HomeOpiniónOPINIÓN: Carta ao Conde de Lemos na primavera literaria de 2022

OPINIÓN: Carta ao Conde de Lemos na primavera literaria de 2022

Este 2022 cúmprense catrocentos anos da morte do Conde de Lemos. Aproveitando esta efeméride, a actividade literaria destes meses de primavera e a querenza de Don Pedro Fernández de Castro polas letras, este artigo serve de recoñecemento cara a ese grande monfortino e cara ás xentes que dende diversos ángulos miman e aman a palabra, especialmente a palabra sobre Monforte e a súa contorna.

Publicado o

POR
Xosé Martínez Rodríguez
- Advertisement -

Estimado don Pedro Fernández de Castro, grande conde de Lemos,

Nestas datas de primavera, estación literaria en que se celebra o Día do Libro e o Día das Letras Galegas, é inevitable que un humilde namorado da palabra coma min se lembre dun grande home e sobre todo amante das letras coma vostede.

Tería sido agradable ser contemporáneo seu e estar preto de vostede. Marabíllome do que foi capaz de facer no pouco tempo que viviu dende 1576 ata 1622. Hai catrocentos anos que deixou Monforte e as Terras de Lemos. Seguro que ha lembrarse delas alí onde estea.

Os seus alegraríanse cando vostede, don Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos, naceu naquel ano de 1576 entrando o último cuarto do século XVI. Era o primoxénito do seu pai Fernando Ruiz de Castro Andrade e Portugal e da súa nai Catalina de Zúñiga y Sandoval.

A grandeza da súa familia influíu, penso que en grande medida, na súa grandeza.  Cando vostede naceu aínda vivía a súa tararavoa Beatriz de Castro, III condesa de Lemos a Fermosa. Dela di a copla: De las carnes el cordero, de los pescados el mero, de las aves la perdiz y de las mujeres Beatriz. Tamén vivía o seu avó Pedro Fernández de Catro que era daquela o V conde de Lemos. Mesmo vivía quen o casou o medio irmán do seu bisavó e fillo da súa tararavoa o ilustre cardeal Rodrigo de Castro que fundou o famoso Colexio do Cardeal tamén chamado de Nosa Señora da Antiga, do Cardeal, da Compañía ou dos Escolapios. O cardeal, o seu ascendente, foi, coma vostede, un amante das artes e das letras.

Non podo esquecer que nos tempos en que era condesa a súa tataravoa era preceptor na Casa de Lemos o bacharel Olea autor do primeiro vocabulario galego-castelán. E tampouco podo esquecer que unha tía avoa súa, filla do IV conde de Lemos, Isabel de Andrade e Portugal escribiu en plenos Séculos Escuros da literatura galega un soneto na lingua propia de Galicia co cal é polo momento a primeira escritora en galego coñecida.

Polo que fun lendo sobre a súa vida, menos do que eu quixera, sei que a súa infancia transcorreu entre Monforte, Lerma e Valladolid. Tamén sei que recibiu unha esmerada educación e que estudou algún tempo no colexio fundado polo seu ascendente o Cardeal Rodrigo de Castro.

“Polo que fun lendo sobre a súa vida, menos do que eu quixera, sei que a súa infancia transcorreu entre Monforte, Lerma e Valladolid”

Tralos primeiros anos en Monforte completou os seus estudos na Universidade de Salamanca. Daquela empezou a interesarse pola literatura e iniciou amizade, entre outros, cos irmáns Argensola.

Mil cincocentos noventa e oito foi un ano especial para vostede. Chega a Madrid e casa coa muller da súa vida a súa prima a VII condesa Catalina de la Cerda y Sandoval, filla do Duque de Lerma, valido do Rei Filipe III.

Está preto de iniciar o que poderiamos dicir a súa profesión: exercer, con sabedoría e honestidade importantes cargos  públicos. En 1601 cando falece o seu pai pasa a ser vostede o VII conde de Lemos, o grande conde de Lemos. Esa traxectoria sabia e honesta en cargos públicos levarao a ser Presidente do Consello de Indias entre 1603 e 1610, Vicerrei de Nápoles entre 1610 e 1616 e presidente do Consello de Italia entre 1616 e 1618.

“En 1601 cando falece o seu pai pasa a ser vostede o VII conde de Lemos, o grande conde de Lemos”

Cando na Corte cae en desgraza o seu sogro, o duque de Lerma, tamén vostede cae no esquecemento e decide retirarse un tempo ao seu querido Monforte. Lamentablemente en 1622 por mor da gravidade na saúde da súa nai vai a Madrid e é alí onde a morte o sorprende con corenta e seis anos de idade soamente. Con todo, neses anos vostede puido ser un grande profesional nos cargos públicos, un grande amante das letras e das artes, un grande galego e, por suposto, un grande monfortino. Como ve, lembrar a súa vida, aínda que sexa por riba, leva aínda bastantes liñas.

Admíroo tamén pola súa amor ás artes. Mágoa que se destruísen grandes obras artísticas que había no seu querido Palacio Condal ao arder este en 1672. Con todo segue en pé e dedicado á ensinanza o Colexio do Cardeal do que vostede foi patrón. Tamén segue en pé o Convento e a igrexa de Santo Domingo e o Convento das Clarisas, o convento proxectado por vostede e pola súa dona Catalina que ela viu nacer e que segue ocupado por unha comunidade de franciscanas descalzas.  No convento, como ben di un escritor que o admirou, Manuel María, as claras gardan un tesouro que vale o ouro e o mouro. Ese tesouro, o magnífico Museo de Arte Sacra do Convento de Santa Clara, está formado en grande medida por pezas artísticas que vostede e dona Catalina, a súa dona, trouxeron de Nápoles cando foron vicerreis por aquelas terras. Xa ve cantas pegadas artísticas que o lembran garda aínda Monforte.

“Admíroo tamén pola súa amor ás artes. Mágoa que se destruísen grandes obras artísticas que había no seu querido Palacio Condal ao arder este en 1672”

E un namorado da palabra coma min como non vai fixarse no teu amor polas letras –e con ousadía pero tamén con agarimo comezo a tratarte de ti!–. Fuches mecenas de artistas e escritores. Destacan os casos de Lope de Vega, que foi secretario teu, Quevedo, os Argensola e sobre todo Cervantes e Góngora. Fuches mecenas de ouro dunha época dourada da literatura en castelán. Góngora dedicoulle a Monforte un fermoso soneto cando te visitou en 1609 e Cervantes dedicouche as Novelas ejemplares, as Comedias y Entremeses, a segunda parte de El Quijote e Persiles y Segismunda.

O Día do Libro, cada 23 de abril, lembra a Cervantes e a William Shekespeare. En cada día do libro como mecenas de Cervantes ben mereces que cando menos as xentes de Monforte te lembremos a ti.

Á parte de amante da palabra fuches amante de Galicia. El búho gallego, a obra máis importante que se conserva do que escribiches, relaciónase coa defensa que fixeches de que Galicia tivese voto en Cortes. E tamén fuches amante das festas, como as que organizastes ti e dona Catalina en Monforte en 1619 con motivo da consagración da igrexa do Cardeal en en 1620 en honra da Virxe do Rosario.

“Á parte de amante da palabra fuches amante de Galicia. El búho gallego, a obra máis importante que se conserva do que escribiches, relaciónase coa defensa que fixeches de que Galicia tivese voto en Cortes”

Monforte cambiou moito desde que non estás pois transcorreron catrocentos anos dende o teu pasamento. Contarche eses cambios e sucedidos importantes na túa localidade amada daría para outra carta. Baste con lembrarche que a túa memoria segue latente na cidade na arte que nos deixaches e en espazos nos que se te lembra como na praza da Compañía.

O que é máis importante é que en Monforte de Lemos séguense amando as letras. Seguíronas amando as persoas que te sucederon no Condado de Lemos e séguense amando en tempos máis próximos.

En 1861 chegou a imprenta á localidade monfortina da man de Ramón Cortiñas e comezaron a imprimirse publicacións interesantes relacionadas coa vida local. A fins do século XIX xa houbo unha serie de xente que escribiu libros de interese de temática local: Ricardo Rodríguez Vilariño Barbeito, Manuel Yáñez González, Sor María de la Concepción de San Francisco, Antolín López Peláez…

No século XX e no actual XXI hai moita xente de Monforte e doutras terras autora de obra literaria e non literaria relacionada coa cidade do Cabe. Nomear a toda esa xente sería complicadísimo e moi extenso.

Ti amaches a palabra e Monforte ama tamén a palabra e a palabra ama a Monforte. Á parte da palabra literaria, da palabra de investigación, tamén está a palabra da radio e da prensa, dos xornais en papel e doutros nos novos formatos dixitais que reflicten o día a día da cidade monfortina e da súa fermosa contorna, como o Xornal de Lemos que acolle unha vez máis as miñas humildes verbas.

Grazas a escritores e escritoras, xornalistas, libreiros e libreiras, bibliotecarios e bibliotecarias, colectivos literarios, clubs de lectura, lectores e lectoras e todos cantos seguen amando a palabra en Monforte e a palabra sobre Monforte. Os que amamos a nosa terra e a palabra temos en ti un grande exemplo. De aí esta lembranza merecida ao cumprirse catrocentos anos da túa marcha física.

Moitos escribiron de ti. Eu pediría especialmente que tentasen reeditar algunha biografía túa como a publicada en 1911 polo marqués de Rafal titulada Un mecenas español del siglo XVII: El conde de Lemos.

E remato dándoche as grazas por amares tanto Monforte e a súa contorna e por amares tanto a palabra e os escritores.  Inmensa gratitude e lembranza coido que mereces cando se cumpren catrocentos anos da túa marcha física de onda nós. Que a xente siga amando a palabra como a amaches ti e gozando dela aproveitando esta nova primavera literaria cun novo Día do Libro (23 de abril) e nun novo Día das Letras Galegas (17 de maio).

“E remato dándoche as grazas por amares tanto Monforte e a súa contorna e por amares tanto a palabra e os escritores”

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...