InicioOpiniónNosoutras: Conquistando cumes

Nosoutras: Conquistando cumes

"A loita por gañar o recoñecemento que merece a labor das mulleres na gandaría e agricultura non cesa. Por iso, dende o noso concello queremos poñer voz a unha profesión na que, aínda estando tradicionalmente relacionada coas mans masculinas, a presenza feminina está e estivo moi vixente no sector".

Publicado o

POR
Servizos Sociais Concello de Sober
- Advertisement -

A relación establecida entre a muller e a explotación gandeira foi, dende sempre, inxusta e habitualmente vencellada ás tarefas de apoio e ós roles secundarios. A protagonista deste relato, Pili López, é o claro exemplo de que esta realidade non é a que merece ser contada.

Á nosa chegada a Lampaza son tres os cans encargados de anunciar a nosa presenza. Deseguido, escoitamos a música que soa dentro da nave gandeira, onde numerosas vacas parecen fundirse coa tranquilidade das notas musicais. A sintonía pasa a un segundo plano para deixar espazo o bo humor da nosa protagonista, a cal, rematada a tarefa de darlle de comer ó gando, diríxese cara nós co seu sorriso contaxiador. É neste marabilloso pobo onde Pili pon voz a unha labor calada, vendo nestas letras a oportunidade de reivindicar o papel da muller dentro da profesión, visibilizar, defender e homenaxear a decisión, convencida de permanecer no rural e adicar os seus folgos a sacar adiante o traballo diario.

Os traballos non entenden de xénero

Pili, xunto coa súa nai e a súa irmá pequena, atópanse ao fronte dunha explotación gandeira que conta con case duascentas cabezas. Dende moi pequena sentiu ben dentro a paixón polas súas vacas e polo traballo no campo, en gran parte, debido a que se criou neste mundo. Así pois, con só 14 anos, motivada por unha urxencia familiar, erguíase da cama ás catro da mañá para darlles de comer, munguir e deixar todo preparado antes de ir ao colexio. Non obstante, Pili formouse no eido administrativo e foi na execución das prácticas profesionais que lle esixían para obter a titulación onde tivo claro que aquilo non a facía feliz. Que as horas pasasen entre papeis e gráficos non era o que tiña pensado para o seu futuro. Levantarse ás sete da mañá e traballar ata as dez da noite, adaptándose a horarios que a maioría de persoas non comparten e traballando preto do gando, é, sen dúbida o que lle aporta gratitude vital.

Pili non só coida dos animais que conforman a granxa, tamén prepara a leña para cada inverno, abona as terras para obter máis beneficios delas, sega a herba de lameiros infinitos, manexa maquinaria agrícola de calquera tipo, etc. Desempeña todas as labores necesarias e asegura, nas súas palabras, “poñerlle tanto valor como o podería facer meu pai”. Claro está que non é unha cuestión de xénero e que os prexuízos da sociedade deben mudar axiña, pois, aínda sendo a súa realidade diaria, non esquece experiencias compartidas con amigas súas, nas que se lle puxeron impedimentos e xuízos polo feito de ser muller. Máis alá diso, o que realmente lle molesta é a falta de confianza que se percibe dentro deste mundo. Comezar dende cero presenta dificultades –confesa- pero pola imposibilidade de asumir economicamente todos os gastos que isto supón. Lonxe disto está a discriminación por cuestións de xénero ao considerar que non contan cunha formación suficiente e válida para abarcar dito emprego.

Sen dúbida, Pili é unha muller que loitou e superou os prexuízos que outros asignáronlle polo simple feito de ser muller, nadando a contracorrente e triunfando naquilo que a apaixoaba verdadeiramente. É o claro exemplo de que os traballos non entenden de xénero, como tampouco o fai ningunha outra área das nosas vidas. Todas e todos temos a obriga de deconstruir o xénero, disolvendo os estereotipos que nos introducen no saco rosa ás mulleres e no azul ós homes. Transformemos os nosos pensamentos e loitemos para que non sexa unha cuestión de xénero, senón de liberdade.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....