HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Cando non sabes en que...

Así viviamos hai un ano a pandemia: Cando non sabes en que día vives

Que día é hoxe? Chama a atención ese encontro de miradas cómplices e solidarias para organizar como pasar sen aproximarse; se o paso é estreito ata falas con esa persoa que nunca antes viras, - Cruzas ti ou cruzo eu? Cando estás na casa sínteste protexido.

Publicado o

- Advertisement -

Diario de Corentena do 31 de marzo do 2020:

Imos “acostumándonos” a vivir coa Covid19. Levamos camiñada a primeira quincena e imos sumar outra quincena de corentena, iso de momento. Encerrados na casa xa se perde a noción do tempo. Que día é hoxe? O día da semana que é, case non importa; creo que xa nin sabemos os días que levamos pechados e xa deixamos de plantexarnos os que nos quedan. É máis saudable.

Chegou un invasor invisible para atacarnos, pero este invasor, parece que non é malo en si mesmo, colle vida ao entrar en contacto con nós. E xa estamos vendo que tipo de vida lle damos. Despois destes días vaise incrementando a conciencia social, aínda que siga habendo excepcións. Nótase esta semana, despois das últimas limitacións ao movemento de traballadores. Xa case non escoito coches pasar desde o piso no que estou e na rúa é raro atoparse con alguén.

PASAS TI OU PASO EU?

Coa Covid19 escapas da xente e eles de tí cando vos vedes, cruzas de beirarrúa, camiñas pola estrada porque non hai coches, como Eduardo Noriega en Abre los ojos, con esas rúas de Madrid baleiras. Chama a atención ese encontro de miradas cómplices e solidarias para organizar como pasar sen aproximarse; se o paso é estreito ata falas con esa persoa que nunca antes viras, – Pasas ti ou paso eu?

Hospital en corentena Covid19 / XdL

Cando estás na casa sénteste protexido, sabes que así non debería de pasar nada, máis que os días necesarios para que o encerro poida rematar. Todo cambia cando saes á rúa a cubrir “algunha necesidade”. Ao comezo pensaba que eses momentos se agradecerían, pero provocan o efecto contrario. Fóra da casa non te sentes seguro; como no “escondite”, nin por ti, nin por todos os teus compañeiros. E falando de seguridade, creo que iso vai quedar aí tatuado por moito tempo, ou por sempre; o respecto ao exterior e a seguridade do fogar, como xa era antes de antes de chegar a Covid19.

DE MUJERCITAS A “ME RESBALA”

O outro día, de casualidade, daban nalgunha cadea Mujercitas, a historia desas irmás que se fan mulleres no fogar, co trasfondo da guerra civil en EEUU. Era a película de 1949. Nesta película pseudoapocalíptica da Covid19 no século XXI, viaxar ao 1949 resultou reconfortante, a pesar de estar en guerra alí tamén. Mujercitas do 1949 lembroume ao núcleo familiar (pais, nais, fillos; en moitos casos, avós e algún familiar máis) gozando dunha boa peli na tele, e parecía que non existía nada máis.

A Covid19 fixo que volvera a prestarlle atención a un aparello que tiña medio esquecido, a tele. Nesa viaxe pola tele, un día conseguín rirme, e moito. Parece difícil, pero a chegada do Covid19 transforma cousas. Non sabía que Arturo Valls tiña, desde antes do Covid, un programa, Me resbala, no que sometía a unha representación de cómicos españois a diferentes probas. Neste desenfreno de virus non está limitado rirse, así que se tedes a oportunidade, non a desaproveitedes. Aínda que tomarse as cousas con sentido do humor se antoxa impensable.

Igual de impensable que debería ser, que estando vivindo unha circunstancia EXTRAORDINARIA, parte importante da clase política a nivel local, provincial, autonómico, estatal, europeo e do mundo mundial, continúe a facer a súa “campaña particular”, como sempre. Estamos ao que estamos ou como é isto?

Hospital en corentena Covid19 / XdL

ÚLTIMAS

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe na fase final do Parlamento Xove

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe, integrado por Sabela Castro...

8M en Monforte con presenza do alcalde e sen a oposición

A concentración tivo lugar ás 13.00 horas na Praza da Compañía, diante das Casitas,...

O BNG de Pantón homenaxea no 8M a Cándida Fernández

Durante os próximos meses dende o BNG de Pantón aseguran que seguirán promovendo actos...

O IV Premio da Muller Caldelá foi para Pepita Carballo

Castro Caldelas celebrou o pasado venres 6 de marzo o Día da Muller reivindicando...