HomeOpiniónO silencio das ovellas

O silencio das ovellas

Non é a Ribeira Sacra un lugar onde as ovellas teñan hoxe moita implantación. Pero si que hai terreo abondo para que poidan chegar a ser un recurso. Tanto o gando ovino como o caprino teñen facilidade para adaptarse a climas, terreos e dietas moi diferentes.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Segundo o último informe oficial do Ministerio de Agricultura, o prezo que os gandeiros produtores de leite de ovella obteñen polo seu produto aumentou nun ano o 13%. Así, reciben 1,108 euros por litro fronte aos 0,979 que recibían en 2021. Este aumento non se debeu a unha caída da oferta posto que a produción tamén se viu incrementada nun 4,9% nese período. As dúas Castelas concentran a meirande parte da produción, cun 40% no caso de Castela León. Sen embargo, é na Mancha onde máis subiu o prezo en orixe, cun 15,9%.

Con oscilacións derivadas do clima e o manexo, a media de produción de leite de ovella en España é de 35 millóns de litros mensuais, o que supón unhas 510.000 toneladas anuais. Case a totalidade dese leite se destina á produción de queixo, co que o seu valor engadido é moito maior que o do leite de vaca que, lamentablemente, segue indo maioritariamente destinado a envasar en brick ou a leite en pó.

Na parte oposta está o consumo de carne de año. Dende hai algo máis dunha década comemos cada vez menos carne de ovino. Se en 2008 eran 2,20 quilos persoa/ano, agora estamos en 1,34. A pandemia, coa supresión das celebracións, e o prezo elevado da carne de año fronte a outras son, segundo a interprofesional do sector, dous dos principais motivos da súa caída. Da en Galicia xa é mellor nin falar. Un tecido sustentable e de calidade non vale absolutamente nada. Incluso hai que pagar para que llo recollan nas explotacións.

Galicia nunca foi unha terra orientada á cría de ovellas

Quitando algunha comarca ourensá e proxectos recentes noutras zonas do país, Galicia nunca foi unha terra orientada á cría de ovellas. Nin hai séculos, para producir lá, nin agora para producir leite e derivados ou como recurso cárnico. Pero, curiosamente, Galicia é onde máis explotacións ovinas existen de toda España e de toda Europa. Hai un total de 20.000…pero a media de animais é de 10 por explotación, o que supón só o 1% da cabana española. De feito nin sequera sería correcto falar de explotacións xa que a meirande parte delas son complementos doutra actividade ou están en mans de persoas que non viven do campo.

Muller rural | OVICA

Recentemente tiven a sorte de visitar o Ecoespazo do Rexo, en Allariz. Da man de Carlos Estévez, coordinador do proxecto, coñecemos o funcionamento diario da súa cabana de ovellas leiteiras e a súa produción de queixo. Asentar unha produción anual de 36.000 litros e ila ampliando cada ano é o obxectivo desta particular explotación que pode presumir de ter o queixo vendido antes de sacalo ao mercado. Obviamente, cada granxa é un mundo e cada proxecto pode ter éxito ou non en función de múltiples factores. Pero no Rexo tiveron a visión de aproveitar 25 hectáreas de terreo que estaban sen utilizar, apostar pola raza vasca latxa -que se adaptou perfectamente a ese terreo- e ter a paciencia e a sabedoría para elaborar un queixo que triunfa no mercado.

No Rexo teñen unhas 205 ovellas en produción leiteira que dan arredor de 150 litros por lactación cada unha. As cifras poden parecer baixas pero hai que ter en conta que as ovellas só paren unha vez ao ano, aínda que poderían facelo dúas veces. Con un só parto conséguese prolongar a vida dos animais e distribuir por épocas a actividade na granxa.

Aproveitar os recursos facendo cousas diferentes

Salvando as cifras, O Rexo non é moi diferente de calquera granxa que practique o pastoreo de vacún de leite. Hai que muxir dúas veces ao día, colocar o fío para acotar os prados e outros lugares onde comen, protexer o gando da fauna salvaxe…A diferencia é que o manexo é moito máis rápido e áxil e as ovellas teñen menos esixencias alimentarias -tanto en calidade como en cantidade- que as vacas. O rendemento leiteiro, por suposto, é moito menor pero o prezo do leite é máis alto.

O Rexo non é un proxecto novo. Levan 20 anos facendo queixos. E, repito, o seu modelo podería non triunfar noutro lugar ou con outros responsables. Penso que está ben dar a coñecer estes proxectos que contan con pouca visibilidade e acadan un innegable éxito tanto no plano económico como no medioambiental. Detrás dese éxito hai moitas horas de traballo e sacrificio e moita análise e planificación. E tampouco son alleos a eses problemas coa carne e a lá dos que antes falabamos.

Non é a Ribeira Sacra un lugar onde as ovellas teñan hoxe moita implantación. Pero si que hai terreo abondo para que poidan chegar a ser un recurso. Tanto o gando ovino como o caprino teñen facilidade para adaptarse a climas, terreos e dietas moi diferentes. E máis capacidade terán nunha comarca coma a nosa onde o clima non é extremo e a vexetación é xenerosa.

Por eso quixemos poñer o exemplo de O Rexo. Non para que sexa copiado nin loubado senón para dar a coñecer un modelo alternativo de como se poden aproveitar os recursos facendo cousas diferentes.

Outro día falaremos de cabras. Que proliferan…

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...