Din que a música alimenta a alma e a nosa amiga, Sara Méndez Arias, sábeo ben. As notas viven suspendidas no seu aire e, como si se tratase do mesmo osíxeno, atópaas en cada recuncho da súa vida, requiríndoas, tamén, para seguir respirando.
Non é estraño, entón, escoitarlle dicir, orgullosa, que é de Sober, un pobo que dende ben pequena lle ofreceu a posibilidade de entrar a formar parte deste marabilloso mundo sonoro. Sara naceu aquí, comezou na escola de música con 5 anos ante a sinxela necesidade de calquera nena da súa idade de compartir experiencias coas súas amigas do colexio. Ben podía ter escollido teatro, danza ou baile galego, pero non, decidiu que todos os seus sentidos se fundiran co brillante latón do saxofón. Aquela elección tan inocente non foi máis que o comezo da súa longa e fermosa carreira musical.
A música, dun mundo masculinizado a darlle unha mirada feminista
“Bendita paciencia tiveron os meus profesores”, confesa Sara mentres ri e conta como non era quen de tapar os buracos da frauta. Pero, sen dúbida, a súa paixón medrou cando se incorporou á banda de música de Sober, pois iso supoñía ensaiar todos os sábados, ir os martes a clase e, de cando en vez, afastarse da calor que desprendía a cheminea da casa dos seus avós para tocar ante un público, claramente, mais extenso. Un público que escoitaba os clásicos ás costas dun director.
A música, coma tantas outras artes, sempre foi un mundo de homes. Tanto é así, que Sara, aflixida, narra o triste feito de como ningunha muller chegou a ser para ela unha referente ata ter consciencia da inxustiza a que estaban sometidas. Unha vez adquirido dito coñecemento, tampouco foi capaz de atopar numerosos modelos ós que seguir pois o sexo feminino foi sempre situado baixo a sombra e as súas notas musicais medidas cun sonómetro distinto, obrigándoas, incluso, a ceder as súas obras ó sexo oposto para ser escoitadas.
Así pois, o mundo que Sara escolleu é un mundo claramente masculinizado, observándoo dende o instrumento que decides tocar ata a ausencia de mulleres no eido da formación musical. Un claro exemplo disto último atopámolo nos conservatorios superiores de Galicia, onde todos os profesores son homes, así como nos conservatorios profesionais, onde atopámonos cunha soa muller. Pero, sen dúbida, Sara é valente e quere, coma tantas outras mulleres que probarán sorte no mes de xuño, incorporarse a Ensinanzas Profesionais de Música e mudar as tornas desta realidade. Neste camiño, di, sempre estarán presentes as mestras que con tanto amor a trataron e lle ensinaron, así como a lembranza de todas aquelas mulleres que, dun xeito ou outro, foron invisibilizadas.
Corría o ano 2011 cando a nosa protagonista puxo rumbo a Mallorca para completar a súa formación académica. E aínda que o tempo e a sociedade avanza con el, observou certo trato diferencial por cuestión de xénero. Así pois, das doce persoas coas que compartía aula, só tres eran mulleres. Por que segue a ocorrer isto no ano 2021? A que se debe que Sara perciba que o trato foi distinto por ser muller? Por que aquilo que pode ser interpretado como unha protección especial perde o seu valor ao deixar de recibir a mesma adulación que un home si escoitaba?
Cando colle o saxofón ela é doce, viva e sutil. Cando os seus compañeiros fan o mesmo, son uns verdadeiros cracks. É inxusto, asegura mentres observamos na súa cara un sentimento de incomprensión. Como tamén o é a obriga de respectar un protocolo que en certas ocasións obriga ás mulleres a tocar con vestido no canto de pantalóns, unha preferencia que para moitas mulleres é clara e segura, pois sentirnos cómodas ao fin e ao cabo determina o resultado das nosas accións, do noso xeito de mostrarnos ao mundo e de ensinar ó público a nosa verdadeira paixón. Sara é unha muller extraordinaria, desas que teñen claro o seu rumbo na vida, que se deixa levar e que aprende de cada paso dado, intentando ser mellor e loitando polo que considera máis axeitado. É o claro exemplo para calquera nena que, hoxe ou mañá, teña claro que a música move o seu mundo. Iso é o que desexa para esta sociedade; romper o medo ante a falta de referentes, converterse nunha marabillosa profesional e realizar achegas con mirada feminista. Abrir os ollos ao público, construír comunidade lila, facer soar o seu instrumento con seguridade e co convencemento de que estamos no camiño do cambio, da transformación.