HomeOpiniónOPINIÓN: A Nosa Cinza

OPINIÓN: A Nosa Cinza

Co paso das campañas de escavación no castro de San Lourenzo houbo un detalle que nos chamou cedo a atención: na inmensa maioría das tumbas recollemos do seu interior fragmentos de carbón vexetal. A escavación de San Lourenzo é un dos primeiros exemplos nos que se analizan cientificamente estes carbóns dentro das tumbas medievais en toda a Península Ibérica.

Publicado o

POR
Xurxo Ayán Vila
- Advertisement -

Ata o de agora documentamos na necrópole altomedieval do castro de San Lourenzo 75 tumbas. Son enterramentos de labregos e labregas, homes, mulleres e nenos que viviron entre os séculos IX e XII da nosa era (datacións calibradas por C-14). Co paso das campañas de escavación houbo un detalle que nos chamou cedo a atención: na inmensa maioría das tumbas recollemos do seu interior fragmentos de carbón vexetal. A escavación dos enterramentos fíxose de forma minuciosa e estes carbóns foron documentados como mostras, para seren analizadas nun futuro.

A disciplina que se adica ao estudo dos carbóns do pasado chámase antracoloxía. Neste ano decidimos enviar as 36 mostras (681 anacos de carbón) procedentes de 22 tumbas ao laboratorio da Universidade de Cantabria onde traballa a arqueóloga e antracóloga galega, a dra. María Martín Seijo. A investigación foi financiada grazas a unha subvención nominativa á Asociación de Veciños de Cereixa María Castaña, concedida para o ano 2022 pola Excma. Deputación Provincial de Lugo.

Camposanto de labregos a nivel de subsistencia

A dra. Martín Seijo conseguiu identificar os taxóns, as especies vexetais ás que pertencen os carbóns rexistrados por nós en 19 das 22 tumbas. A variabilidade de especies é notoria: carballo, sobreira-aciñeira, castiñeiro, nogueira, avelaira, salgueiro/chopo, prunos tipo ameixeira, guindeira e cerdeira, breixo, vide, amieiro, freixo, espiñeiro, arbustos leñosos da familia das Fabaceae e arbustos da subfamilia das Rosaceae/Maloideae. O taxón máis ubicuo é Quercus sp. Caducifolio, identificado nas 22 tumbas, seguido de Fabaceae e Prunus sp., e en menor medida de Alnus sp. (amieiro) Fraxinus sp. (freixo) e Erica sp. (breixo).

Estamos diante dun camposanto de labregos a nivel de subsistencia que marchaban ao alén sen enxoval doméstico (nin potes cerámicos, nin moedas…). Pero iso si, documentamos evidencias que nos remiten a práticas paganizantes en varias das tumbas: dentes de herbívoro e de can, un quilo de escoura, dúas doas de pasta vítrea, elementos apotropaicos a xeito de amuleto que, evidentemente, non formaban parte do chan orixinal no que se escavaron as tumbas, senón que foron depositados adrede como ofrendas votivas polos familiares dos finados ao interior das tumbas. E nesta mesma liña debemos interpretar a presenza de carbóns vexetais. Lembremos que non son sementes ou pole, senón restos de madeiras que foron expostas previamente a unha combustión de orixe antrópica.

Tumba 48 Castro de San Lourenzo / XA

Se atendemos a outros contextos, peninsulares e europeos, veremos que este tipo de práticas funerarias eran comúns entre os séculos IX e XII. Neste período o ritual funerario estaba controlado polas familias, será a partir do pleno feudalismo canda cambios teolóxicos importantes, entre o século XII e XIII cando esta liberdade de práticas funerarias desapareza pasando ao control estrito da Igrexa.

