HomeOpiniónCrónica do 2º Bóveda Slam Poetry do 2024

Crónica do 2º Bóveda Slam Poetry do 2024

Nese encontro, que tivo lugar no hotel Arume de Rubián, tres mulleres acadaron as primeiras posicións. A cunca de ouro foi para a bovedense, Yolanda Alcas, que fica así clasificada para a Gran Final.

Publicado o

POR
Xosé Casar (Piteira)
- Advertisement -

O segundo encontro de Bóveda Slam Poetry desta tempada celebrouse, coma o slam anterior, no restaurante do hotel Arume, en Rubián. Neste combate a golpe de versos, que transcorreu no serán do domingo 25 de febreiro, participaron poetas que xa o fixeran en encontros anteriores.

Neste segundo encontro estivo con nós Miguel Tierra, poeta e pintor monfortino que viña por primeira vez a un poetry slam. Miguel quedou encantado ao coñecer este xeito de poesía escénica e agasallounos abrindo o encontro a modo de “slammer de calibración”, recitándonos unhas pezas que o público puntuou coma adestramento, coma se formase parte do combate. Recibiu a puntuación e os merecidos aplausos do público, e a despois deu paso á competición.

“Neste segundo encontro estivo con nós Miguel Tierra, poeta e pintor monfortino que viña por primeira vez a un poetry slam”

Competiron neste slam: María Barrado, Ana Belén Gutirerrez (Anita Dinamita), Roberto do Pacio, Andrea Micc, J. J. Guille, Joserra e Yolanda Alcas, demostrando no escenario a calidade das súas obras e interpretacións.

Antes de dicirvos cales foron os gañadores e/ou gañadoras deste encontro quero lembrar, como xa doutras veces dixen, que sendo tan importante como é acadar a compensación de chegar ao podio, non é menos importante poder comunicar, saír e espirse diante do público. Iso, esa valentía, é algo que os que andamos nestas cousiñas valoramos enormemente. Tódolos participantes, sen excepción, merecen o noso inmenso agradecemento por nos deleitar coas súas obras.

Cunhas puntuacións moi axustadas, tres mulleres acadaron as primeiras posicións deste round. A cunca de ouro foi desta vez para a bovedense Yolanda Alcas, poeta que fica así clasificada para a Gran Final. A cunca de prata para María Barrado, poeta sarriana que participaba por segunda vez nun slam; e a cunca de bronce recibiuna Andrea Micc. As dúas mellores segundas posicións da tempada, quedarán tamén clasificadas para participar na Gran Final.

“A cunca de ouro foi desta vez para a bovedense Yolanda Alcas”

O vindeiro round celebrarase o sábado 30 de marzo ás oito da tarde no restaurante Arume, de onde sairá o terceiro clasificado para a Gran Final. Axiña se publicará o cartel cos poetas participantes sendo a entrada, coma sempre, libre.

O concurso está aberto a tódalas persoas que queiran participar, só teñen que mandarnos un correo electrónico a bovedaslampoetry@gmail.com. Intentamos chegar a cantos poetas poidan estar interesados en participar, publicando o noso cartel de convocatoria nas redes sociais e colocando carteis de inscrición, tanto no Concello de Bóveda coma en poboacións achegadas. Enviamos correos a tódolos poetas dos que temos contacto, e nos permiten facelo, para convidalos a inscribirse e a facer difusión do evento. É unha tarefa lenta, a da difusión, pero aínda así van chegando aos poucos novos participantes.

ÚLTIMAS

O Xeoparque organiza unha visita comentada na contorna do túnel de Montefurado

Este próximo sábado 14 de decembro o Xeoparque Montañas do Courel organiza unha xornada...

A Deputación investirá 1,2M€ na modernización do padrón municipal dos 67 concellos da provincia

Para esta iniciativa a institución provincial conta con 1,2M€ que conseguiu do Plan de...

Ampla e variada programación infantil para este Nadal en Chantada

No Pavillón Municipal de Chantada desenvolveranse do 23 de decembro ao 3 de xaneiro,...

42.000€ para un vehículo pick-up destinado a traballos medioambientais no Incio

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou este luns na entrega do novo...