar a orella diante dos que mandan e apertar a soga diante do débil, tamén nos gusta moito buscar culpables, canto máis indefensos mellor, antes que buscar solución. Moito nos gusta que nos pase a man polo lombo o que manda, e moitos toman a política como se de fútbol se tratase chegando a odiar ata a morte a aqueles que non son da súa cor; e así nos vai, incapaces de chegar a entendemento ou negociación algunha, buscando a humillación e a ruína de aquel que non pensa coma nos; vese que iso de aprender da historia non vai con nós.

Hai tempo que xa deixou de preocuparme esta carallada porque en realidade temos o que merecemos e se un día teño que marchar de aquí a levar xente a outras montañas seguro que alí haberá xente orgullosa da súa terra e que loita por defendela e non como aquí.

Gustaríame ser positivo pero é que mo poñedes complicado de carallo

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...