Hai xa uns meses, dos compoñentes do Poetry Slam Carral xurdiu a idea de organizar o que se asemellaba a unha final de slam galega, cousa que o colectivo KulturN’aldea (organizador dos encontros de poesía escénica en Bóveda) apoiou dende o principio. Tratábase de montar un encontro cos gañadores das respectivas finais dos tres slams galegos: Poetry Slam Carral, Poetry Slam Compostela e Bóveda Slam Poetry.
SLAM GALIZA E ACTO DE SOLIDARIDADE CO POBO PALESTINO
O 28 de decembro, no “Lume E Ferro Taberna” de Carral, coincidindo de xeito nada casual coa conmemoración dos santos inocentes, a Asociación Eco-cultural Lacrar organizou un acto en solidariedade co pobo palestino e en contra do xenocidio provocado por Israel no que se incluíu o primeiro Poetry Slam Galiza coa participación de tres “eslameiros”, os gañadores dos respectivos slams galegos.
Anxo Mena presentou o evento, no que tamén participaron outros compoñentes da asociación cultural carraleña. A escritora e profesora Inma Otero Varela, que forma parte da organización e o escritor e tamén profesor Xosé Luís González Sende, máis coñecido por Séchu Sende, convidado por AEC Lacrar, léronnos algúns dos seus poemas e algúns temas de autores en lingua árabe traducidos ao galego. Tivemos a sorte de escoitar, ademais, a reprodución das gravacións duns poemas en voces orixinais en árabe.
No primeiro Poetry Slam Galiza participaron: Paula Pier, gañadora da final do Poetry Slam Compostela, Poesía da Casa (Inés Mosquera), gañadora do Poetry Slam Carral e o “eslameiro” Galego de Caracas (Simón Rodríguez), gañador da Gran Final do Bóveda Slam Poetry.
O encontro levouse a cabo con dúas roldas, nas que os poetas recitaron as súas pezas e recibiron a ovación do público, que tivo moito choio para puntuar as respectivas actuacións por mor da gran calidade de todas elas. Paula Pier proclamouse campioa e partillou o seu premio, un bolo de pan de Carral, con Inés e Simón.
Dou os meus parabéns e o meu agradecemento aos tres “eslameiros” polas interpretacións coas que nos agasallaron, e a Paula Pier por ser a primeira gañadora do Poetry Slam Galiza. Grazas a AEC Lacrar e a Lume E Ferro Taberna por acoller estes acontecementos culturais.
COMEZA A NOVA TEMPADA
O primeiro encontro da segunda tempada do Bóveda Slam Poetry celebrarase en Rubián (Bóveda) o domingo, 21 de xaneiro, ás 18:00, no Hotel Restaurante Arume. Coma sempre, a entrada é libre, até completar o aforo.
Agardo que o seguinte Poetry Slam Galiza pódase organizar en Bóveda.