InicioOpiniónOPINIÓN: Mais, ¿quen son os Reis Magos?

OPINIÓN: Mais, ¿quen son os Reis Magos?

A noite de reis que coñecen os nosos fillos e fillas na actualidade segrega a unhas crianzas das outras, incumpre os principios de sustentabilidade medioambiental, reproduce os estereotipos mais rancios e exclúe, entre tanta compra on-line, ás tendas máis pequenas da ganancia, deixándolle apenas unhas poucas moedas soltas.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

A excesiva mercantilización do mundo non pode ocultar a longa historia dos Reis Magos, dos que a nosa cultura ten vestixios desde o século IV. Naquela altura comezaba a difundirse o cristianismo na Gallaecia, que se mantivo a cabalo entre os cultos antigos e o novo Deus ata converterse co tempo en crenza maioritaria. Curiosamente, vivimos nun contexto social e político que intenta evadirse da tradición relixiosa que representa o catolicismo namentres se conserva con brío a aparición de Melchor, Gaspar e Baltasar cada cinco de xaneiro. ¿Por que?

Existe no municipio de Carballedo unha parroquia que posúe un dos templos con maior interese patrimonial de toda a zona: Temes. Nesta igrexa hai un sarcófago paleocristián que ten esculpido nunha das tapas a escena da «adoración dos magos ao Neno Deus». O eminente investigador, Xaime Delgado (1933-2012) escribiu precisamente a súa tese de doutoramento sobre o Complexo de Temes: «Foi esculturada nun taller romano en época constantiana, probablemente entre 312-325 […]. A escena atópase nun campo esculpido de 0,59m. de longo por 0,20m. de alto», e nela está o neno sentado sobre as pernas da virxe, coa estrela sobre a súa cabeza, e tres magos que «se encamiñan apresurados cara a Virxe e o Neno portando os seus dons e levando da man cadanseu camelo». A presenza dos reis magos na iconografía pétrea, aínda que tallada varios séculos despois, tamén se atopa na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao) e nun capitel da igrexa de San Salvador de Balboa (Monterroso).

Reis Magos Temes / L.C.

É digno de análise o entusiasmo que poñen as administracións locais nas cabalgatas de reis que sen excepción se celebran en todos os concellos cando, pola contra, este patrimonio artístico de Temes, Santo Estevo, Balboa, se encontra totalmente esquecido.

Sen dúbida, a obscenidade neoliberal que nos acosa de sol a sol desvirtuou unha conmemoración que agora mesmo proporciona suculentos réditos económicos ás grandes corporacións, incluíndo aos xigantes tecnolóxicos americanos e chinos. Estaría ben coñecer que pensan verdadeiramente os comerciantes e, sobre todo, as familias. O texto de San Mateo que recolle a Biblia narra así o episodio orixinal: «[…] a estrela que viran en Oriente ía diante deles, ata que chegou e se detivo enriba do lugar no que estaba o neno. Entraron na casa; viron o neno con María súa nai e, postrándose, adorárono; abriron entón os seus cofres e ofrecéronlle dones de ouro, incienso e mirra». A literatura apócrifa, no Evanxeo Armenio da Infancia, identifica o nome dos tres Magos de Oriente: «O primeiro era Melkon, rei dos persas; o segundo Gaspar, rei dos indios; e o terceiro, Baltasar, rei dos árabes»

A apropiación indebida tan propia de especuladores, espoliadores, inversores, logra con frecuencia crear mais problemas que beneficios. A noite de reis que coñecen os nosos fillos e fillas na actualidade segrega a unhas crianzas das outras, incumpre os principios de sustentabilidade medioambiental, reproduce os estereotipos mais rancios e exclúe, entre
tanta compra on-line, ás tendas mais pequenas da ganancia, deixándolle apenas unhas poucas moedas soltas. As modernas personaxes que comparecen en noiteboa tampouco axudan a clarificar o panorama do que se está a festexar.

“Gustaríame que as cousas volveran ser como antes na miña casa”

O don, o regalo, persiste en todas as sociedades humanas por causas máis espirituais que materiais: necesitamos dar, recibir e devolver en celebracións e rituais de todo tipo. O valor xurde no feito en si de agasallar, sendo máis ou menos irrelevante o obxecto ou ben dado. Hoxe precisamente escoitei a unha veciña maior que «o único regalo que tiñamos en Reis era unha laranxa, non había tanta cousa como hai agora, pero ben rica que nos sabía. Igual non probabamos outra en todo o ano».

Sempre que vestín de rei mago na cabalgata de Chantada a expresión honesta e sincera das crianzas me levaba ás mesmas cuestións: ¿en que momento os adultos capitalistas perdemos a conciencia do don? ¿Por que os Reis Magos son esperanza de felicidade para nenas e nenos?

Hai dous anos, un cativo que non coñecía sentou no meu colo de Gaspar e falou, coa cabeza gacha, da Play Station e dun xogo, «como che escribín na carta». Contesteille que tería todo se ceaba e durmía moito. Deume as grazas, ergueuse, camiñou dous pasos, pero non marchou. Detívose. Deu volta, achegouse novamente, e mirándome aos ollos, esta vez si, dixo: «Quería pedirche outra cousa». Houbo silencio. A sensación que lembro dese instante é como se o tempo se tivera suspendido. Un segundo. Dous. Tres. Catro. Vin algo na súa ollada que é absolutamente imposible para min describir. As palabras exactas foron: «se podes, gustaríame que as cousas volveran ser como antes na miña casa».

¿A quen queremos enganar? Na realidade os Reis conseguen con dificultade ofrecernos o máis importante, simplemente porque os pais nos encargamos de todo. E non estamos en condicións de resolver con éxito unha empresa tan complexa. Facémolo sen chiar, pois sabemos con certeza que o goberno do noso país paga a suficiente cantidade de cartos a Turquía, Grecia, Bulgaria, para asegurarse que as persoas de todas as idades que escapan da violencia en Siria, Afganistán, Somalia, non sexan capaces de atravesar os valos metálicos, cámaras, sensores, escáneres, portas magnéticas, drones, policía, da raia sudeste da Unión Europea e dos campos de refuxiados de Pazarkule, Mavrovouni, Samos, por citar algúns. Os Reis Magos, no caso de existir aínda, estarán bloqueados na fronteira entre oriente e occidente. Os camelos teñen permiso para pasar, os magos non.

Cantámosche os reis,
guedellos de cabra,
cantámosche os reis,
non nos deche nada.
Xavier Viana Álvarez

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...