O concello colleu o nome dunha das parroquias onde nalgún momento estivo a capital, hoxe na Barrela. Carballo é unha palabra anterior ao latín, que usaba robur (Quercus robur), da que vén o castelán roble, e dese robur é de onde sae a Roboira Sacra, o primeiro nome da Ribeira Sacra á que pertence Carballedo. Así que Ribeira Sacra foi no inicio Carballeira Sagra, polo que o noso concello é o que máis se achega á etimoloxía da Ribeira Saca. E ese Quercus é a orixe de Cerdido ou Cerdedo, que tamén é terra árbores e non de “cerdos”.
Dezaseis lugares teñen como nome Carballedo na Galiza, sen contar as variantes como Carballiño, Carballido etc. Ademais da parroquia de Carballedo temos outros tres lugares no concello que levan o carballo no topónimo:
- A Carballeira: terra onde hai carballos.
- Carballidiño: diminutivo de Carballido, é o mesmo ca Carballedo, lugar onde abundan os carballos.
- Trasar de Carballo: terras do señor Trasario onde hai carballos.
Hai bastantes topónimos do concello referidos a outras árbores:
- Abelairas: lugar con árbores que producen abelás.
- Acilleiros: lugar con espiñeiros, arbustos.
- Bidueiros: árbores do mesmo nome, chamadas bidros na zona.
- A Corna: cerdeira brava ou sanguiño.
- Erbedeiro: lugar onde abundan os érbedos ou albedros que dan amorodos. Nada que ver con herbas.
- Loureiro de Baixo e de Riba: xa o di o nome, loureiros.
- Mazaira: árbore que dá as mazás, noutros sitios maceira.
- Nespereira: a froiteira que dá as nésperas.
- Pereiro: lugar onde hai pereiras, as que dan as peras.
- Piñeiro: lugar onde hai piñeiros.
- Pradeda de Abaixo e de Arriba: terreo con falsos plátanos, pradairos. Tampouco ten relación con prado.
- Trasar de Sabugueiro: terreo do señor Trasario con sabugueiros.
Ademais temos no concello outros topónimos que “falan” de árbores:
- Bacelares: terreo de bacelos de vides, de vides novas ou para replantar
- O Bosque: pequena fraga, terreo con árbores.
- Enxerto: plantación de árbores, árbores enxertadas.
- O Souto: terreo con árbores, normalmente neste concello castiñeiros.
- Soutelo: pequeno souto.
Carballo da Casa Grande / AGG
Queda ben claro logo que este concello é unha terra con moitas árbores desde sempre. E tamén na microtoponimia abundan nomes como devesa, carballeira, souto etc, relacionados con árbores.
Xa que logo, é responsabilidade da veciñanza facer honra á etimoloxía dos lugares e manter a paisaxe ben arborada que nos legaron os devanceiros. Niso teñen moito que ver os gandeiros (como Os Parentes de Trasar) que traballan os eidos para que non sexan pasto dos incendios que acaban coas árbores.
E hai moito que conservar porque Carballedo é terra de árbores senlleiras recoñecidas pola Xunta de Galicia:
- Carballo do Pazo de Cartelos (Pazo de Cartelos): 30,20 de altura en 2018. O pai dos carballos galegos.
- Carballo Grande de Bustelo de Abaixo (Bustelo): 20, 20 de altura e 250-300 anos. Pegado á N-540.
- Carballo da Casa do Herdeiro (Casa do Herdeiro, parroquia de Carballedo): 19,20 de altura, 500 anos e cunha base redonda ben gorda.
- Carballo da Casa Grande (Casa Grande, Loureiro): 26,40 de altura e 250-500 anos, no medio dunha praza diante da casa.
- Carballo Grande do Mestre (O Barrio de Puga): 25,80 de altura e 250-300 anos, aos tres metros divídese en dúas grosas pólas. Pegado á N-540.
As cinco árbores senlleiras, carballos, non hai nome máis axeitado para o concello, pois. Boa leña para quentarse no inverno, belotas para os animais e sombra no verán. Aínda que a sombra é mellor a do castiñeiro que ten a copa alta e circula ben o aire, non hai tanta mosca e mosquito. Por algo as festas eran case sempre nos soutos.
Outro día falaremos máis polo miúdo de Trasar de Carballo e do Carballo de Cartelos, que os carballos dan para moito. Estean atentos ao Xornal de Lemos.
Carballo do Mestre no Barrio de Puga / AGG