HomeOpiniónPintores de Carballedo, nacer en Carballedo ten o seu aquel artístico

Pintores de Carballedo, nacer en Carballedo ten o seu aquel artístico

A entrega do Billó de Ouro o 25 de novembro na Barrela levoume a pensar nos pintores de Carballedo. O organizador e mantedor do acto foi o pintor, Xosé Randolfe Vilariño, por ser o vicepresidente da Asociación Cultural e Gastronómica Luso-Galaica.

Publicado o

POR
Anxo González Guerra, Billó de Ouro 2023
- Advertisement -

Xosé Randolfe Vilariño é un dos ilustres de Carballedo, nado no lugar de Quintá do Monte en 1960, parroquia de Pradeda, exerceu de gandeiro ata a súa xubilación. Cunha boa formación artística, os seus cadros gozan dunha recoñecida consideración. Segundo a Galipedia, a súa pintura é froito dunha ampla mestizaxe, na que se atopan contribucións do expresionismo, surrealismo, nova figuración, arte pop etc… Tamén realizou incursións na escultura.

Colabora coa súa arte en múltiples eventos, como o Premio Moncho Pío de Chantada. Ten realizado unha morea de exposicións desde 1987. En varias ocasións expuxo no Círculo Saviñao a Última obra, feito do que deu conta este Xornal de Lemos. E aínda lle quedou tempo para exercer a política e o sindicalismo no sur de Lugo, tanto no PSOE coma en Unións Agrarias. Tamén é o autor do libro Olladas (Xunta de Galicia, 1999).

Nas palabras de agradecemento ao recibir o Billó falei de moitos ilustres de Carballedo que ben merecían ter unha rúa na Barrela. O sabio profesor Claudio Rodríguez Fer fíxome saber que esquecín un bo pintor nado en Carballedo, non citei a Miguel Karballo, un humanista, pintor e escritor.

Miguel Carballo Álvarez, que asina como Miguel Karballo, naceu no lugar de Surrego, parroquia de Buciños, en 1951. Pouco debe lembrar de Surrego porque a familia trasladouse en 1956 aos Chaos de Amoeiro en Ourense, pero non hai quen lle saque o de ser nado en Carballedo. E xa con 18 anos, en 1969, marchou para Madrid para continuar a formación autodidacta. Di na súa biografía que dende 1971, naquel Madrid inda dos tempos de Franco, decidín xogarme a vida afrontando unha dedicación exclusiva à pintura e dei saído adiante. Participou nunha morea de exposicións individuais e colectivas.

Paisaxe Carballedo / AGG

Segundo Tareixa Taboada “O artista experimenta, atraído polos elementos da paisaxe, o muralismo primitivo das culturas ancestrais, o reflexo da natureza en marcos fascinantes e a textura terrosa e aveludada do fresco acrílico que fai referencia á escavación arqueolóxica do interior no que se mergulla o espectador a través da intimidade e dun vitalismo que o fai colectivo. O seu compromiso plástico e social dilúe as formas de expresión, nunca o discurso”.

Tamén é autor de obras como Un bárbaro en Atenas (A fe no enbigo do mundo) -ensaio sobre a cultura e a fe occidental, escrito en galego dialectal e persoal-, Socioeconomía humanizada -sobre a autoorganización cidadá sociopolítica e económica-, A rota dos gansos -novela autobiográfica- e do libro, No fondo dos nosos abismos da nada a vida sigue.

Agora está establecido en Tamallancos (Ourense), coa pintora grega, Sula Repani (https://obradoirodeartetamallancos.blogspot.com/). E Sula Repani vai ler, en grego, o poema de Claudio Rodríguez Fer, “A Cabeleira”, no recital multilingüe en 70 idiomas que se celebrará en Lugo o 21 de decembro de 2023. Surrego, Chaos de Amoeiro, Madrid, Grecia, Tamallancos, Lugo… un poema dun lugués en 70 idiomas. Como cantaron as Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

Randolfe e Karballo na pintura, Buciños e os irmáns Dorrego na escultura, nacer en Carballedo ten o seu aquel artístico.

Randolfe / AGG

ÚLTIMAS

A Oficina de Turismo de Chantada obtén as certificacións de “Q  Calidade Turística” e “S Sostibilidade Turística”

O ICTES, Instituto para a calidade turística española e a sostibilidade vén de conceder...

Transporte adxudica obras de mellora en tramos da N-120 e da N-540

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou por 13.690.415,53 euros, IVE incluído, un...

Obras na LU-P-4103, en Ferreira de Pantón

A Deputación Provincial de Lugo informa de que ata finais de decembro, a circulación...

‘Castelao’, obra teatral de Culturactiva Produccións, en Quiroga

Culturactiva Produccións presenta este mércores 3 de decembro a obra “Castelao”. Esta actividade está...