InicioOpiniónOpinión: A UNESCO e as velas de Santo Antonio

Opinión: A UNESCO e as velas de Santo Antonio

A cuestión que verdadeiramente queda no aire é: cantas veces máis precisaremos as persoas que vivimos nas terras de Asma e nas terras de Lemos ver demostrada a absoluta falta de lealdade por parte de Xunta e Deputación para reaccionar?

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

Imaxinemos alguén que defenda as facultades de Santo Antonio para encontrar obxectos perdidos. Pero cando o Santo evita concederlle o favor por hipocrisía, o fregués di sen pudor: como é posible que me fixera isto coas velas que lle poño?

Son numerosos os episodios políticos nos que se pode aplicar esta analoxía, desde o deliberado abandono das infraestruturas públicas ata a ignorancia manifestada sistematicamente sobre o noso patrimonio cultural. Moita promesa e pouca lealdade. Moita foto e pouco trigo. E por mais que a dinámica social e os argumentos son claros sempre hai políticos dispostos a desprezar o saber da xente.

A UNESCO foi nítida e precisa no seu diagnóstico: non se dan as condicións para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial. Débese ter en conta que as comunidades locais foron excluídas do proceso de deseño e xestión da solicitude, polo que a responsabilidade do fracaso recae exclusivamente nun pequeno círculo de promotores.

Xuntanza Consorcio de Turismo R.S. e conselleiro / Consellería de Cultura e Turismo

Así pois, o premio “Adulador de Santo Antonio” deste ano 2021 vai ser compartido pola Xunta de Galicia e pola Deputación de Lugo, que recentemente foron incapaces sequera de pronunciarse conxuntamente sobre a candidatura da Ribeira Sacra unha vez que esta foi rexeitada, simplemente porque antepoñen a egolatría partidista aos intereses comunitarios. Perderon así unha oportunidade de dicir algo útil nun tema sobre o que todos os actores sociais minimamente relevantes teñen unha posición.

A Xunta de Galicia, que confunde turismo con patrimonio cultural, non é capaz de aportar demasiado para o desenvolvemento económico das nosas comarcas. A Deputación de Lugo, que denomina a área de cultura cun nome doutra época: “patrimonio histórico-artístico”, tampouco é quen de comprender a configuración cultural destas terras. Os exemplos son desafortunadamente numerosos.

Porque, á hora da verdade, a quen demostran Xunta e Deputación lealdade? ás persoas desde logo que non. A cuestión que verdadeiramente queda no aire é: cantas veces máis precisaremos as persoas que vivimos nas terras de Asma e nas terras de Lemos ver demostrada a absoluta falta de honestidade de quen goberna estas institucións para reaccionar?

Non é necesario enumerar a cantidade de despropósitos inflixidos en Chantada e Lemos aos monumentos, construcións tradicionais e paisaxe desde que entramos no século XXI. Quen le estas palabras seguro que coñece de sobra mais dunha neglixencia e abandono do patrimonio cultural. Non se precisa tampouco facer referencia ás desconsideracións que tanto Xunta como Deputación fan a diferentes municipios incluídos na súa marca Ribeira Sacra. Son tamén de dominio público.

Ribeira Sacra e a consideración de Paisaxe Cultural

Identificar a candidatura baixo o nome de “Ribeira Sacra”, mentres os veciños e veciñas desta demarcación territorial se resisten a asumir esta categoría de carácter vitivinícola e turístico como identidade colectiva de referencia, incapacita de inicio a consideración de Paisaxe Cultural para referirse a esta área xeográfica. Pretender, sen esta premisa de «ser soporte da identidade dunha comunidade» (ver en Plan Nacional de Paisaje Cultural), que sexa considerado como un valor universal destacado é unha absoluta quimera. Cando un estuda o informe que recomenda a «non inscrición da Ribeira Sacra no Patrimonio Mundial» dáse de conta que a candidatura é auga de borralla. Unha humillación das que só lle acontecen aos malos estudantes cando van sen preparar a exames que non son obrigatorios.

A Ribeira Sacra, candidata a Patrimonio Mundial da Unesco | Fonte: Remitida.

Pero hai algo substancialmente mais relevante. A desaparición acelerada da poboación local nos últimos vinte anos –no período 2000-2020 as parroquias das ribeiras do Miño, Sil e Cabe incluídas na delimitación da candidatura perderon o 40% de habitantes e o envellecemento é notable– é un lastre demasiado grande para unha Paisaxe Cultural, que debe estar viva e ser dinámica para manter a súa diversidade, que «integra compoñentes naturais e culturais, materiais e inmateriais, tanxibles e intanxibles». En definitiva, se hai menos xente hai menos cultura, menos paisaxe cultural, nada de patrimonio mundial.

Unha vez que UNESCO ditou sentenza firme en contra é preciso volver a poñer en cima da mesa o (sin)sentido que ten a Ribeira Sacra como entidade territorial e cultural mais alá dunha simple denominación de orixe protexida que regula e certifica a produción de viño. Se algún falso devoto, que se vende como estadista gobernamental, decide facerse eremita é posible que dentro de século e medio esteamos en condicións de inventar outra marca comercial e solicitar novamente o Patrimonio Mundial. Mentres tanto, teremos que conformarnos con que os nosos dirixentes públicos e os seus ilustres expertos sigan poñendo velas a Santo Antonio, a ver se conseguen encontrar os monxes perdidos e as viñas dos mosteiros entre tanta maleza.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...