Estamos visitando cada casa para coñecer que nos di a veciñanza. Estámolo facendo ben porque a xente non nos está reclamando nada. Noutras ocasións podían dicirche dalgunha cousa non feita, pero agora ninguén nos pide nada por non telo feito, nin piden nada para o futuro. Si vemos a indignación da xente coas estradas da Deputación.
As mentiras das candidaturas da oposición entorpecen esta campaña. Nesas listas hai xente que non está censada en Pantón ou que se censou para esta campaña. Como van mirar por Pantón se non teñen nada aquí? Enganan falando de que poden votar interventores e apoderados, cando quen vota son as persoas censadas no concello de Pantón. Enganan ao dicir que abandonarei a alcaldía despois de gañar. Estarei aquí sempre que a saúde o permita. Non son o alcalde que máis cobra na zona, son dos que menos. Estamos aquí para terminar as nosas propostas e completar outras novas que darán outro dinamismo a Pantón.
As obras están aí, as 25 traballadoras do SAF cubren un servizo fundamental no concello e este alcalde fixo todo o posible co tema do médico. Temos dous e pola tarde un terceiro, 3 días á semana. Iso foi un esforzo por parte do alcalde para facer todo o que se podía facer. Temos que poñernos en contexto e ver o que pasa en Monforte, que de 14 médicos hai 5.
Queremos facer as dúas residencias de San Rosendo, para unha imos dar licenza nestes días e para a outra faremos o plan especial, xa se teñen os 10.000 metros que fan falta para construír a residencia. Continuaremos coa traída de augas, nesta semana aprobouse unha obra moi demandada e desexada, o abastecemento de auga a Santiago de Castillón, San Vicente de Castillón e Santo Estevo do Mato.
Continuaremos coa rede de sumidoiros. Temos pendente facer o de San Martiño de Pantón por un millón de euros coa Confederación, o de Moreda está para contratar, acabamos Vilamelle e temos que acabar Tuiriz e Eiré. Ao final do mandato, teremos todas parroquias dotadas de auga e de sumidoiros.
Estámoslle dicindo a verdade á xente. Para este 28 de maio en Pantón só hai dúas solucións, ou goberna o tripartito ou gobernamos nós.
Un tripartito significaría unha parálise, non se poñerían nin de acordo e non sei de onde ían traer os cartos. BNG e PSOE levan 4 anos na Deputación e non foron capaces nin de tapar as fochancas das estradas e non trouxeron ningunha obra, ao contrario. Ao PSOE dálle igual que se fagan as obras como que non e o BNG votou en contra de moitas das obras que aprobou o concecllo como a entrada a Ferreira, a rehabilitación da casa do curro, melloras en Augas Santas, os saneamentos de Vilamelle ou Moreda, o pavillón deportivo, a adquisición da finca para o centro médico ou as axudas á hostalaría.
Para o día 28 pídolles que voten responsablemente, saben o que se xogan nestas eleccións, teñen un grupo de goberno que é coñecido, temos experiencia, saben que o que prometemos o facemos. Mentres, hai promesas incumpridas como a residencia da Deputación ou o Polígono Industrial. Esperemos que nestas eleccións a Deputación cambie de cor. A parálise que temos debémoslla á Deputación e ao BNG que non tran nada e poñen pedras nas rodas.