HomeOpiniónOPINIÓN: Carta a Manuel María dende Monforte no pasamento de Saleta Goi...

OPINIÓN: Carta a Manuel María dende Monforte no pasamento de Saleta Goi (I)

Reseña epistolar dun monfortino que fai un pequeno repaso á vida de Manuel María tendo presente á súa amada Saleta Goi. Trátase dunha primeira entrega que terá como continuidade outro artigo no que se poñerá de manifesto a forte vinculación que tivo a parella con Monforte recreando un paseo ficticio con eles.

Publicado o

POR
Xosé Martínez Rodríguez
- Advertisement -

Admirado Manuel María,

Son aquel monfortino de a pé que che escribira unha carta en  2015 ás portas de 2016, ano en que che se dedicou o Día das Letras Galegas. Síntote preto aínda que nos deixaches aos monfortinos e monfortinas en 1998 e aos galegos e galegas en 2004. E tamén sinto preto, aínda que non está con nós a Saleta. Ti e Saleta, Saleta Goi (a túa dona), sempre, inseparables.

Neste setembro de 2022 que nos vai achegando ao teu amado outono escríboche unha  nova carta lembrando especialmente a Saleta e  desexando e agardando que esteades outra vez xuntos.

Aquela carta de 2015 comezaba coas lembranzas que eu tiña de ti. A continuación falaba do teu Cancioneiro de Monforte de Lemos que é unha magnífica guía lírica da cidade monfortina. Así o pensaba en 2015 e así o sigo pensando.

De feito baseándose naquel libro fíxose unha exposición na Casa da Cultura en 2014 na que colaborei. E tamén se pode dicir que contigo e co Cancioneiro de Monforte de Lemos andei por Monforte en varias ocasións. Aproveiteime do teu fermoso cancioneiro para amosar Monforte e os seus encantos en varias andainas.

Remataba aquela carta cunha terceira e última parte máis prosaica con apuntamentos da túa vida e obra. A túa vida e obra! Que grande! Non hai tempo nin palabras para falar do teu amor a Galicia e a Saleta. A túa vida e a túa obra foron iso: un intenso e inmenso canto de amor a Galicia e a Saleta.

O poeta Manuel María e a súa dona Saleta Goy | Fonte: FUNDACIÓN MANUEL MARÍA – E.P.

Coido que te namoraches das dúas, de Galicia e de Saleta, a primeira vista, para sempre e incondicionalmente. De pequeno gozabas xa da fermosura do teu Outeiro natal e da Terra Chá, daquela tribo con catro ríos, dos que amaches especialmente o Miño e tamén, como non, o regato do Cepelo. De neno empezácheste a namorar pouco a pouco pero fondamente de Galicia. O Manuel de Padrenda coido que tivo moito que ver niso. Outeiro de Rei na Terra Chá foi o teu pequeno grande mundo dende 1929 en que naciches ata 1942 en que o Bacharelato te fixo cambiar de aires e ir a Lugo.

“Coido que te namoraches das dúas, de Galicia e de Saleta, a primeira vista, para sempre e incondicionalmente”

Lugo foi unha cidade moi importante na túa vida e obra. Mil novecentos corenta e dous. Lembraches seguramente ben veces ese ano. Morreu o teu pai e o teu tío fíxose cargo de que estudases. E no bacharelato con algún profesor como Lázaro Montero seguíaste namorando da literatura. Rematando o bacharelato coa axuda dos compañeiros saíron publicados algúns poemas teus e en  1949 xa deches a túa primeira conferencia no Círculo das Artes da cidade das murallas.

Alí frecuentaches o faladoiro do Méndez Núñez e tamén te preparaches para seres procurador. Alí en Lugo estiveches ata que viñeches a Monforte en 1958. Xa coñecías daquela outro grande amor da túa vida que agora se xuntou contigo de novo: Saleta. Con ela casaches en 1959 e con ela viviches en Monforte ata 1998.

A etapa luguesa viuse interrompida polo servizo militar en Compostela, un servizo militar que viviches xunto ao teu grande amigo e grande poeta Uxío Novoneyra. Ao igual que en Lugo, en Santiago nos faladoiros do Derby ou do Español coñeciches a moitos persoeiros da cultura galega.