Así pois, a presenza de carbóns vexetais e de ósos de animais no interior de tumbas coetáneas ás de San Lourenzo é común no norte peninsular: enterramentos da igrexa de Santianes de Pravia, Santa Cruz de Cangas de Onís, Valdediós e San Vicente de Serrapio, (Asturias), mosteiro de Santa María de Piasca (Cabezón de Liébana e Santa María de Hito en Cantabria) e necrópoles vascas de Memaia, Finaga, Mendraka e Arzuaga. Como no caso de San Lourenzo os carbonciños espállanse aleatoriamente polo interior das tumbas.

En necrópoles inglesas e merovinxias francesas adoitan aparecer tamén carbóns. A prestixiosa investigadora, Roberta Gilchrist, fala de “sartegos de carbón”, identifica estas práticas no SE inglés, considera que esas cinzas proceden das lareiras domésticas e mesmo de banquetes funerarios e actúan como símbolo do fogar e da familia neses momentos dramáticos. Pola súa vez, E. Salin, nun célebre traballo sobre o mundo merovinxio, vencella estes restos con fogueiras rituais realizadas nas inmediacións das tumbas e con acarreos de cinzas dos fogares domésticos, respostando a antigas crenzas que ligan a morte coa unidade familiar. No caso de San Lourenzo non hai evidencias desas fogueiras arredor das tumbas, pero si o espallamento de carbóns no interior.

Prácticas funerarias nas sociedades de casa

Este tipo de prácticas, de ofrendas funerarias como o esparcimento das cinzas sobre a tumba ou na mesma foxa, coa fin de procurar fecundidade ou conxurar os males, eran tan comúns que foron prohibidas pola Igrexa do séculos XII ao XV. Dar de comer aos mortos é unha prática que a etnografía rexistrou nas comunidades labregas de Euskadi e Galiza ata hai ben pouco. De feito, o pan das ánimas é unha tentativa de cristianización desas práticas pagás.

No caso de San Lourenzo cremos que estamos diante de prácticas funerarias levadas a cabo polos parentes do defunto, no marco da economía moral das coñecidas como “sociedades de casa”. A casa como símbolo identitario do individuo, tal como acontece na Galiza rural aínda hoxe. Dentro do camposanto hai agrupacións de tumbas que contan cunha estela fincada sinalizadora, tumbas que comparten muros e que semellan indicar algún tipo de relación de parentesco. O vínculo coa casa refórzase, por exemplo, co emprego de bargos de lousa da cuberta da casa na tampa funeraria, ou o feito de que dúas tumbas compartan fragmentos da mesma peza do rodicio dun muíño. Nesta liña, os carbóns que remiten a madeira de árbores e arbustos queimados, ben poden proceder, como sinalan colegas franceses e británicos, das lareiras e dos fogares domésticos, como un xesto que simboliza o vencello entre a casa dos vivos e dos mortos. O lume purifica os pecados e rexenera a vida. A escoura de ferro remite tamén ao lume, e condensa todo o mundo máxico da metalurxia. Pola súa vez, o depósito de dentes de animais nas inhumacións remite á facultade que se lles outorgaba de conservar as forzas vitais do defunto.

Nas tumbas de San Lourenzo fican estes restos que reflicten crenzas atávicas, nas que conflúen crenzas prerromanas, romanas e mesmo priscilianistas, propias dun cristianismo popular anterior ao invento do Purgatorio e a afirmación teolóxica da superioridade da alma sobre o corpo. Neses séculos IX e XII a materialidade do corpo era importante. De aí o coidado na construción das tumbas, auténticos monumentos con fiadas de cachotaría e tampas de lousas procedentes de canteiras ubicadas a kilómetros de distancia.

A escavación de San Lourenzo é un dos primeiros exemplos nos que se analizan cientificamente estes carbóns dentro das tumbas medievais en toda a Península Ibérica.

Tumba 50 San Lourenzo / XA

ÚLTIMAS

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...

Javier Arias e o piloto Eduardo Iglesias entregan agasallos de Nadal aos nenos e nenas ingresados no HULA

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o piloto Eduardo Iglesias...