HomeOpiniónOPINIÓN: Pequenas recomendacións para a primavera

OPINIÓN: Pequenas recomendacións para a primavera

"Xa está aquí a primavera e chega o intre de recuperar as zapas do armario e comezar a sacar os cornos ó sol que sempre vén de perlas para a vitamina D..."

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

A maioría de vós non sodes xente que sae a camiñar nos meses de inverno, gran erro que tendes que solucionar, e non cómpre poñerse o primeiro día a facer decenas de quilómetros porque botaredes uns días cunhas maniotas coas que custa bágoas sentarse; así que teremos que planificar unha posta a punto de cara ós meses que nos veñen por diante.

Os primeiros días uns paseíños polo asfalto ou camiños sinxelos de terra do redor dunha hora a unha velocidade duns catro a cinco quilómetros/hora sería o ideal. Para controlar a velocidade hai apps para os móbiles que son gratuítas que podemos usar para ver como imos progresando; non hai que tolear coas distancias, senón que temos que controlar as nosas sensacións, así en dez ou quince días estaremos listos para darlle ledicia ás patas e gozar dun bo xantar en calquera dos establecementos da serra. A cousa da COVID ten pinta de ir a mellorar e moitos de vós estades a agardar que nos solten para saír, toca gozar e recuperar o tempo perdido.

“Os primeiros días uns paseíños polo asfalto ou camiños sinxelos de terra do redor dunha hora a unha velocidade duns catro a cinco quilómetros/hora sería o ideal”

PERCORRIDOS RECOMENDADOS

Temos novidades en Seceda coa recén posta a punto das rutas das alvarizas e o oso coa colaboración da Fundación Oso Pardo, algunhas delas modificacións de rutas existentes, reaperturas de vellos camiños, limpeza de alvarizas, balizado dos percorridos e implementación de paneis interpretativos. Son tres rutas que entre todas suman uns dezaseis quilómetros circulares con punto de partida en Seceda. Non hai moita pendente acumulada e quedoulles realmente un traballo moi bonito. Para comezar máis que suficiente, o punto en contra é que non hai cantina nin bar na aldea así que ou ben levamos bocata ou nos achegamos onde poidamos xantar un xabaril con castañas.

Na zona de Seoane, e froito do traballo dos pequenos do CEIP Uxío Novoneyra co asesoramento do que creo é a persoa máis relevante na promoción do turismo e das rutas do Courel, o grandísimo Orlando –do que algún día habería que pensar en facerlle unha merecida homenaxe– naceu unha ruta que nos leva cara o Castro de Brío. O camiño descorre por unha fermosísima zona calía chea de aciñeiras e retorna outra vez cun paso “acolloante” polo Val das Mouras. Son oito quilómetros que teñen unha pendente respectable que compensa o esforzo coa vexetación, a xeoloxía e a paisaxe.

Se non queredes subir ao Courel, hai opcións en Ribas de Sil e Quiroga

Se non queredes subir ao Courel, en Ribas de Sil hai que ir a mina romana do Covallón, ruta sinxela, onde fliparedes co traballo que fixeron os romanos para deixarnos sen o ouro que agora nos viría tan ben. Algo máis longa é a ruta da Cubela pero como aínda non vai calor resulta moi agradable sobre todo se levades a cámara.

En Quiroga facer o camiño da fervenza de Vieiros e probar os allos de oso na beira do Selmo ou facer a ruta do val do Río Quiroga que é un camiño de extraordinaria beleza que non é moi frecuentado pero recomendable para unha mañá de domingo antes de xantar.

PARA AFECCIONADOS DA CÁMARA

Logo están, estamos que diría eu, os fanáticos da cámara. Rapaces e rapazas, xa temos aquí as primeiras orquídeas que cada ano chegan antes. Cámara, obxectivo macro, iluminación, trípode e moita paciencia. Unha voltiña polas microreservas do Courel ou por calquera cuneta, lameiro ou afloramento calío para gozar destas pequenas belezas.

Máis de vinte especies distintas podedes atopar no territorio, o que é un auténtico privilexio. Lembrade que simplemente con fixarnos nas cunetas sen movernos moitos metros terémolas á nosa man, tamén moi importante non ir en rabaño, non pisar e sobre todo no cortar ou modificar o entorno. Se vedes algún cafre arrincar ou cortar algún exemplar (sexa orquídea ou toxo) unha boa hostia a tempo quita “moita tontería” (risas).

ÚLTIMAS

Lucía Pérez pregoará o 14 de marzo o II Cocido Gourmet Porco Celta do Incio

A cantante do Incio, Lucía Pérez, será a pregoeira da segunda edición do Cocido...

Ana Torrado do IES Río Cabe participa no programa Allá tú

Ana Torrado Martínez, alumna do Ciclo Superior de Aloxamentos Turísticos do IES Río Cabe,...

O 2 de marzo comeza a reparación da sillería da Ponte Medieval de Monforte

Trala obtención dos correspondentes permisos por parte da Dirección Xeral de Patrimonio e da...

“Mulleres con luz propia”, actividade destacada na celebración do 8M en Monforte

O Concello de Monforte vén de presentar as actividades para a celebración do 8M,...