Como sinala o escritor monfortino Antón Lopo, César José Quiroga Iglesias, un dos pioneiros da radio en Monforte naqueles anos cincuenta da posguerra, influíu en que viñeses aquí. Na cidade do Cabe, onde residiches de 1958 a 1998 (máis da metade da túa vida), traballarías como Procurador e nos primeiros anos darías clases ademais en academias monfortinas e colaborarías na emisora de radio local.

“Como sinala o escritor monfortino Antón Lopo, César José Quiroga Iglesias, un dos pioneiros da radio en Monforte naqueles anos cincuenta da posguerra, influíu en que viñeses aquí”

Tamén participaches en faladoiros como o do Casino ou na Peña do Eulogio. A década das academias rematou ás portas dos anos setenta. Os anos setenta foron os tempos de Xistral, de Xistral editorial (por terceira vez, á terceira vai a vencida) e de Xistral librería, esa librería magnificamente xestionada pola túa inseparable Saleta nos anos setenta, oitenta e noventa do (xa) pasado século.

Á editorial Xistral de Monforte débese a salientable colección de poesía Val de Lemos que consta de doce libros de poemas de autores destacados coma ti, Lois Diéguez, X.L. García, Darío Xohán Cabana, Margarida Ledo Andión, Fiz Vergara Vilariño, X.L Álvarez Pousa, Xosé Neira Vilas ou Celso Emilio Ferreiro.

Nos anos sesenta e setenta incrementouse o teu compromiso con Galicia. Foron moitas as colaboracións xornalísticas e moitas as conferencias. Espallaches o teu amor por Galicia e pola súa cultura por moitos lugares da xeografía galaica, española e mesmo estranxeira. Tamén foron anos de compromiso político.

Mil novecentos setenta e nove tamén o repetirías bastantes veces. Fuches acusado de estar detrás duns tráxicos sucesos das Festas Patronais monfortinas daquel ano. Dende 1979 tamén fuches concelleiro no Concello de Monforte de Lemos, labor que desempeñaches ata 1983. Triste experiencia para ti segundo deixaches manifestado. Sinala atinadamente o teu grande biógrafo Camilo Gómez Torres que de 1976 a 1980 viviches transicións políticas e tránsitos íntimos.

“Dende 1979 tamén fuches concelleiro no Concello de Monforte de Lemos, labor que desempeñaches ata 1983. Triste experiencia para ti segundo deixaches manifestado”

E en Monforte despois de 1980 seguiches ata 1998 cos teus traballos e os teus días e tamén con novas viaxes ao estranxeiro (Italia, Grecia…). Xubilado ti en 1994 agardaches por Saleta para pechardes a librería Xistral e deixardes grande tristeza coa vosa marcha á Coruña en 1998. Alí seguiches amosando a túa senlleira figura ata que nos deixaches o 8 de setembro de 2004… E regresaches de novo en 2004 ao teu paradiso da infancia, ao teu Outeiro de Rei natal da Terra Chá. Alí está agora contigo de novo Saleta que nos deixou en setembro, o mesmo mes ca ti, do presente ano de 2022.

Marchaches, pero segues estando. E tamén seguirán estando connosco segundo se sinala na introdución da reedición do Cancioneiro de Monforte de Lemos de 2016 “os teus máis de cincuenta libros de poemas, a trintena longa de obras de teatro, a ducia de obras narrativas, os ensaios e o grande número de artigos xornalísticos e o incansable labor cultural”–  Como se recolle nos teus  Sonetos á Casa de Hortas.

“Todo o que vive múrchase ou devece

vencido polo tempo traizoeiro.

Nós pasamos. A casa permanece”

“Marchaches, pero segues estando”

Estes son uns dos versos de cabeceira da Casa Museo Manuel María (figuran en libros teus que ela reedita). Eu coido que ti permaneces mentres permaneza a casa e mentres permanezas no corazón e na lembranza de moitas persoas durante as nosas vidas.

Este monfortino de a pé podería escribir moito máis de ti, pero sempre me quedaría curto.

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...