Diario de corentena do 21 de marzo do 2020:
La vida es bella, a oscarizada película de Roberto Benigni, que no 97 nos deu ilusión e esperanza a quen a vimos. La vida es bella leva rondándome desde o día 2 de corentena, desde que os xornais de Lugo asociados ao Galicia Confidencial comezamos a escribir este diario. Esta película pode ser terapéutica agora e sempre, porque transmite unha mensaxe universal positiva nunha circunstancia de traxedia absoluta. Hoxe mesmo a película comezou a emitirse en Paramount, segundo me dixeron.
Fai un par de meses pedín cita no Hospital Comarcal de Monforte para analítica de seguimento, trámite que debo pasar cada x tempo. Tiña a cita na axenda para o luns 23 de marzo. Onte chamei ao Hospital para saber se se mantiñan este tipo de citas e se podía acudir. Dixéronme que si.
O luns pasado fora mercar, e pensei aproveitar a saída do vindeiro luns para volver mercar. Pero acababa de facer a entrevista do xefe de cociña da residencia do Malecón en Monforte, que insistiu na importancia de alimentarse ben e falou da recompensa que supón, e decidín adiantar a compra a hoxe e tentar comprar, entre outras cousas algo de peixe, que levaba tempo sen comelo. Acababa de ler ademais, o que publicara o Xornal da Mariña sobre o sector. Quería tamén comprar guantes, teño algúns que me deixaron, pero non fixera previsións ao respecto e non tiña mercado guantes.
Esta mañá despois de almorzar, case me boto atrás. Non me urxen os guantes que non vou saír da casa e o peixe,… podo seguir sen comelo. Pero está esa curiosidade, non sei se xornalística ou vén de serie.
ERA POUCO ANTES DAS 11.00 CANDO SAÍN Á RÚA E IMPRESIONOUME O AIRE.
Era pouco antes das 11.00 cando saín á rúa e impresionoume o aire. Estaba tan limpo, saíndo á ventá non se percibe tanto. Esta semana todas as noticias que escoitei de Italia falaban de como avanzaba a enfermidade, da “bronca” que lles deu a delegación de médicos chinos que os viñan axudar a reforzar a contención porque o “carácter latino” segue celebrando encontros clandestinos; e da diminución da contaminación. Como non se vai notar nas grandes cidades se se nota en Monforte en poucos días?
Vou ao gran.
O que vín na miña saída de hoxe, de 10, matrícula de honra sería, aínda que hai excepcións, pero hoxe non toca falar delas. O caso é que todos imos aprendendo. E no super, o comportamento da xente infinito mellor que o segundo día de corentena, recén experimentando. Ao que fun, o máis cercano, incorporaba no chan limitadores de espazo nas caixas ou para mercar peixe, que por certo, había de todo. Tamén había papel hixiénico a esgalla e non o puiden evitar. Guantes nada, nin se lles espera.
CO QUE USAMOS O MÓBIL NON CREO QUE LLE DEAMOS TEMPO AO VIRUS A MORRER
No regreso a casa fixen co móbil as fotos dun Monforte paralizado e agora que o escribo véuseme á cabeza a película de Lois Patiño, Lúa Vermella.
O caso é que cheguei a casa, ao piso, para entendernos; cos meus guantes e a compra. Deixo a bolsa na cociña, tiro os guantes e lavo as mans. Comezo a sacar as cousas da bolsa e digo, pois depois teño que volver lavar as mans. Fágoo. Xanto e mentres xanto, collo o móbil. Sigo comendo e acórdome de que fixen fotos co móbil cos guantes, cando viña de mercar. Volvo a lavar as mans e agora acabo de lembrar que o móbil non o limpei. O virus dura un tempo nas superficies, pero co que usamos o móbil non creo que lle deamos tempo ao virus a morrer.
Agora vou ver La vida es bella e o luns cando saia da casa para o Hospital, respirar, a lo menos antes de chegar alí. Que conste que se me dín que podo ir, confío en que non hai problema. E mañá pode ser un bo día para ler a Guía básica sobre o COVID19, o que realmente saben os científicos sobre o coronavirus. Un traballo de investigación do compañeiro Alberto Quián, resultado da revisión de case 200 estudos e textos publicados por científicos de todo o mundo, seleccionados de entre centos de documentos publicados xa en bases científicas cos primeiros resultados e análises sobre o COVID-19.
A peza forma parte dun ‘Diario de corentena‘ conxunto que se escribe dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos.