HomeOpiniónOPINIÓN: Un castro con banda sonora, "San Lourenzo ven a nós"

OPINIÓN: Un castro con banda sonora, “San Lourenzo ven a nós”

Este vindeiro 11 de setembro (feira), os nosos músicos estarán no mercado circular da Pobra do Brollón, vendendo e asinando CD’s. Será esa unha boa ocasión para que colaboredes co noso proxecto, un proxecto que tamén é etnomusicolóxico.

Publicado o

POR
Xurxo Ayán Vila
- Advertisement -

Nestes últimos anos a comunidade arqueolóxica internacional está moi interesada en esculcar a vertente sensorial do pasado. Facían música os nosos devanceiros no Paleolítico Medio? Como soaban as primeiras frautas ciceladas en ósos de animais extinguidos? Como era a acústica de simas e cavernas? Son estas preguntas que alicerzan ambiciosos e ben financiados proxectos de investigación a día de hoxe. Este achegamento etnomusicolóxico lémbranos que cada sitio arqueolóxico ten a súa propia música. Só cómpre interpretar as partituras agochadas en estratos e licíns, en camadas de memoria que xunguen pasado, presente e futuro, e iso non é doado.

Fixémonos, por exemplo, no xacemento top, líder en todo o referido a merchandising e marketing científico: Atapuerca. Que saibamos, Arsuaga e compañía andan indagando na capacidade auditiva dos homínidos de Burgos e a súa relación coa orixe da linguaxe humana. Aí é nada. Non sabemos se aquela humana xente cantaba nos rituais funerarios que tiñan lugar naquela altura na Sima de los Huesos. O que si sabemos é que o modélico proxecto de Atapuerca non conta cunha banda sonora. Nin Atapuerca nin ninguna outra iniciativa arqueolóxica na Península Ibérica. Dentro deste contexto, o proxecto do castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón), novamente, fornece unha achega orixinal á Arqueoloxía española. Acaba de saír do estudo de gravación o CD “San Lourenzo ven a nós”, da man de “Os tres de San Lourenzo” e “Garabelo”. Este grupo de artistas fai verdadeira música folk, aquela que xurde directamente da tradición popular. Porque este é un proxecto de Arqueoloxía comunitaria, no que a veciñanza decide cal é o relato que se quere contar, e que melodías se queren cantar.

Suso Vila, Pablo Camarero e Xosé Maceda

Suso Vila, da casa d’A Corenta, na aldea d’A Ponte, aprendeu de seu pai a tocar a caixa. Tamborileiro do mítico grupo “Os Agarimos” (liderado no seu día polo palleteiro Rubén d’O Castelo), vén compoñendo letras desde o comezo do proxecto do castro en 2016. Esta materia prima é debullada no pentagrama por outro veciño, Pablo Camarero, da casa de Don Pedro, na aldea de Nogueiras. Pablo, mestre no colexio da Pobra, é violinista e historia viva do folk galego, tendo actuado por toda a fisterra atlántica. Líder de formacións como “Salta no Cribo” e “O’Garabelo”, este artista harmoniza o universo acústico do castro, arranxa a atmosfera do lugar e foi quen de crear o son San Lourenzo, do mesmo xeito ca outros inventron o son Manchester ou o son Seattle.

A estes dous sospeitosos habituais uniuse ben cedo Xosé Maceda, ex de “Quempallou” e un dos mellores percusionistas da Galiza, con obradoiro de pandeiretas de seu na capital lemava. Xosé era como ese xogador estranxeiro excepcional que chegaba á Real Sociedade para dar un salto de calidade, un toque diferencial, para acadar a excelencia definitiva. Un teórico da música popular que predica co exemplo e que loita contra a fosilización do folklore; el cre nunha música popular natural, espontánea e auténtica, como é a arqueoloxía emocional que rixe os destinos do proxecto de San Lourenzo. A súa zanfona fai esbagoar ás pedras.

Estes tres homes son zahoríes que atopan a música do castro, baixo terra En moitos destes poboados fortificados, na noite de San Xoán, síntese tocar unha gaita. Noutros, os mouros que habitan o mundo subterráneo agasallan melodías á humana xente. Tal acontece no noso Burato dos Mouros, o punto de conexión entre o aquén e o alén, entre os tesouros encantados e a veciñanza de Cereixa. Dende 2016, Pablo, Suso e Xosé recollen os ecos da Mourindade, parten da tradición oral para ir compoñendo a banda sonora do castro e, por conseguinte, a súa propia microhistoria. Como os canteiros medievais que nas igrexas románicas explicaban en pedra os Testamentos, o noso trío desenvolve toda unha pedagoxía tradicional nas súas cantigas. Con retranca e talento musical relatan o conto do santo que liscaba da igrexa para o seu castro, denuncian a represión feixista que levou ao mestre don Esteban a refuxiarse no antedito Burato dos Mouros, compoñen o himno do bicentenario do concello de Cereixa (1821-1823) e popularizan a figura de Atilano, o afamado esqueleto do século XV atopado nas escavacións arqueolóxicas no outono de 2017:

San Lourenzo ven a nós CD / XA

Toparon un esqueleto

xa vai pra facer un ano

como era tan fraquiño

chamáronlle Atilano.

Un home de corpo enteiro

dúas lousas nas orellas

e un ferro medio virado

xusto ó lado das costrelas.

Xa levaba moitos anos

aquel corpo alí enterrado

e no medio d’entre as pernas

xa lle nacera un carballo.

Ninguén sabe se é un home

vello, novo ou mullere

a xente cavila moito

cada quen pensa o que quere.

Para descubir o misterio

e saber a súa idade

levaron os seus osiños

para unha universidade.

Para Berlín marchou un óso

outro foi para Estocolmo

se chegaran a encontrarse

esto xa sería o colmo.

Tiña artrite no calcaño

e en toda a extremidade

pode ser de Cereixa

porque aquí hai moita humidade.

Veñen de todas as partes

para estudiar a situacionhe

Taiwán e Checoslovaquia

“Y de todas las naciones”.

CD San Lourenzo ven a nós

Neste cantar de cego resúmese a arte trovadoresca do noso trío. As composicións, por unha banda, partillan o modo de facer da cultura popular e dende aquí van actualizando o proceso de investigación arqueolóxica sobre o castro. A música é unha ferramenta básica para a socialización do patrimonio. En cada romaría de San Lourenzo, os nosos músicos interpretan as novas pezas, in situ, contribuíndo a recuperar o sentido de lugar, porque o castro é un lugar de memoria. Asemade, van do local ao global, xa que contan sempre coa colaboración do voluntariado do campo de traballo internacional. En Cereixa lembrarase sempre a actuación no Burato dos Mouros, onde unha rapaza rusa cantou unha cantiga popular da estepa rusa, unha historia eterna de cabalos e namorados. Ou aqueloutra na que un cantante de ópera italiano se uniu á festa.

Esta banda sonora está sempre en construción, é unha performance que non coñece punto final e que vai medrando co paso dos anos. Para a gravación de “San Lourenzo ven a nós”, estes tres músicos do castro contaron co reforzo dos integrantes de O’Garabelo, Brais Olmo no clarinete e Borja López na guitarra. A fermosa portada foi deseñada pola artista venezolana afincada en Cereixa, Lisette Patiño.

É esta unha música ceibe, independente, que reproduce o modelo autoxestionado deste proxecto que xurde desde abaixo. Estes veciños e veciñas fornecen o seu talento, partíllano coa comunidade e contribúen a que a historia do castro continúe. Este vindeiro 11 de setembro (feira), os nosos músicos estarán no mercado circular da Pobra do Brollón, vendendo e asinando CD’s. Será esa unha boa ocasión para que colaboredes co noso proxecto, un proxecto que tamén é etnomusicolóxico. E de paso mollaredes a palabra co gorentoso mencía Santo Graal, o viño do castro de San Lourenzo.

San Lourenzo ven a nós CD / XA

ÚLTIMAS

A técnica do Esgrafiado no Censo do Patrimonio Cultural de Galicia

Nesta semana publicábase no Diario Oficial de Galicia, esta técnica tradicional de albanelaría que...

“A cantiga máis longa” este 24 de novembro na igrexa de San Pedro de Bembibre en Taboada

A interpretación vocal de Paloma Gutiérrez del Arroyo e a instrumental de Manuel Vilas,...

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...